Medio Rural estuda crear cuadrillas de substitución para granxas afectadas pola Covid-19

Medio Rural estuda crear cuadrillas de substitución para granxas afectadas pola Covid-19

A medida contempla contratar peóns agrarios para realizar tarefas coma o muxido.

A Consellería de Medio Rural está a avaliar a creación de cruadrillas de peóns para facer substitucións naquelas ganderías cuxos propietarios ou traballadores se vexan afectados directamente polo coronavirus e teñan que afrontar a enfermidade ou pasar unha corentena. Estas cuadrillas estarían integradas por peóns agrícolas especializados en muxido e maquinaria.

A medida inclúese nun paquete de propostas que a administración está a estudar para afrontar as consecuencias da Covid-19 nos distintos sectores agrarios e gandeiros. Aínda por concretar os pormenores, a disposición anunciouse nunha reunión celebrada a comezos de semana e na que participaron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e organizacións agrarias.

A proposta de poñer en marcha distintas brigadas para garantir que a actividade nas ganderías poida continuar en caso de sufrir un contaxio por coronavirus responde a unha petición realizada por Unións Agrarias, que se amosa satisfeita coa sensibilidade da Consellería respecto desta situación. “Hai un problema real para os gandeiros cun positivo de Covid-19, posto que poden illar ós traballadores dunha granxa e a gandería é unha actividade que non pode esperar”, explica José Ramón González, responsable de Agricultura e Producións Extensivas de Unións Agrarias.

A organización agraria solicítalle ademais á Consellería a continuidade destas cuadrillas de substitución no sector gandeiro. “O que demandamos é que estas brigadas, aínda que non sexan subvencionadas ó 100%, que continúen despois da Covid-19, porque lle vai permitir a moitos gandeiros descansar algún día”, apunta González.

Polo momento, dende a Consellería de Medio Rural só confirmaron que están a avaliar a aplicación desta medida, mais non quixeron concretar prazos. Porén, en dita reunión, segundo Unións, apuntaron a que a orde podería quedar aprobada esta mesma semana.

Máis información
-Recomendacións para granxas familiares con casos positivos de coronavirus.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información