O veterinario Víctor Manuel López Rodríguez ofreceu nas XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro algúns consellos prácticos para reducir as incomodidades do gando na sala de espera, un lugar polo que as vacas pasan cando menos dúas veces ao día e que se pode converter nun foco de estrés para elas.
“A sala de espera debería ser unha zona de transición rápida onde as vacas permanezan o menor tempo posible, non un lugar onde as amoreamos á espera de ser muxidas”, asegura Víctor, que na súa charla, titulada A sala de espera desespera, deu unha serie de recomendacións sobre como manexar as vacas no período de tempo que pasan desde que saen da zona de alimentación e cubículos até que entran na sala de muxido.
A sala de espera non debería existir como un lugar onde amoreamos vacas, senón unha zona de transición rápida
“A sala de espera desespera, pero a quen? Ás vacas, aos gandeiros, á rendibilidade da explotación?”, preguntouse o veterinario do servizo de calidade do leite de Seragro, que detallou que na actividade diaria óptima da vaca tres cuartas partes do seu tempo (unhas 18 horas) debería pasalo rumiando e descansando. “Debemos conseguir que as vacas pasen a maior parte do día comendo e descansando”, insistiu, polo que é contraproducente que transcorra máis dunha hora desde que a vaca sae da zona de cubículos e alimentación para ir muxirse até que volve.
Adaptar os lotes á capacidade da sala de muxido
Por iso, é fundamental adaptar o tamaño dos distintos lotes á capacidade da sala de muxido (número de puntos), de maneira que se reduza o tempo de espera. “O tempo na sala de espera debería ser o menos posible; o ideal sería que as vacas non botasen máis de 30 minutos esperando e un cuarto de hora muxíndose”, explica Víctor.
O ideal sería que as vacas non botasen máis de 30 minutos na sala de espera e 15 minutos na sala de muxido
O tempo de muxirse debería estar entre os 10 e os 15 minutos, en función da produción do animal, o momento da lactación e o tipo de vaca (velocidade de fluxo, vacas duras, etc). Ese tempo incluiría a entrada e saída á sala de muxido (a sala paralela e a rotativa son máis rápidas para a entrada e saída dos animais que a tándem e a espiña de peixe), o tempo de preparación (entre minuto e minuto e medio) e o tempo de muxido propiamente dito (entre 4 e 6 minutos).
“Se temos 4 voltas de vacas por 15 minutos de media de tempo de muxido son xa os 60 minutos, que sería o tempo máximo que debería estar unha vaca fóra da zona de alimentación e descanso”, indica o veterinario de Seragro.
Deseño da sala de espera
“As salas de espera deben ser máis longas que anchas, cunha proporción 2 a 1 (2 metros de longo por cada un de ancho), con entrada pola parte de atrás para que ao entrar as vacas se dirixan á sala de muxido, que é o que queremos”, asegura.
Nas salas moi anchas as vacas dispérsanse moito e non se favorece o avance cara á sala de muxido
O espazo idóneo nunha sala de espera é de 1,8 metros cadrados por vaca. “Se temos moitas vacas coa cabeza erguida e co lombo arqueado quere dicir que non respiran e non caben ben. Se iso pasa na vosa sala de espera é que tendes vacas de máis ou sitio de menos”, dixo Víctor aos gandeiros asistentes ás xornadas técnicas de vacún de leite.
Para ampliar a capacidade da sala de espera pode pecharse con cancelas algún pasillo da zona de cubículos pero non se deben aproveitar espazos mortos que non sexan axeitados. “As salas de espera con recovecos fan que constantemente teñamos que ir buscar vacas”, di Víctor.
O arrimador é unha ferramenta que hai que usar con sentidiño, non é un apilador de vacas
As entradas deben ser amplas. “Se traballamos con lotes de entre 80 e 90 vacas faríannos falla 3 metros de anchura na entrada á sala de espera e con máis de 100 vacas necesitariamos 5 metros. Deste xeito conseguimos que entren de maneira doada e evitamos que se golpeen”, aclara.
Debemos evitar que as entradas ás salas de espera sexan polos laterais, porque iso crea certo caos
En canto á pendente do chan da sala de espera, Víctor asegura que “se pode ser do 0% mellor, pero como máximo do 2-3%”. “Con pendentes moi elevadas ás vacas cústalles moito avanzar e acentúanse os problemas podais porque cargan máis peso nas patas posteriores e tenden a poñerse de lado ou mesmo de cu cara a sala de muxido.
A pendente do chan non debe superar o 2-3% para que ás vacas non lles custe avanzar e non provocar problemas podolóxicos
Ademais nos sistemas de lavado do chan por flushing, “cando temos pendentes elevadas a auga baixa moi rápido e en vez de arrastrar o lixo do chan salta por riba del e temos un lavado moi ineficaz”, asegura.
Iluminación e ventilación
Debido ao cambio climático, o estrés calórico do gando nos establos vai a máis e débese aproveitar o momento do muxido para baixar a temperatura corporal dos animais. “A sala de espera é un lugar perfecto para refrixerar as vacas, porque van pasar por ela 2 ou 3 veces ao día”, lembra o veterinario de Seragro.
A sala de espera é un lugar perfecto para refrixerar vacas e que entren frescas e tranquilas a muxirse
A sala de espera debe estar ben ventilada (ao estar as vacas xuntas a temperatura increméntase) e o ideal é que conte con sistemas de aspersores e ventiladores cos que lograr empapar de auga ás vacas evaporando o seu calor corporal mediante circulación de aire.
Outro aspecto a ter en conta é o da iluminación. “Moitas veces atopámonos cunha sala de muxido moi ben iluminada pero ao lado a sala de espera moi escura. Iso é un problema porque estamos obrigando ás vacas a un contraste lumínico ao que lles custa moito adaptarse e que simplemente poñendo unhas luces para iluminar a sala de espera resolvemos”, indica Víctor.
Nin berrar nin dar golpes
As vacas teñen bo oído, pero moléstanlles os ruídos fortes, bruscos e estridentes. “A menos 10 decibelios, cando nós non estamos escoitando nada, elas xa están oíndo perfectamente, pero a partir de 70 decibelios xa se empezan a molestar”, explica Víctor.
O nivel de ruído tolerable para unha vaca estaría nos 70 decibelios, que é o ruído habitual nunha sala de muxido
“O nivel de ruído habitual que hai nunha sala de muxido sitúase neses 70 decibelios, polo que canto máis ruído metamos a maiores peor”, afirma. “Hai que evitar berrar, tanto entre nós como coas vacas. Falarlles ás vacas non é malo, pero nunca berrarlles; hai que falarlles de xeito pausado e que asocien a voz da persoa a un estímulo positivo”, di.
A utilización de música na sala de muxido para o veterinario de Seragro non ten demasiada utilidade. “As radios non deben estar a moito volume e se se quere poñer música que sexa constante, sen altibaixos que as asusten”, aclara.
Tamén recomenda evitar ruídos estruturais estridentes ou chirridos molestos dos ferros, que son moi frecuentes nos establos. “Algúns deles soluciónase simplemente botándolle un pouco de aceite ás cancelas ou poñendo unha goma entre dous ferros e outros son ruídos pneumáticos para os que hai silenciadores. Deberiamos evitar que as vacas e nós mesmos teñamos que sufrir este tipo de ruídos nunha sala”, asegura. Tampouco se debe petar nos ferros para que as vacas anden. “Non serve absolutamente para nada; é algo contraproducente”, afirma.
Acostumar ás xovencas a entrar á sala antes do parto
No momento no que ás vacas que están agardando na sala de espera lles toca entrar a muxirse, hai que facer un manexo dinámico, acompañando a súa entrada con movementos en sentido contrario ao que se teñen que dirixir para que avancen cando algunha se queda clavada. “Non debemos estar chantados na entrada da sala de muxido mirando o móbil, nin dando golpes ou berrando, porque o que faremos será asustar ás vacas”, indica Víctor.
Para o manexo das primeirizas, recomenda “non deixalas para o final do lote de muxido”. “As primeiras veces que se moxen teñen medo e tenden a irse para atrás e quedar rezagadas, pero entrarán mellor á sala se van polo medio de outras vacas”, di.
Aconsella tamén meter ás xovencas antes de parir á sala de muxido. “Penso que estamos facendo un mal manexo das xatas desde que nacen ata que paren, porque nunca estamos con elas . Deberiamos de gastar un pouco máis de tempo en ter contacto coas xovencas e levarnos ben con elas para evitar ter que pelexar despois na sala”, asegura.
Boas rutinas de preparación das vacas
Unha das partes esenciais dun bo muxido pasa por establecer rutinas correctas de preparación das vacas nas salas (limpeza de pezóns, primeiros chorros, etc). “Se facemos unha boa preparación e temos vacas tranquilas o muxido é moito máis rápido e doado”, di.
Ademais de establecer protocolos a seguir, hai que comprobar que se cumpren por parte do persoal encargado de muxir e que son eficientes. “O obxectivo é que ao colocar as pezoneiras empece a caer o leite mantendo un fluxo alto e continuo até o final, cando actúan os retiradores. Desta maneira teremos unha vaca perfectamente muxida en 5-6 minutos”, calcula.
O muxido bimodal dase máis nas salas e establos nos que hai présas
Pero se non preparamos ben as vacas previamente ou temos vacas estresadas, advirte, “teremos muxido bimodal, no que non cae leite ou cae moi pouco durante os primeiros 40 ou 50 segundos e o muxido alóngase moito máis tempo porque o fluxo é menor”, describe. “Ás veces mesmo salta o retirador porque non detecta leite, polo que temos que volver colocar as pezoneiras no modo manual e o muxido pasa a durar 7, 8 ou incluso 10 minutos”, relata.
O muxido bimodal, di, “dase máis nas salas e establos nos que hai présas”, pero aclara que “a présa é un concepto humano; a vaca nunca ten présa”. “Se acabamos provocando sobremuxido, facéndolle dano á vaca e estropeándolle o esfínter do pezón, esa vaca vai ter unha lembranza negativa para o día seguinte e vai entrar máis mal a muxirse”, evidencia.
Á hora de muxir hai que tratar de ser o máis eficientes posible pero sempre respectando os tempos da vaca
Á hora de buscar rapidez e eficiencia, “non por ter máis xente na sala de muxido vai ser mellor”, asegura. “Temos que ter as menores persoas posibles pero moi preparadas. Hai que dar formación e cursos de reciclaxe aos traballadores cada 5-6 meses para refrescar ideas e corrixir erros”, recomenda Víctor.
Sen obstáculos nin distracións á saída da sala
A zona de tránsito á saída da sala de muxido debe estar sempre limpa e sen obstáculos. “Na saída da sala hai habitualmente máis atrancos que nas entradas e iso ralentiza moito os cambios. Temos que acompañar ás vacas no seu percorrido e ver onde e por que se paran e tratar de corrixir eses elementos”, afirma.
Para favorecer o fluxo de vacas, a zona de saída debe estar ben iluminada, para que as vacas non teñan medo a saír dunha zona moi luminosa, como acostuma ser a sala de muxido, e entrar nunha zona do establo moi escura. “As luces non deben estar nunca enfocadas aos ollos das vacas, xa que as van deslumbrar e vai ser peor o remedio á enfermidade”, advirte Víctor.
O manexo das vacas para a saída da sala de muxido debe ser, o mesmo que para a entrada, dinámico, pero sen molestalas nin berrarlles
Nas salas nas que se comparte o pasillo de volta coa propia sala de espera o veterinario de Seragro é partidario de poñer paneis opacos de separación para que as vacas que saen de muxirse e as que agardan a entrar non teñan contacto visual e non se distraian ou enreden unhas coas outras. “Débese separar con planchas opacas, pero que non sexan planchas metálicas brilantes, que molestan moito ás vacas”, indica.
“Temos que levar as vacas con tranquilidade, sen asustalas, porque o que non queremos é meter vacas nerviosas á sala de muxido”
A sala de muxido constitúe o verdadeiro corazón dunha gandería de leite e as salas de espera non son un elemento que se poida disociar da sala de muxido, ao igual que os corredores que conducen a esta parte do establo. Todos estes elementos conforman un todo coa sala de muxido e deben ser considerados en conxunto con esta zona tamén á hora de manexar aos animais.
Por iso, é necesario actuar dun xeito correcto desde o mesmo momento en que levantamos ás vacas dos cubículos para conducilas a muxirse. “Temos que levar as vacas con tranquilidade, sen asustalas, porque o que non queremos é meter vacas nerviosas á sala de muxido”, argumenta Víctor.
Unha vaca nerviosa pode estar nese estado de estrés entre 30 e 45 minutos e pasarlle esa ansiedade ás vacas que teña ao seu lado
Afirma ademais que “é importante saber como pensan as vacas, como reaccionan ante determinadas circunstancias, a que lle teñen medo ou como ven”. “Para min un dos maiores erros que cometemos hoxe en día nos establos é pensar que as vacas son coma nós, que pensan coma nós e reaccionan coma nós”, di.
Un dos maiores erros que cometemos hoxe en día nos establos é pensar que as vacas son coma nós e como descoñecemos ese comportamento creamos patróns de manexo completamente inadecuados
“E iso lévanos a construír estruturas nos establos que non favorecen en nada o comportamento do animal ou a seguir patróns de manexo completamente inadecuados, porque as vacas reaccionan ante os estímulos dun xeito completamente distinto a como o facemos nós”, insiste.
As vacas: curiosas e medosas
As vacas son animais herbívoros presa de depredadores carnívoros. Iso fai que estean en todo momento alerta vixiando o seu entorno ante posibles ataques, o que as converte en curiosas e medosas por natureza. “Calquera elemento novo que haxa no establo, ou por exemplo se hai un plástico voando, enseguida irán mirar que pasa”, describe Víctor.
O cerebro da vaca non é capaz de fiar unha idea con outra ata chegar a unha conclusión; ten sobre todo memoria fotográfica
En canto á capacidade cognitiva, o cerebro da vaca é pouco evolucionado e non é capaz de enlazar unhas ideas con outras. “Teñen unha memoria máis ben fotográfica coa que relacionan os distintos espazos con actividades diferentes, é dicir, aquí como, aquí bebo, aquí descanso ou alí teño medo”, explica.
A pupila do ollo da vaca é rectangular e grazas a iso as vacas son capaces de ver todo ao seu redor agás nunha zona cega que coincidiría coa prolongación do rabo, e que é moi útil para o seu manexo. Son ademais animais que crean unha zona defensiva de exclusión ao seu redor, que varía en función da vaca e na que non queren ter a ninguén.
A visión da vaca está deseñada para detectar perigo e percibir movementos rápidos e agresivos na súa contorna
“A súa visión bifocal é moito peor ca nosa e perciben as cores dun xeito moi distinto ao noso. Cústalles moito pasar rapidamente dunha zona clara a unha zona escura porque as zonas claras para elas brilan moito máis e as escuras son moito máis profundas; por iso o que para nós é unha simple sombra no chan a elas créalles moito medo porque ven un burato”, asegura Víctor.
As vacas teñen querencia pola cor amarela; gústalles moito
Tendo isto en conta, o veterinario de Seragro recomenda unha serie de pautas de manexo, como son evitar facer movementos bruscos no entorno das vacas, aprender a manexar a súa zona cega e a súa zona defensiva para movelas cara onde nos interese e evitar facerlles pasar rapidamente de zonas moi claras a zonas moi escuras e viceversa.