En Galicia hai na actualidade 18 aldeas modelo en marcha, cun total de 531 hectáreas mobilizadas para a produción agraria. A creación das aldeas modelo foi unha das estratexias anunciadas o pasado ano pola Xunta para xestionar a biomasa arredor dos núcleos de poboación. En total, o conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou onte que hai 60 peticións para a posta en marcha de aldeas modelo, das que 18 están operativas, acadando a un total de 2.600 persoas propietarias e 10.500 parcelas.
O conselleiro, que visitou onte unha aldea modelo en Osmo (Cenlle, Ourense), anunciou tamén a creación dunha comisión técnica de silvopastoreo. O obxectivo é impulsar o uso do gando no monte (vacún, ovino e cabrún, porcino, etc.) para reducir a biomasa, especialmente nas aldeas modelo.
Os integrantes da comisión técnica visitarán nas próximas semanas distintas aldeas modelo e efectuarán recomendacións para a xestión do silvopastoreo nas mesmas, valorando tamén o gando máis aconsellable.
Este órgano técnico está coordinado polo subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Alejandro Sánchez de Dios. Os demais integrantes son Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC; Francisco Javier Silva Pando, experto en silvopastoreo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, adscrito a Medio Rural; Santiago Crecente, xefe de Departamento do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e representante da Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra, e Jorge Mourelo, subdirector xeral de Gandaría da Consellería do Medio Rural.
Polígonos agroforestais
Con respecto aos polígonos agroforestais, González salientou que xa se foron levando a cabo, nos anos 2018 e 2019, iniciativas piloto en zonas coma O Courel, Sober ou Os Ancares (na provincia de Lugo) ou Cualedro (na de Ourense). Engadiu que se traballa tamén noutras áreas, caso de Santaia-Foxado (Curtis, A Coruña), cunhas 3.200 hectáreas, e Carzoá (Cualedro, Ourense), con outras 185 hectáreas.