A Moexmu recibe o XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural polo seu 40 aniversario

aresa_premiadoO acto de entrega do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que congregou esta tarde no auditorio da Facultade de Veterinaria a personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, foi presidido polo o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, acompañado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o conselleiro de Medio Rural en funcións, José González.

Tamén estiveron presentes o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; a conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal; a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero, e a vicepresidenta de Aresa, Carlota López Pardo.

O reitor da USC deulle inicio á gala e concedeulle a palabra a Elena Pérez Canal, membro do xurado desta edición, que impartiu a conferencia maxistral “O aceite que pon en valor a gastronomía local”.

Durante o relatorio falou de como construír marca reivindicando o patrimonio culinario, as festas gastronómicas ou as tradicións e fixo referencia á premiada deste ano tamén neste sentido, como unha feira de recoñecido prestixio e recoñecemento que celebrará en abril a súa 40 edición.

Como exemplo fixo un repaso polas últimas campañas publicitarias da súa marca, Aceites Abril, nas que puxeron voz a persoas anónimas que conforman o universo gastronómico galego, como ela mesmo apuntou, “as produtoras e elaboradoras que miman e coidan os produtos da terra e do mar para que receitas de toda a vida cheguen ás nosas mesas”. Así mesmo, afondou tamén na riqueza das terras galegas e na importancia de continuar dándolle o valor que merecen, xa que son produtoras de grandes alimentos, “como é o ouro líquido de inigualable sabor” que eles mesmos comercializan.

De seguido, o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga López, leu publicamente a acta co fallo do xurado na que destacaron o papel da Moexmu para a profesionalización do sector gandeiro, a remuda xeracional, o desenvolvemento rural e a posta en valor da gastronomía local.

O conselleiro de Medio Rural en funcións fixo entrega da placa conmemorativa do Premio Aresa a José Manuel Rus, xerente da Moexmu, e o presidente de Aresa rematou a entrega do galardón coa parte económica, 10.000 euros.

A 40 edición da feira, en abril

auditorio_aresa (2)

A continuación, José Manuel Rus dirixiuse ao auditorio e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa, á Universidade e aos membros do xurado, “é moi gratificante para min e para todo o equipo recibir este premio”.

Enumerou os obxectivos principais da feira, como son “potenciar o sector primario a través sobre todo do concurso, da exposición, da poxa e tamén da artesanía, co exemplo dos zoqueiros; loitar contra o despoboamento, gran problema do rural a día de hoxe, e recoñecer tamén o espírito emprendedor da veciñanza de Muimenta”.

Rus finalizou a súa intervención solicitando que Aresa e a USC “deberían tamén ter algún tipo de recoñecemento por promover iniciativas coma a deste Premio” e convidou a todos os asistentes a achegarse á vindeira edición da Moexmu, que cumplirá o seu corenta aniversario a primeira fin de semana de abril.

Tras a entrega do Premio e as palabras de agradecemento do premiado, interveu Álvaro Rodríguez Eiras, quen reforzou unha vez máis a contribución desta feira ao rural lucense e agradeceu a asistencia de todo o público. Inmediatamente, deulle paso á vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, quen tomou a palabra en nome da entidade.

López Pardo salientou a transformación do rural á que asistimos durante os vinte e catro anos de celebración deste premio e fixo referencia ás protestas que o sector agricultor e gandeiro está levando adiante nas últimas semanas en toda Europa, ante as que transmitiu o seu total apoio “para garantir a súa supervivencia”.

Puxo tamén de manifesto os retos aos que se terá que enfrontar o mundo rural, “a adaptación a normativa medioambiental, a remuda xeracional e a competitividade”, pero tamén enumerou as oportunidades coas que xa se contan, como “o alto grao de tecnificación e profesionalización das empresas, das que son exemplo a gran parte das candidaturas ao Premio”. Da Moexmu, a vicepresidenta de Aresa, destacou “a súa ampla traxectoria, a súa implicación con empresarios e empresarias da comarca e o desenvolvemento de novas iniciativas cada ano”.

Carlota López agradeceulle, por último, á Universidade de Santiago de Compostela, a súa total dedicación para seguir adiante co Premio Aresa, aos membros do xurado –Antonio López, reitor da USC; Francisco José Fraga, vicerreitor do Campus de Lugo; Elena Pérez Canal, conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, e Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC– o seu esforzo para resolver esta edición e ao conselleiro e a todos os asistentes, a súa presenza no acto.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López Díaz, felicitou unha vez máis a Moexmu e ao resto de candidaturas presentadas nesta edición. Recoñeceu a Álvaro Rodríguez, como “un exemplo de vitalidade e de compromiso co rural” e augurou “un futuro por diante para moitas máis edicións do Premio Aresa”.

A gala foi clausurada polo conselleiro de Medio Rural en funcións da Xunta de Galicia, José González, que resaltou “o seu compromiso pleno co sector e con este tipo de certames como a Moexmu porque un dos nosos obxectivos debe ser apoiar todos os proxectos que estean encamiñados a mellorar o medio rural”.

Resto de candidaturas presentadas

Xunto coa Moexmu, postuláronse como candidatos desta edición o proxecto Eo Alimenta, o proxecto Moirai, Slow Food Compostela, Apicultura no Concello de Boborás, o proxecto H2GZ As Pontes. The City Under The Lake, Cosmética Muuhlloa, Traloagro, Puresa, a Asociación Soutos do Courel, a candidatura conxunta dos grupos de investigación Farmatox e NanoMag, da Facultade de Veterinaria e da Facultade de Física da USC, respectivamente, e o traballo Influencia dos residuos de funxicidas a base de mepanipirim sobre a composición aromática do viño.

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información