Medio Rural anuncia apoios ó pastoreo en áreas estratéxicas de prevención de lumes

A Xunta desenvolverá un plan piloto con rabaños propios na comarca do Xurés e proxecta unha convocatoria da axudas para accións de silvopastoreo noutras comarcas

Medio Rural anuncia apoios ó pastoreo en áreas estratéxicas de prevención de lumes

Gandería en extensivo na serra do Xurés. / Arquivo.

A Xunta proxecta fomentar o pastoreo en zonas estratéxicas para a prevención de incendios, con dúas liñas: un plan piloto de rabaños públicos (propiedade da Xunta) para o control da biomasa na contorna de aldeas da comarca do Xurés e cunha convocatoria de axudas para o pastoreo en extensivo. Con estes dous proxectos, a Xunta calcula que se xestionarán 5.000 hectáreas a través do gando en extensivo, como alternativa á maquinaria.

O Consello da Xunta deulle este luns o visto bo ao Plan de prevención de incendios forestais, que estará en vigor ata marzo de 2025 e que conta con 41 millóns de euros. Con este plan prevese actuar en máis de 60.000 hectáreas. Como novidade dentro do plan, búscase prever os lumes mediante o uso de gandería en extensivo. Segundo explicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, farase mediante gando propio, propiedade da Xunta, ou mediante axudas para promover este sistema entre os gandeiros. A previsión é xestionar 5.000 hectáreas mediante esta fórmula que favorece o desbroce natural.

Ampliación de contratos de persoal laboral de extinción
No ámbito da prevención, sobresae a ampliación dos contratos do persoal laboral do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF), que aumentarán gradualmente o seu período de contratación dende os 6 ata os 9 meses. Rematado este novo proceso de estabilización, en 2026, todos os integrantes do servizo (3.000 persoas) traballarán, como mínimo, ao longo de 9 meses ao ano, incidindo nunha maior intensidade dos traballos preventivos. Tamén no eido preventivo, a Administración autonómica destaca a renovación do protocolo de colaboración entre a Xunta e Deputación de Ourense. Con este convenio, actívanse catro pilotos para dotar con 16 novas brigadas por seis meses a catro mancomunidades da provincia, o que reforzará o traballo de prevención en arredor de 320 hectáreas de áreas cortalumes e faixas auxiliares.

Inclúense tamén no Plan as medidas con cargo ao convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, Altri e Inditex, que financia actuacións estruturais destinadas á recuperación do territorio galego afectado por incendios forestais de singular incidencia, chegando ás comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central de Ourense.

En referencia á fronteira con Portugal, avanzarase na fixación de áreas estratéxicas preventivas na loita contra os lumes transfronteirizos, ademais de contar coa nova base aérea de Verín-Oímbra, xa operativa esta campaña. Estes traballos de planificación na Raia arrancarán nun piloto que inclúe a ampliación dun souto de castiñeiros como área cortalumes na parroquia de Videferre (Oímbra), ademais de actuacións previstas noutros concellos da mesma comarca limítrofes con Portugal

O plan conta con dous bloques: un dirixido a accións para a poboación e outro en medidas centradas no territorio

Entre as finalidades específicas do plan preventivo están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais ou a planificación preventiva, xestionando a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas, incluído o fomento de actuacións silvopastorais e pasteiros.

Estrutura do plan
Este plan estrutúrase en dous bloques: a programación de accións dirixidas á poboación e as centradas no territorio. As primeiras teñen que ver, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar e do rural, con 300 charlas aos estudantes e 35 accións formativas en parroquias de alta actividade incendiaria, así como campañas nos medios. Neste apartado tamén se inclúe o traballo relacionado coa tramitación do anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais, actualmente en trámite de análise e resposta das alegacións recibidas.

O segundo gran bloque recolle medidas as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas ou devasas en terreo forestal).

Este plan integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2024 que, como é habitual, aprobarase antes do inicio da tempada de alto risco de lumes, que arranca o vindeiro 1 de xullo.

Queimas prescritas
No marco das actuacións de prevención, este ano prevese actuar con queimas prescritas, de redución do mato, en arredor de 1.680 hectáreas de terreo, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información