“Os becerros de menos peso son os que están sufrindo máis a baixada de prezo”

A caída duns 60 céntimos en quilo desde o mes de decembro ameaza a rendibilidade das explotacións de Ternera Gallega Suprema. Os matadoiros alegan saturación do mercado polo excedente de animais habitual nesta época

ganderia Rubio Martinez SC (Lancara)

A caída de prezos na Ternera Gallega Suprema foi de 60 céntimos desde o mes de decembro

As ganderías de vacún de carne en extensivo están a pasar de novo momentos delicados. O prezo dos xatos caeu con forza nos meses de decembro e xaneiro e desde entón acumula unha baixada de entre 60 e 70 céntimos en quilo.

As principais industrias que sacrifican e comercializan carne amparada pola IXP Ternera Gallega achacan esta situación aos problemas para dar saída á produción, habituais nesta época do ano. Por parte dos produtores, sen embargo, acúsase aos matadoiros de aproveitarse da situación para baixar artificialmente os prezos, pois interpretan que a axuda de 200 euros por animal certificado da Xunta puxo nas súas mans unha arma inesperada coa que “chantaxear” aos gandeiros con non recollerlles os becerros. A cuestión é que só os xatos certificados en matadeiro como Ternera Gallega poderán cobrar a axuda.

Os xatos de menor peso son os que están a sufrir unha devaluación maior e Novafrigsa, o principal operador, xa anunciou un cambio nos tramos polos que paga, subindo o listón dos 180 kg canal até os 200 kg canal, cunha baixada doutros 25 céntimos nos animais que estean por debaixo dese peso.

Estannos pagando a Suprema a 5,60-5,70€ kg canal, ao mesmo prezo que meten os becerros pintos que traen de Salamanca

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, da que forman parte unhas 500 explotacións de toda a comunidade, quéixase das presións dos matadoiros para seguir baixando as cotizacións de referencia para a IXP Ternera Gallega na Mesa de Prezos do Mercado de Amio, que se celebra os mércores, alegando exceso de oferta, ao tempo que sacrifican becerros frisóns procedentes de fóra da comunidade.

“No mes de decembro aproveitaron para baixar en picado. Agora estanse vendendo a 5,60-5,70€ os xatos de Suprema das categorías U e E e están matando becerros pintos que veñen de Salamanca tamén a 5,60€ kg canal, ao mesmo prezo que a Suprema, e mandando añojos de 400 kg para Argelia a 6,10 e 6,20€. Temos unha carne dunha calidade excepcional pero que non repercute en nada no produtor”, quéixase.

Os matadoiros penalizan máis os animais con poucos quilos

Dentro dos xatos de Suprema, os de menos peso son os que perderon máis valor. “Un macho de conformación U entre 160 e 180 quilos anda polos 5,40€ kg canal, baixaron este ano 30 céntimos”, explica Olaia Rocha Fraga, que se encarga da administración e xerencia de Artesáns Gandeiros, a cooperativa de segundo grado formada por Clun, Cooperativa Lemos e A Carqueixa.

“Nós mandamos para Novafrigsa e, según nos comentan, non dan vendido e se conxelan perden a marca. Os animais con menos quilos están máis castigados para que a xente os aguante un pouco máis, pero hai veces que cumpren os 10 meses e as explotacións téñenos que sacar con quilos ou sen eles”, recoñece.

Programación semanal

Artesáns Gandeiros comercializou o ano pasado un total de 3.845 animais, procedentes dunhas 200 explotacións de toda Galicia, 2.321 deles xatos de Suprema, outros 551 de cebadoiro e 258 sen marcar pola IXP, máis un total de 686 animais de vacún maior.

Traballan sempre cunha programación semanal que comunican con anterioridade ao matadorio e en épocas coma esta, de escasa demanda, é cando estas programacións se volven imprescindibles.  “As planificacións semanais son moi importantes e son unha garantía. Nosoutros como cooperativa temos que sacarlle o gando ao socio como sexa, sexa inverno ou sexa verán. Non somos un tratante, que pode mercar menos unha semana porque non hai saída. Temos a obriga de sacarlle os xatos que o noso socio gandeiro ten para vender, por iso para nós a planificación é algo fundamental”, recoñece Olaia.

Facemos unha planificación e adiantámoslle ao matadoiro cantos animais imos mandar cada semana

Neste momento estamos metendo todas as semanas uns 45 animais de Suprema e de momento non tivemos especiais problemas para dar saída ao gando, porque lles adiantamos cantos animais lles imos mandar cada semana. Esa planificación é necesaria e ten que ser o máis axustada posible, e máis nesta época do ano na que hai menos venda e máis gando”, di.

A recuperación de cara ao verán faise agardar

A caída de prezo nos meses do inverno e comezos da primavera é algo habitual, pero este ano está a darse con máis intensidade. “Os prezos non teñen nada que ver cos do ano pasado nestas datas e o desplome que hai en comparación non ten moita xustificación. Pero nós prevemos que ata mediados ou finais de maio non haxa recuperación nos prezos”, avanzan desde Artesáns Gandeiros.

Tiña que estar subindo a carne xa con forza; a tendencia foi subir sempre despois de Semana Santa

Gandeiros Galegos da Suprema, pola súa parte, esixe aos matadoiros que non retrasen a revalorización dos xatos que sempre se produce a medida que se achega o verán. “Tiña que estar subindo a carne xa con forza; normalmente a partir da Semana Santa subía, pero este ano nin iso. Esta semana na Mesa de Prezos as industrias querían mesmo seguir baixando, dicían que esa era a tendencia para as vindeiras semanas”, denuncia Santiago Rego.

Desestacionalizar partos

“Din que temos que programar partos e ter eses xatos que temos no inverno para o verán, cando fan falla, pero despois non nolos pagan. Ten que haber unha diferenciación clara para que o produtor teña eses animais nesa data, porque os custos son tamén distintos e para iso no verán ten que estar o kilo no entorno dos 7 euros”, argumenta o presidente dos produtores de Suprema.

Ten que haber unha diferenciación clara no prezo para que o produtor programe partos

“Cambiar a maneira de traballar nalgúns casos é complicado, sobre todo no caso de explotacións de xente maior que están en Suprema. Noutras explotacións con persoas máis novas e máis profesionais podería adoptarse, pero con incentivos, porque iso custa cartos e dá traballo”, concorda tamén Olaia.

Os custos de produción seguen altos

Santiago é moi crítico coa industria por aproveitarse dos momentos de excedentes para tirar os prezos e non actuar do mesmo xeito á inversa, cando non chega a produción para abastecer o mercado. “Nos momentos nos que falta gando, de xuño a decembro,  subiron só 6 céntimos, cando nas dúas primeiras semanas de xaneiro xa baixaron eses 6 céntimos. Cando falta carne tiran dos prezos para riba co freo de man e cando sobra carne tiran os prezos e meten animais de fóra. Estabamos vendendo a 6,20-6,30€, polo que a baixada foi de 60 ou 70 céntimos. Estamos falando da rendibilidade do xato”, afirma.

Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está

Esta baixada de prezos tan acusada non concorda cun descenso parello dos custos de produción, que se moderaron algo a respecto de hai un ano, pero moito máis levemente. “Os cereais baixaron unha barbaridade pero o penso non tanto, estámolo pagando aínda a case 400 euros co IVE, e a palla está a 200 euros a tonelada. Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está, porque traes un viaxe de palla e fúndeste 4.000 ou 5.000 euros”, di, agardando que a situación cambie de cara ao verán, coa nova colleita en Castela, que se prevé mellor que a do ano pasado.

Menor dependencia dos intermediarios

Diante do control que a industria acaba exercendo sobre toda a cadea, a estratexia da cooperativa A Carqueixa está a ser a de comercializar directamente a maior parte dos becerros dos seus socios, conseguindo deste xeito manter o prezo medio neste momento nos 6 euros o quilo canal.

“No noso caso para maiorista vai moi pouco. Libramos por iso”, asegura o presidente da cooperativa, Antonio Del Pueblo Alonso, gandeiro de Moreira, en Cervantes. Á hora de mandar para matadoiro seleccionan os animais en función do seu uso final para rendibilizalos o máis posible. “Os xatos culóns mandámolos para a industria con destino aos supermercados, son canais con moito rendemento cárnico. Nós, pola contra, buscamos un nivel maior de engraxamento nos animais que comercializamos directamente”, explica.   

O prezo medio seguímolo tendo nos 6 euros neste momento

“Logramos xa dar saída nós ao 75% da carne que producimos  entre a sala de despece e a carnicería. Desde a sala de despece subministramos ao comedor de Inditex e algo tamén a hostelaría e desde a carnicería que temos na Praza de Abastos de Lugo, onde agora temos maior capacidade tras unir dous postos, ademais de vender directamente a consumidores tamén mandamos os lotes de carne por internet, que están a ter moi bo ritmo de venda”, detalla o presidente da Carqueixa.

 “A nosa intención é medrar por aí e pola comida elaborada”, conta. Fan catro platos: xarrete con castañas, callos, caldo, e tenreira guisada con salsa de figos. “A idea con iso é darlle maior valor engadido ás partes que menos saída teñen e poder aproveitar todo o animal ao completo”, explica.

O noso obxectivo é ir repercutindo toda mellora no prezo que imos conseguindo no socio

A Carqueixa conta neste momento con 215 socios, que manteñen activas un cento de ganderías de vacún de carne cunha produción total de 750 animais sacrificados ao ano, entre xatos e vacas. “Desde que empezamos coa comercialización directa medramos todos os anos arredor de 150 canais, tanto de socios novos que se incorporan á cooperativa como de socios que non vendían a través da cooperativa e que volven mandar gando con nós. Moita xente vendía a tratantes, pero a diferenza de prezo que temos é moi notable, porque o noso obxectivo é ir repercutindo no socio toda mellora no prezo que imos conseguindo”, asegura Antonio.

Outra das claves para este crecemento é a confianza dos socios nos pesos que acompañan as liquidacións. “Nós só descontamos o 2% e hay ademais outros factores a ter en conta, porque existe moita diferenza nos pesos entre matar nun matadoiro e noutro”, di, por exemplo.

“O embudo témolo na industria”

A falta dun prezo de venda que cubra os custos de produción e deixe unha marxe para os gandeiros, a rendibilidade das explotacións de vacún de carne depende neste momento en boa medida das axudas, tanto as da PAC como as subvencións extraordinarias que se levan artellando trala covid e a guerra de Ucraína, ou a anunciada o pasado ano pola Xunta para as granxas inscritas na IXP Ternera Gallega.

Esa axuda, de 200 euros por xato, prevese que sexa cobrada neste mes de abril (sempre que os cambios na Consellería non interfiran) no caso dos animais sacrificados en 2023. “Según os nosos cálculos sobra 1 millón de euros dos 12 millóns que había previstos e pediremos unha reunión coa nova conselleira para que a axuda se manteña este ano. Entendo que non vai haber modificacións nese sentido, porque o compromiso era mantela este ano tamén”, lembra Santiago Rego.

Pero para cobrala, unha das condicións é que os animais marcados como Ternera Gallega sexan sacrificados en matadoiro e ese requisito estase a converter nun elemento de presión máis á hora de fixar os prezos. “É unha arma máis que lle deron á industria que non necesitaba, porque xa tiñas moitas”, di.

Contratos impostos

Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema poñen o foco na situación de inferioridade na que se atopan os produtores fronte aos matadoiros, que controlan o sacrificio e a comercialización dos animais amparados pola IXP Ternera Gallega.

Ameázante con que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión

“Téñennos amarrados porque saben que a axuda vai ter que ser certificada polo matadoiro, esa é a realidade. Esa é a presión que temos. Están ameazando que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión, e son contratos que din expresamente que cubres os custos de produción cando non é certo, pero se non os firmas non che levan o animal, e se non che levan o animal non cho certifican, e se non cho certifican non vas poder cobrar a axuda”, relata Santiago.

“O embudo témolo na industria. Sería unha válvula de escape polo menos poder despezar fóra de Galicia porque senón ao final tes que caerte na industria de aquí e son 4 as que máis traballan a marca da IXP. Téñeno todo moi amarrado. Se nos dan a axuda de 200 euros por un lado e no la sacan por outro, ao final a axuda non é para nós, é para o matadoiro”, denuncia.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información