“Non hai que ter medo á integración cooperativa: todo son vantaxes”

Entrevista a María Cruz Fernández Rodríguez, presidenta de Campoastur. Destaca que “a transparencia é fundamental no proceso de integración cooperativa” e cre que “é o momento de sentarnos e empezar a falar” coas cooperativas galegas.

“Non hai que ter medo á integración cooperativa: todo son vantaxes”

María Cruz Fernández Rodríguez, presidenta de Campoastur

Campoastur é hoxe a principal cooperativa do Principado de Asturias tras un proceso de integración que durou case seis anos. Constituíuse oficialmente a comezos de 2013 tras a fusión de 6 cooperativas (La Oturense, Cooperativa Agropecuaria de Cangas del Narcea, Aacomasi, Unión Ganadera de Tieneo, Cosea e Coastur). A día de hoxe conta con 6.500 socios, dos que 2.700 son produtores, e o resto procede dunha cooperativa de consumo. Conta con 150 traballadores fixos e no ano 2015 facturou máis de 57 millóns de euros.

Nun momento no que en Galicia tamén se está falando da necesidade de fusionar cooperativas para gañar competitividade, entrevistamos a María Cruz Fernández Rodríguez, presidenta de Campoastur, para que nos fale da súa experiencia.

En Galicia está a impulsarse neste momento un proceso de concentración cooperativa. En Asturias avanzastes máis nese proceso. Que vantaxes vos reportou?
Estou a favor da integración: considero que é moi necesaria e útil. Ten todas as vantaxes. No noso caso tivemos un prazo de seis anos para realizar a fusión e penso que foi excesivo. Neste sentido, recomendo que non se necesite tanto tempo. O proceso tense que realizar con transparencia e non hai que ter medo. É un proceso indispensable para competir no mercado actual e considero que aínda debemos seguir avanzando para crear cooperativas de maior tamaño.

Cales foron os principais obstáculos que tivestes que superar no proceso de integración en Campoastur?
O principal obstáculo fomos as propias xuntas reitoras que tiñamos medo e pensabamos que os nosos socios non ían aceptar a integración. E non houbo ao final ningún problema. O que si ten que ser é un proceso transparente e todo o demais é sentido común.

Desde o Ministerio está a impulsarse a integración de cooperativas a nivel estatal. Como ves este proceso?
Non entendo como neste momento de crise as cooperativas lácteas que hai en España non se unen, porque ningunha estao pasando ben con situacións como o aumento das marcas brancas ou o descenso do consumo de leite. Penso que teriamos que ir cara a unha integración das cooperativas lácteas, polo menos as da Cornixa Cantábrica.

 “Ten que ser un proceso transparente, e todo o demais é sentido común”

A cooperativa galega máis próxima a Campoastur é Os Irmandiños, Como é a relación entre as dúas?
É unha relación moi próxima desde hai moitos anos. Tamén temos relación con moitas cooperativas galegas a través de Delagro. E creo que é o momento de sentarnos e empezar a falar de algo máis. Creo que a situación na que estamos obríganos a pensar conxuntamente no futuro.

En Galicia parece que se está falando de dúas posibles fusións e paréceme moi ben, pero pola experiencia asturiana case recomendaría ir cara unha única cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información