Administración convocante: Consellería do Medio Rural
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221013/AnuncioG0520-290922-0002_gl.h
Prazo: Ata 15/11/2022
Resumo:
A Xunta inviste 2,6 millóns de euros nunha convocatoria dunha nova liña de axudas destinada ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita a Xilonor, empresa situada no concello coruñés de Coirós, e na que estivo acompañado por polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, así como por responsables da planta, dedicada á produción de madeira contralaminada.
Esta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, ten un carácter de concorrencia non competitiva, polo que se irán concedendo aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende mañá venres ata o vindeiro 15 de novembro, ou ata a finalización dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data.
Estas subvencións teñen como principais obxectivos loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.
Axenda da industria forestal
Neste acto, o conselleiro explicou que estas axudas, que se enmarcan dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, van destinadas tanto a pequenas e medianas empresas (pemes), incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como a persoas físicas.
Sinalou que serán subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, sempre que, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación).
Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados. Exclúese para este cómputo o uso da madeira nas carpintarías, pavimentos e acabados interiores. Ademais, no caso de pemes, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, a edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario asistencial, educativo, cultural ou deportivo. No caso de que os solicitantes sexan persoas físicas o uso será residencial unifamiliar.
Até un 90% de subvención
Así mesmo, José González destacou que a intensidade da subvención sitúase no 70 %, pero pode incrementarse nun 10 % no caso de utilizar madeira de montes galegos xestionada de forma sustentable (con certificación PEFC ou FSC) e outro 10 % se se dispón da marca de garantía “Pino de Galicia”, co que a axuda pode mesmo acadar o 90 %.
Enlace á resolución da convocatoria de axudas no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221013/AnuncioG0520-290922-0002_gl.h