A Moexmu acollerá o vindeiro ano o Concurso Autonómico de Gando Frisón FEFRIGA 2022

A 38 edición da Mostra Exposición de Muimenta, que se celebrará na primeira fin de semana de abril no recinto feiral Manuel Vila López, contará ademais, como vén sendo habitual, con poxa de gando selecto e exposición de animais de raza rubia galega

Frisona_moexmu_02_standarA Moexmu, a Mostra Exposición que se celebra desde o ano 1987 en Muimenta, no concello lugués de Cospeito, volverá celebrarse o vindeiro ano logo do parón obrigado pola pandemia nas dúas últimas edicións. O certame trae ademais novidades de cara á edición do 2022, a trixésimo oitava, na que potenciará o seu concurso de gando.

Así, o Concurso de Gando Frisón da Moexmu dará un salto de calidade ao adquirir, por primeira vez na súa historia, carácter autonómico. O recinto feiral Manuel Vila López acollerá deste xeito na primeira fin de semana de abril, coincidindo coa Moexmu, o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022.

O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo

O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo, logo de que outros semellantes foran decaendo e acabaran por desaparecer. O de Muimenta, sen embargo, mantén o seu prestixio, atraendo ano tras ano a máis dun cento de animais de gandeirías de toda Galicia.

Os organizadores queren aumentar a contía dos premios a repartir para animar a participación das gandeirías

O nivel do concurso da Moexmu está fóra de toda dúbida, convertido nun dos máis prestixiosos de Galicia a día de hoxe. O esforzo económico para a celebración deste concurso absorbe practicamente a metade do orzamento total da Mostra Exposición de Muimenta e só en premios repártense máis de 12.000 euros, unha contía que a organización quere aumentar o vindeiro ano para animar a participación das gandeirías.

Animais nados en Galicia e propiedade de gandeirías galegas

A celebración do 30 Concurso Autonómico de Raza Frisona na Moexmu 2022 constitúe un verdadeiro respaldo de todo o sector á feira de Muimenta e ás actividades que desde o ano 1987, ano da celebración do primeiro Concurso de Gando na Moexmu, levan a cabo os empresarios da localidade a través da comisión organizadora.

O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, de Vila de Cruces

A efectos do concurso autonómico só poderán participar animais nacidos en Galicia e propiedade de gandeirías galegas. No recinto feiral Manuel Vila López poñerase deste xeito de manifesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos animais criados en Galicia e potenciarase a orientación dos gandeiros máis novos cara a unha selección rendible e correcta da súa cabana.

A Federación Frisona Galega celebrou a última edición do Concurso Autonómico no mes de setembro en Lalín, coincidindo con Feiradeza

O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, a explotación ubicada no concello pontevedrés de Vila de Cruces. A Federación Frisona Galega celebrou a última edición do Concurso Autonómico no mes de setembro en Lalín, coincidindo con Feiradeza, onde tamén se alzou co triunfo Rey de Miñotelo

Escaparate do potencial gandeiro da Terra Chá

A Mostra Exposición e o Concurso de Gando teñen lugar no recinto feiral Manuel Vila

Tanto a Mostra Exposición como o Concurso de Gando teñen lugar no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta

A Mostra Exposición de Muimenta, a Moexmu, volverá ser os días 1, 2 e 3 de abril un escaparate de todo o potencial gandeiro da comarca da Terra Chá e unha cita ineludible para o sector primario da provincia de Lugo.

Trátase dunha cita asentada e que mantén o seu poder de convocatoria, tanto a nivel de expositores e gandeirías participantes, como de público asistente, superando, nas últimas edicións celebradas antes da pandemia, as 15.000 persoas nos tres días nos que ten lugar.

Concellos como A Pastoriza, Cospeito ou Castro de Rei son dos máis gandeiros de Galicia, cunha importante especialización na produción de leite

Ano a ano a Moexmu non só mantén o seu nivel como escaparate do sector gandeiro, senón que suma novidades edición tras edición converténdoa nun referente a nivel galego. A súa feira multisectorial, que ocupa 15.000 metros cadrados, conta cun cento de expositores coas últimas novidades en maquinaria agrícola, e é parte central da Moexmu xunto co concurso de gando frisón, o único destas características que se celebra na provincia de Lugo.

Engádense outros atractivos que xuntan moito público, como un concurso de novos manexadores organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros, unha exposición de gando de raza rubia galega, que chega á súa 36 edición, e a poxa de gando selecto, que se comezou a facer fai 26 anos e que constitúe unha boa oportunidade para conseguir animais de grande valor xenético dalgunhas das mellores gandeirías da provincia de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información