Medio Rural anuncia que haberá 700 beneficiarios das axudas para plans de ordenación forestal

A Consellería proxecta facer pública a resolución a próxima semana. Ourense é a provincia que aglutina máis achegas, con 270 proxectos que recibirán 1,6 millóns de euros

Medio Rural anuncia que haberá 700 beneficiarios das axudas para plans de ordenación forestal

Traballos silvícolas nun monte veciñal. / Arquivo.

A resolución da convocatoria de axudas para elaborar instrumentos de ordenación ou xestión forestal notificaráselle ós beneficiarios a próxima semana, segundo avanzou hoxe o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, que participou nun acto na Veiga (Ourense) conxuntamente co director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema. As axudas, que suman máis de 4,5 millóns de euros, irán a parar a 700 beneficiarios.

A maior parte dos apois corresponden á provincia de Ourense, que aglutinará 1,6 millóns de euros para case 270 solicitantes. Séguena, por esta orde, Lugo -con case 1,5 millóns para máis de 200 beneficiarios-, Pontevedra -con máis dun millón para case 170 solicitantes- e A Coruña -con case 325.000 euros para preto de 60 beneficiarios-.

Na súa intervención hoxe na Veiga, nun acto ligado ó sector forestal, José Luis Chan puxo de relevo que esta convocatoria establece un firme compromiso coa certificación da xestión forestal sustentable, toda vez que as axudas están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de obter dito selo de certificación nun período dun ano dende o seu pagamento.

A certificación forestal, xestionada por un sistema recoñecido internacionalmente (PEFC ou FSC) tras unha auditoría previa, asegura que o manexo do monte cumpre cos estándares de sustentabilidade económica, social e medioambiental esixidos no mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información