Micotoxinas: como reducir o impacto que poden causar na alimentación do gando?

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago desenvolve un novo método de multianálise pormenorizado de micotoxinas. Coñecemos máis detalles deste avance e algunhas recomendacións para evitar a contaminación de micotoxinas nas forraxes na gandería

Micotoxinas: como reducir o impacto que poden causar na alimentación do gando?

Os silos do millo é un dos puntos de maior risco de micotoxinas na gandería.

As micotoxinas poden converterse nun auténtico quebradeiro de cabeza nas ganderías ó estar detrás de moitos problemas de saúde que contraen os animais. Afeccións reprodutivas e inmunolóxicas poden deberse á presenza de micotoxinas que alteren a saúde do gando. Tamén son a causa, en ocasións, dos problemas derivados da redución de inxesta de comida ou dunha baixa taxa de conversión alimenticia, por iso tanto para os fabricantes de pensos como na propia gandería, as micotoxinas é un tema ó que prestar especial atención.

Un avance levado a cabo por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ofrece maior claridade na detección das micotoxinas, cun novidoso método que permite analizar de forma conxunta ata 40 micotoxinas. “Este método supón unha gran vantaxe sobre os procedementos tradicionais, que están pensados para estudar a presenza dunha ou unhas poucas toxinas”, explica Jesús González Jartín, un dos investigadores que participou neste traballo dende o departamento de Farmacoloxía da Facultade de Veterinaria, no Campus de Lugo.

O novo método de análise permite detectar de forma conxunta ata 40 micotoxinas, o que axiliza o proceso, pese a ser unha técnica complexa

Ata o de agora, unha mostra tiña que ser analizada por varios métodos para asegurar que os niveis de toxinas cumpran cos niveis máximos permitidos ou recomendados na Unión Europea. “O noso método detecta de forma simultánea tódalas toxinas lexisladas”, apunta Jesús González Jartín. Esta nova metodoloxía vai máis alá e tamén permite detectar toxinas novas. “Podemos monitorizar toxinas emerxentes, das que aínda non coñecemos ben a súa toxicidade, e toxinas modificadas, é dicir, toxinas lexisladas ou emerxentes que sofren unha modificación química; por exemplo, polo metabolismo das plantas”, concreta a investigador.

Unha soa análise para alertar das toxinas prexudiciais

Unha das principais vantaxes que proporciona esta nova técnica é que ofrece cunha soa analítica unha visión completa de tódalas toxinas que poderían ser prexudiciais para o gando. Así, o método permite analizar tódalas micotoxinas para as cales hai establecidos uns límites máximos ou recomendacións. Entre estas micotoxinas atópanse algunhas das máis frecuentes como as aflatoxinas, deoxinivalenol, zearalenona, fumonisinas, ocratoxina A, toxinas T-2 e HT-2. Ademais, tamén conseguen detectar formas modificadas do deoxinivalenol, zearalenona e fumonisina, xunto con toxinas emerxentes coma beauvericina e as enninatinas.

Polo momento, este método emprégase para análise de leite, cervexa e varias materias primas, en concreto millo, grans secos destilados solubles (DDGS), trigo, farelo de trigo, cebada, alfalfa, soia e xirasol. Ademais, pode utilizarse para materias similares e os investigadores xa probaron a aplicalo a pensos comerciais e lograron resultados satisfactorios.

“Na actualidade, dentro do proxecto europeo Agritox estamos a incrementar o número de toxinas que podemos detectar e validando novos métodos para o seu uso noutras materias primas coma en silos e alimentos como o queixo”, detallan dende o equipo investigador.

Así, o novo método pode ser aplicado tanto en fábricas de pensos como en laboratorios de control, aínda que recoñecen que se trata dunha tecnoloxía complicada e para a que se precisa de persoal especializado.

Detectar as toxinas na granxa

Na granxa, a presenza de micotoxinas está moi condicionada polo tipo de forraxe e a contaminación pode producirse tanto no campo como no almacenamento. A herba seca e os silos de herba non adoitan mostrar problemas de contaminación, aínda que en ocasións pode aparecer patulina, ácido micofenólico e outras toxinas producidas por fungos do xénero Penicillium, pero que, polo xeral, non causan intoxicacións agudas no gando. O principal problema son os silos de millo, que poden conter unha gran variedade de micotoxinas producidas por fungos de varios xéneros.

Os silos de millo son un dos principais focos nos que se poden producir contaminacións por micotoxinas

As micotoxinas que se atopan con máis frecuencia son as producidas por fungos do xénero Fusarium, principalmente fumonisinas e deoxinivalenol, que proceden principalmente do millo. “As toxinas producidas por Fusarium, como deoxinivalenol, zearalenona e fumonisinas, proveñen da contaminación no campo, e tan só se conseguen minimizar eliminando as plantas afectadas, que poden identificarse, en moitas ocasións, por ter coloracións vermellas ou violetas”, concreta Jesús González.

A aparición de toxinas producidas por Aspergillus e Penicillum, como as aflatoxinas, ocratoxina ou gliotoxina vai depender das condicións do silo. “As condición climáticas de Galicia non son adecuadas para que se produza contaminación con aflatoxinas ou ocratoxina, aínda que si se empregan pensos elaborados con materias primas doutras rexións si que poderían aparecer”, puntualiza o investigador.

Por outra banda, outras toxinas emerxentes que tamén son detectadas con moita frecuencia son a beauvericina e eniantinas, aínda que en concentracións moi baixas, tal e como sinalan os expertos.

Boa parte das micotoxinas que poden aparecer nas granxas causan unha variedade de síntomas pouco específicos no gando, pero que condiciona o seu benestar e produción

Na gran maioría dos casos, estas micotoxinas causan unha variedade de síntomas pouco específicos no gando, pero que condiciona en gran medida a súa saúde e rendementos. Unha baixada da produtividade, do peso ó nacer ou a perda de capacidade reprodutiva e o aumento de infeccións ligadas a unha supresión inmunitaria son algunhas das consecuencias máis frecuentes derivadas da presenza de micotoxinas nas forraxes.

“As micotoxinas máis perigosas son as aflatoxinas -pouco habituais en Galicia-, que causan dano hepático e cancro, ademais pasan ó leite e ós ovos”, explican os investigadores. En xeral, cada micotoxina afecta de xeito especial a unha especie. Por exemplo, o deoxinivalenol afecta á produción porcina causando inmunosupresión e que os animais rexeiten a comida, chegando a producir vómitos, por iso é coñecida como vomitoxina. Mentres, a zearalenona afecta a ruminantes causando abortos, celos irregulares, hipertrofia da glándula mamaria e vaxinites.

Recomendacións para reducir o risco de micotoxinas na granxa

“A prevención da formación de micotoxinas no campo é esencial”, inciden os investigadores. Recollemos unha serie de recomendacións realizadas polos expertos que poden contribuír a reducir o risco de contaminación por micotoxinas na granxa:

1_ Facer análisis do solo antes da sementeira para axustar á fertilización ás necesidades, co fin de evitar o estrés das plantas por falta de nutrientes.

2_ Eliminar os restrollos, xa que poden facer de substrato para o crecemento de fungos produtores de micotoxinas.

3_ É importante evitar a masificación das plantas mantendo a distancia recomendada para as variedades cultivadas.

4_ Evitar plantar o mesmo cultivo no mesmo campo dous anos consecutivos. Para evitar esta repetición de cultivos pode resultar de utilidade establecer un plan de rotación de cultivos.

5_ Despois da floración, debe evitarse a presenza de malas herbas no cultivo e téñense que minimizar os danos mecánicos e os causados por insectos.

6_ Optar, sempre que sexa posible, por variedades con resistencia a enfermidades fúnxicas ou a danos por insectos.

7_ Programar a colleita para que o gran esté en plena madurez e teña un baixo contido de humidade, a non ser que isto supoña sometelo a condiciones extremas de calor, precipitacións ou seca.

8_ No ensilado, a mellor forma de previr as micotoxinas é realizar un bo empaquetado para eliminar todo o aire.

9_ Poden empregarse aditivos no ensilado que reducen o pH, o que evita o crecemento dos fungos. Por exemplo, os ácidos orgánicos coma o ácido propiónico axudan a acadar a acidez necesaria para a conservación sen depender exclusivamente dos ácidos producidos por microbios.

10_ Planificar o tamaño do silo para que se adecúe ás necesidades da gandería. Neste senso, é preciso manter un avance rápido na fronte do silo, en torno os 15-20 centímetros por día, e así evitar o seu deterioro.

11_ Empregar só produtos autorizados pola Unión Europea como axentes redutores ou detoxificadores. “Nos últimos anos introducíronse no mercado diversos “secuestrantes” cuxo obxectivo é evitar a absorción das micotoxinas no intestino dos animais. Estes produtos mestúranse no penso, pero a sua eficacia é cuestionable, por iso é recomendable usar só os produtos autorizados pola UE”, apuntan os expertos. Polo de agora, só hai tres produtos autorizados: bentonita (1m558) para a redución de aflatoxinas, a esterasa de fumonisina (1m03) para a redución destas micotoxinas, e unha cepa de Coriobacteriaceae (1m01) para a detoxificación de tricotecenos coma o deoxinivalenol. Estes ‘secuestrantes’ foron os únicos que demostraron a súa eficacia para diminuír os efectos tóxicos das micotoxinas en animais. Neste sentido, o equipo investigador do proxecto Agritox, está a desenvolver novos métodos de detoxificación baseados na nanotecnoloxía cos que pretenden eliminar as micotoxinas das materias primas evitando que cheguen ós animais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información