Recomendacións para granxas familiares con casos positivos de coronavirus

A expansión da enfermidade nalgunhas comarcas gandeiras é motivo de preocupación no agro, pois as granxas non poden parar a actividade. Consultamos coa Asociación Galega de Cooperativas os pasos que se recomendan seguir ante posibles positivos

Recomendacións para granxas familiares con casos positivos de coronavirus

Como é posible manter a actividade das granxas e cumprir coas obrigas de illamento cando se detectan casos positivos nunha gandería?. É unha cuestión que preocupa no agro, pois máis alá das medidas preventivas fronte ó coronavirus, non existe un protocolo oficial sobre como proceder. As ganderías loxicamente teñen que seguir muxindo e alimentando ós animais.

Nas granxas de maior tamaño, con varias persoas socias e/ou empregados, é posible que unha parte do persoal se poida facer cargo de todo o traballo, seguindo protocolos como os aconsellados noutros países, como Estados Unidos, pero nas ganderías familiares, a situación complícase. Consultamos con Higinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), as recomendacións que se lle están transmitindo ás granxas socias desde as cooperativas.

“O primeiro é avisar ás autoridades sanitarias de que hai un caso positivo ligado a unha explotación gandeira. Non hai outra opción” -valora Higinio-. “As autoridades sanitarias terán que tomar a decisión que corresponda en función de como se xenere ese positivo”.

Na hipótese de que se trate dun caso leve e a persoa positiva ou algún contacto familiar próximo poidan seguir atendendo á granxa, desde Agaca entenden que é posible e necesario manter a atención á gandería. “Se se trata dunha granxa familiar, de haber un positivo a familia enteira estaría afectada por unha corentena, polo que terían que illarse no posible e circunscribir o seu traballo ó ámbito da explotación, evitando as saídas salvo casos imprescindibles, nos que terían que ir con tódalas proteccións”.

De xeito paralelo, a granxa afectada por un positivo ten que avisar ás persoas ou servizos cos que teña trato cotiá para indicarlles que eviten a visita á explotación durante o periodo de illamento ou corentena.

Dado que haberá servizos que teñan que seguir acudindo á granxa durante ese periodo, como o de recollida de leite, cómpre tamén facer unha limpeza en profundidade da gandería, en especial das zonas ás que van acudir as visitas, como a leitería. Evitarase ademais estar presente na granxa durante o proceso de recollida do leite.

Esas son as recomendacións que se manexan desde as cooperativas, se ben non se trata dun protocolo oficial. Preguntado Higinio sobre se Sanidade estaría de acordo con estas medidas, o director de Agaca apunta que non queda outra alternativa. “Estamos concienciados de que hai que tomar todas as medidas preventivas necesarias, como a corentena, pero as granxas teñen que seguir operando, aínda que só sexa por unha cuestión de benestar animal e para evitar problemas sanitarios”, subliña o director de Agaca.

Casos graves
O peor escenario posible daríase no caso de que a persoa que leva unha granxa non poida atendela por estar nunha fase grave da enfermidade. “As cooperativas saben que aí temos un problema e non hai solucións maxistrais. É certo que hai cooperativas que teñen servizos de substitución que puntualmente poden prestar atención a unha granxa, pero normalmente son servizos que teñen o seu calendario de traballo programado e o normal é que non teñan tempo para atender este tipo de imprevistos”, incide Higinio Mougán.

“Para un periodo dunha semana ou 15 días, sempre se poden buscar solucións, ben sexa un veciño ou amizades, xa que o agro adoita caracterizarse pola súa solidariedade, pero é certo que teriamos un problema”, recoñece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información