Máis da metade das adegas da Ribeira Sacra xa remataron a vendima

Unhas 35 adegas continúan coa recollida da uva, nunha campaña que comezou máis cedo que outros anos. Lévanse recollidos case 3,5 millóns de quilos

Publicidade
Máis da metade das adegas da Ribeira Sacra xa remataron a vendima

Os traballos de recollida da uva lévanse a cabo entre medidas de prevención do Covid-19. // Foto: Consello Regulador Ribeira Sacra.

Ás portas da última fin de semana de setembro, das 93 adegas acollidas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra que vendiman nesta campaña, 58 xa completaron os traballos. Porén, 35 adegas están nestes días vendimando e, a diferenza doutros anos, non queda ningunha adega por comezar. Cómpre recordar que o ano pasado, a 30 de setembro, aínda había adegas pendentes de comezar coa vendima na demarcación.

Os datos manexados pola DO esta semana apuntan que xa levan recollidos uns 3.496.411 quilos de uva. Predomina o Mencía, variedade da que colleitaron polo momento uns 2.809.318 quilos. Entre as castes tintas séguelle a Garnacha con 82.783 quilos, o Merenzao con 51.022 quilos. Variedades coma o Caíño contabilizan uns 26.432 quilos, o Brancellao 25.461 quilos e de Araúxo acadáronse xa 19.497 quilos. As variedades máis escasas son Mouratón ( con 3.365 quilos) e Grao Negro, do que se apañaron, polo de agora, 50 quilos.

Nas castes brancas, o Godello é a variedade máis popular e xa se levan recollidos 338.708 quilos, séguelle Albariño da que se contabilizan 62.789 quilos e Treixadura con 35.514 quilos. Porén, o resto de variedades brancas non chegan aínda ós 10.000 quilos. Así, de Dona Branca cóntanse 6.653 quilos, de Branco Lexítimo uns 4.272 quilos, de Torrontés 3.060 quilos e de Loureira acadáronse 2.511 quilos polo de agora.

Esta campaña, dende o Consello Regulador prevén recoller unha menor cantidade de uva que noutras vendimas, porén a uva presenta un estado sanitario óptimo. Os traballos de recollida estanse desenvolvendo este ano entre as medidas de seguridade necesarias para a prevención do Covid-19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información