A Xunta concede 10 millóns para accións de silvicultura en máis de 4.000 hectáreas de coníferas e frondosas

A Xunta concede 10 millóns para accións de silvicultura en máis de 4.000 hectáreas de coníferas e frondosas

Piñeiral sen tratamentos silvícolas de poda e rareo. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios forestais, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, convocadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. O orzamento, que nun inicio era de case 9,5 millóns de euros, finalmente chegou a preto dos 10 millóns.

Os beneficiados son aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto da axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén asociacións de propietarios particulares ou cooperativas agrarias. Cómpre sinalar que as achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cunha aportación Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dun 7,5% e da Xunta, do 17,5%.

O orzamento é bianualizado, polo que así se asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal e do emprego que xeran. Medio Rural lembre que, entre os anos 2016 e 2022, a Xunta concedeu máis de 77 millóns de euros a uns 3.000 beneficiarios, que puideron realizar tratamentos silvícolas en 42.307 hectáreas de terreos forestais. A estas cifras hai que sumar esta convocatoria con case 10 millóns de euros para accións silvícolas en 4.577 hectáreas, polo que o financiamento para este tipo de axudas dende o ano 2016 ata este 2023 é de case 87 millóns de euros.

Dúas liñas de axuda

Esta convocatoria conta con dúas liñas de axudas, unha dedicada aos tratamentos silvícolas como as rozas, desmestas, rareos e podas, co fin de crear descontinuidades de vexetación no terreo, e outra para os tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vencelladas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información