O incremento dos insectos perforadores dos piñeiros é unha das ameazas que se presentan tralos incendios forestais, xa que non só afectarán ós exemplares queimados senón a aquelas masas de arborado lindeiras, que quedan debilitadas. Para reducir estes riscos nas zonas afectadas polos lumes o pasado verán no Courel e O Barco de Valdeorras, dende a Consellería de Medio Rural colocáronse caixas niño de paxaros e morcegos xunto con trampas de feromonas, para reducir a poboación destes insectos.
En concreto, nestes montes colocaron trampas de embude cebadas con feromonas sexuais para así capturar insectos perforadores. Na Pobra de Brollón (Lugo), o Distrito IX procedeu a colocar un total de 10 trampas. Mentres, no Barco de Valdeorras (Ourense), o Distrito XIII encargouse de distribuír outras 5 trampas.
Nalgunhas das trampas colocadas no Barco de Valdeorras chegaron a recollerse entre mediados de setembro e comezos de outubro un total de 430 insectos, mentres que en decembro cesaron as capturas.
Nas situadas na Pobra do Brollón houbo trampas que chegaron a acumular arredor de 2.500 exemplares entre os meses de outubro e novembro. Cómpre ter como referencia, que a poboación destes insectos en zonas non afectadas polos lumes é moito menor e tamén as capturas. Así é que nunha trampa colocada en Bóveda no mes de outubro só se contabilizou un cento de exemplares.
Paxaros e morcegos, os aliados naturais
Outra das medidas de control biolóxico da praga que levaron a cabo nestas zonas foi a colocación de caixas niños para paxaros e morcegos, depredadores naturais destes insectos. Así é que, unha parella de ferreiriños coas súas crías poden chegar a comer máis de 50.000 eirugas e máis de 15 millóns de insectos. Mentres, un morcego pode consumir máis de 3.000 insectos nunha noite.
Como sinalan dende Medio Rural, nas zonas afectadas polos lumes danse as condicións para colocar este tipo de caixas-niño, posto que tanto aves coma morcegos carecen de zonas de refuxio ou para aniñar. Ademais, disporán de alimento á par que reducen a poboación de insectos que poden provocar pragas forestais.
En concreto, colocaron caixas niño de paxaro indicadas para páridos e outras pequenas aves insectívoras. Están situadas a unha altura de entre 4-5 metros e teñen un burato de entrada orientado entre o Norte e o Sureste. Mentres, no caso das caixas para morcegos están situadas como mínimo a 4 metros de altura e a entrada está disposta pola parte inferior.
A Pobra DO Brollón, por favor 🙏