EDV, unha adega da Ribeira Sacra que aposta polos viños brancos

Pablo González é viticultor e catador profesional. Leva 25 anos facendo viños brancos nunha zona caracterizada polos tintos e que está a atravesar neste momento problemas importantes para dar saída á produción trala pandemia

Publicidade
Pablo, nun dos viñedos a carón do río Lor

Pablo, nun dos viñedos da adega familiar en Margaride

Na aldea de Margaride, pertencente á parroquia de Quintá de Lor (Quiroga) está EDV Viticultores, un proxecto familiar de elaboración e comercialización de viño que está a medrar, coa plantación de vides de variedades como godello, treixadura, branco lexítimo ou loureiro e a construción dunha nova adega enfocada tamén cara o enoturismo.

Na casa de Pablo, a Casa do Cosme, sempre se fixo viño, igual que na maioría das da zona. O seu pai, José González Losada, marchou de funcionario a Ponferrada pero mantivo as vides até que no ano 1999 Pablo decidiu que quería vivir no rural e apostou por profesionalizar a produción.

“Cando empezamos tiñamos uns 5.000 metros cadrados en 3 ou 4 parcelas”, lembra Pablo. Hoxe traballan máis de 10 hectáreas (6,5 propias e 4 mediante outro tipo de tenza) e están a preparar o terreo para plantar outras 4 hectáreas, tres delas pegadas á adega pola parte de arriba.

Traballan 10 hectáreas e están a plantar outras 4. Fan diferentes tipos de viño, desde viño de mesa a viños especiais

Ademais de decantarse polos viños brancos dentro dunha Denominación de Orixe caracterizada polos tintos, EDV busca diferenciarse a través dos seus viños de garda e de barrica e a nivel produtivo, leva a cabo medidas culturais na viña para reducir o uso de fitosanitarios.

Aposta polos brancos na terra dos tintos

Pablo apostou sempre polas variedades brancas nos seus viñedos. “A primeira planta de godello que mercamos trouxémola no ano 1992”, destaca. Nas novas hectáreas que están a plantar o 95% van ser tamén castes brancas, sobre todo godello, pero tamén treixadura, branco lexítimo e loureiro. Na actualidade contan cun 85% de godello e cun 15% de treixadura.

A primeira planta de godello que mercamos trouxémola no ano 1992

A nova plantación dá sentido a moitos anos de traballo. Lograron facerse con 26 parcelas para xuntar nunha peza 4 hectáreas pegadas á bodega pola parte de arriba, entre as casas e o monte. É tamén deste xeito o mellor cortalumes que ten hoxe a aldea de Margaride, que se salvou por pouco do incendio que afectou á zona fai 3 anos.

“Esta finca eran toxos e xestas, esa era a vexetación espontánea que tiña, e a capa de solo eran 3 dedos, pero o solo pode facerse encalando e abonando, o máis importante é a orientación, sobre todo pensando en poñer godello”, di.

O viticultor ten que buscar optimizar a parcela ao máximo

O deseño da plantación está pensada en optimizar a parcela e tamén en facilitar o traballo, sobre todo tendo en conta os problemas de man de obra, que xa se están a dar en momentos como o da vendima.

“Nunha parcela profesional o que tes é que optimizala ao 100% sen perder os ratios de calidade”, defende. Entre liñas están a deixar entre 2,15 e 2,20 metros para poder mecanizar e optaron por colocar espalderas a 45 grados nos perímetros (suman 1 km todo ao redor da finca) e parrais a 3,5 metros de altura nas zonas de volteo da maquinaria para non perder eses espazos para a produción. “Esas zonas ocupan en total uns 7.000 metros cadrados, que equivalen a uns 8 o 9.000 quilos de uva, que pasado a cartos son uns 15 ou 16.000 euros”, calcula Pablo.

Pensando na barrica

EDV madura parte do seu viño entre 6 e 14 meses

Parte do viño elaborado por EDV pasa en barrica entre 4 e 14 meses

Teñen previsto tamén arrincar uns 8.000 metros cadrados de mencía e restruturar as variedades tintas coa plantación de caíño, coa intención de “apoiar nos viños de garda e axudar á uva mencía nos procesos de barrica”, explica. “A nosa intención é reducir viños xoves e irnos máis a viños de garda e barrica e o caíño ten máis estrutura e máis corpo que a mencía e tamén máis taninos e máis color”, explica Pablo.

“Penso que o futuro da Denominación de Orixe pasa por reducir os viños xoves e apostar máis pola barrica. A Ribeira Sacra ten viños para competir nese mercado con Borgoña, con Brasil, con Chile, con EEUU ou con grandes zonas de Italia”, asegura.

O mercado dos viños xoves estase a reducir; hai que buscar outras alternativas á hora de elaborar

“O mercado dos viños xoves estase a reducir; hai que buscar outras alternativas á hora de elaborar e posicionar no mercado outras alternativas porque a tendencia mundial non é a dos viños xoves e nós temos que entrar na Champios League dos viños tintos, non podemos seguir en Segunda División. Agora somos os primeiros da Segunda División e o que temos que tratar é de ascender e ir cara os primeiros postos da Primeira División”, compara Pablo.

“Os grandes viños lógranse a base de mesturar uvas de distintas parcelas, onde cada unha delas aporta a riqueza que ten”, di. Con esa idea, fixéronse tamén cunha hectárea de terreo no Carballo, a 700 metros de altitude, tratando de buscar viños con menos graduación alcohólica e con máis acidez. “Con esa uva buscamos frescura, viños de 12 grados máis expresivos en boca”, explica.

“O godello non se dá en todos os sitios nin vale para todo o mundo”

Nova plantación realizada na ladeira situada detrás da adega, con orientación nordeste e o río Lor ao fondo. Margaride sitúase en primeiro termo e Freixeiro enfronte, na outra marxe

Nova plantación realizada na ladeira situada detrás da adega, con orientación nordeste e o río Lor ao fondo. Margaride sitúase en primeiro termo e Freixeiro enfronte, na outra marxe

Pero nese proceso para complementar a uva mencía Pablo alerta da complexidade que supón traballar con castes como o merenzao, o mesmo que pasa con algunhas variedades brancas. “Agora que está moi de moda o godello hai que pensar que é unha variedade que non se dá en todos os sitios e aquí na Ribeira Sacra hai que escoller moi ben onde se pranta”, di, porque “hai que ter moito coidado coas orientacións, coas isolacións e cos tipos de solos”. “Ao mencía válelle todo, pero ao godello non”, remarca. 

Ao mencía válelle todo, pero ao godello non; hai que ter moito coidado coas orientacións, coas isolacións e cos tipos de solo

“Nós estamos nunha desas zonas nas que se dá e temos experiencia de moitos anos manexando esta caste”, engade. Aínda así, recoñece, “non estamos no godello a un 70 ou 80% de produción como podemos estar nunha variedade tinta, estamos moito máis baixos”. Iso fai que os prezos da uva sexan máis altos a respecto da mencía, tanto pola menor produción como pola necesidade de maiores coidados. “Dun día para outro o godello cambia por completo e en menos de 24 horas podes perder a colleita, mentres que no mencía pasan 9 ou 10 días para empezar a notar os síntomas”, asegura.

Ti non podes meter á xente a unha variedade que descoñece e que require de moitas máis atencións cando aquí a maioría da viticultura é de fin de semana

Por iso, di, “ti non podes meter a un viticultor non profesional a unha variedade que descoñece e que precisa dunha profesionalización altísima porque hai que estar atendéndoa ao 100% cando aquí a maioría da viticultura é de fin de semana”, advirte.

40.000 kg de uva

A produción actual de EDV é duns 40.000 quilos de uva ao ano nas súas parcelas, máis algo que compran a maiores a outros viticultores locais. Desa produción máis do 85% son variedades brancas e o 15% restante tinto.

Pablo, persoa observadora e que gusta de traballar con datos, pon números ás producións medias na Denominación de Orixe e os seus custos. “O máximo que está permitido son 9.000 e pico quilos por hectárea de mencía e hai que andar detrás dos viticultores porque todos se van a 10 ou 12.000 quilos e sen grandes atencións, porque o mencía é unha variedade super agradecida”, asegura.

Coa mencía ou outra variedade tinta podes durmir tranquilo; o godello é para non durmir

Sen embargo, di, a produción máxima para o godello está establecida en 11.800 quilos, pero “o ano que consegues 8.000 es un fenómeno”, admite. “Cando se fala de que o godello se paga tanto hai que botar conta tamén dos custos de produción, porque duplicas tratamentos e duplicas traballo en viñedo facendo podas en verde, varando, atando, recortando, que é algo que non o fas na mencía. Por iso, a diferenza entre os 15.000€ por hectárea que lle podes sacar a unha parcela de godello con respecto aos 11.000€ dunha de mencía está niso, nos gastos a maiores, o traballo e as dores de cabeza”, razoa.

Catador en certames internacionais

Pablo leva uns 10 anos asistindo a catas internacionais, ás que acode tanto cos seus viños como tamén como catador e destaca a grande valoración que tanto os brancos como os tintos da Ribeira Sacra acadan en certames como CERVIM, considerado o máis importante para a viticultura heroica a nivel mundial.

Acudir a estes certames sérvelle para facer contactos pero tamén para coñecer de primeira man como están a evolucionar as tendencias no sector do viño. “Fago unhas 8 ou 10 catas todos os anos, tanto en España como noutros países, como Francia, Italia, Alemaña ou Bélxica e iso permíteme estar ao día dos cambios no sector e ver como se está a traballar nas distintas zonas. Iso permíteme despois acabar de perfilar os nosos viños e tomar decisións na nosa bodega”, razoa. 

O ano pasado lograron un Gran Ouro en brancos e un Ouro en tintos en CERVIM en Italia

O ano pasado lograron cos seus viños 16 premios, entre eles un Gran Ouro en CERVIM en Italia para Inseparables godello e un Ouro para o Don Cosme mencía. Nos tintos, fan dous viños xoves (Don Cosme e Inseparables) e dous máis en barrica (A Conchousa e As Covas), o mesmo que nos brancos (os xoves Don Cosme e Inseparables e O Robledo e A Carreira, que maduran 4 e 14 meses en barrica respectivamente). A maiores, teñen a marca 40 años, na que os beneficios obtidos son donados á investigación contra a enfermidade dexenerativa do ELA.

Diferenciación

Inseparables godello e mencía de EDV, premiados en distintos certames nos últimos anos

Inseparables godello e mencía de EDV, premiados en distintos certames nos últimos anos

Nesa aposta pola diferenciación, a adega EDV destina o 50% da súa produción a viños de rotación anual e a outra metade e elaboracións especiais. “Nos brancos, por exemplo, temos un godello xove con moita intensidade aromática, moi doado de beber, e nas cepas máis vellas facemos viños máis estruturados e máis complexos en nariz que van estar 2 ou 3 anos en botella e que son viños de corpo como os que se fan en Francia ou en Italia. E nos tintos, o mesmo, mesturamos garnacha con mencía até nun 15% para sacar viños xoves e os viños máis estruturados métense a barrica. Buscamos viños de longo recorrido, que poidan estar 2 ou 3 anos en barrica pero que non evolucionen”, explican.

Os viños de rotación anual son os que che permiten pagar as facturas e os viños máis marquistas, con maior marxe, son os que che permiten investir na explotación

Eses viños especiais, di, “non teñen un mercado local tan doado, senón que se van sobre todo ao mercado nacional e internacional, posicionados en tendas gourmet e restaurantes cunha carta de viños máis complexa, pero aí hai que pelexar moito o mercado e saír fóra”, asegura.

En mercados onde a oferta supera á demanda vende o máis hábil

“A xente quere probar algo distinto, esa é a tendencia a nivel mundial e se queremos vender temos que irnos a iso”, defende. As Covas, por exemplo é un viño tinto elaborado por EDV no ano 2019 cun 85% de uva mencía moi madura de cepas vellas e un 15% de garnacha que deu un rendemento próximo ao 20% e que non se puido mecanizar o despalillado e que estivo despois 14 meses en barrica.

“Foi unha aposta moi persoal miña, unha aposta arriscada porque ou che encanta ou non che gusta nada. Logrou xa dous Grandes Ouros e chegou a 99 puntos. É un viño que está aínda nervioso en cata, pero que xa se pode beber, pero hai que esperar aínda ao 2025 para que estea en plenitude. É dicir, son 5 ou 6 anos en total para que estea no momento óptimo”, salienta.

Se un viño non nos convence baixámolo de categoría e vendémolo como viño de mesa fóra da Denominación de Orixe para non devaluar as nosas marcas principais

Pero ademais deses viños top, tamén traballan no sector do viño de mesa fóra da Denominación de Orixe en formato bag in box. “Iso permíteche achegarte a un público que non quere gastarse 10 ou 12 euros nunha botella de viño e ao mesmo tempo seleccionar máis a uva e gañar calidade no resto dos nosos viños, porque cando un viño non nos convence para incluír na Denominación de Orixe baixámolo de categoría e vendémolo como viño de mesa”, explica Pablo. Deste xeito traballan os tres segmentos de mercado: o do viño de mesa, o do viño xoven e o do viño especial.

Diminución no uso de fitosanitarios

A nivel de viñedo, EDV leva moitos anos apostando por medidas culturais para reducir o uso de fitosanitarios. “Hai que modificar o xeito de traballar na viña, porque se podamos en febreiro é moi probable que nos chova en abril ou en maio, polo que imos ter floración con moita humidade e nos días bos moita infección por fungos; mentres que se podamos en marzo o ciclo da planta irá máis retrasado e a floración coincidirá máis cara a xuño, cando seguramente teremos mellor tempo e así podemos aforrar xa dous tratamentos”, argumenta.

O cambio climático acelera os ciclos naturais da planta e axuda a que esas vides podadas máis tarde sexan capaces de coller ás outras e chegar ao mesmo tempo á vendima, di, e o feito de podar máis tarde tamén lles permite non ter que empregar tampouco produtos fitosanitarios antibotríticos, algo importante á hora de elaborar o viño, considera Pablo. “É o que che permite traballar máis tranquilo en bodega e, agás nos viños brancos, non usamos tampouco levaduras”, destaca.

Levamos máis de 20 anos sen usar herbicidas

Nos seus viñedos non empregan tampouco herbicidas. “Levamos máis de 20 anos sen usalos”, destaca Pablo. “Ou ben temos cubertas vexetais ou ben desbrozamos ou aramos, pero non usamos glifosato de ningún tipo”, explica. Outra das claves no traballo que fan na viña son as analíticas de solo para axustar mellor o abonado e as emendas que fan ao chan son sempre de abono orgánico.

Apoiarse na tecnoloxía e no saber popular

Ademais de reducir o número de tratamentos fitosanitarios que aplican, outro dos seus obxectivos e maximizar a súa eficacia cando os botan. Por iso van montar dúas estacións meteorolóxicas coas que poderán medir a humidade do solo, a humidade da folla e o punto de rocío.

Tendo en conta as condicións orográficas e para ter datos fiables das distintas zonas, unha vai estar situada na zona alta da parcela, cun 30% de pendente, e a outra no fondo, preto do río, onde a finca é chan.

Ademais de proporcionarlles datos valiosos e en tempo real a eles, estas estacións tamén van ser útiles a outros viticultores, xa que están dentro dunha rede de alertas que hai creada a nivel de toda Europa para ter unha previsión atinada de como vén o tempo.

O godello é moi caprichoso para o sol, non pode collelo o atardecer porque senón quéimao, por iso non se lle poden sacar as follas de poniente

As condicións climatolóxicas son especialmente relevantes no caso do godello. “Aquí temos 3 grados menos que en Quiroga, a planta hidrata a folla con ese orballo da noite, por iso aquí se dá o godello, porque non sufre ese estrés”, asegura.

En variedades como o godello teñen tamén moi en conta a orientación con respecto á posta de sol, tanto no momento de facer a plantación como despois á hora de traballar con ela. “O godello é moi caprichoso para o sol, non pode collelo o atardecer polo lateral porque senón quéimao. A clave do éxito do godello é esa”, di Pablo. Por iso, explica, “ao godello non se lle pode sacar a folla no poniente”. “Son medidas que vas aprendendo a base de perder colleitas”, recoñece. 

Variedades resistentes

“Cada vez estamos tendo máis enfermidades e as plantas son menos resistentes, polo que cada vez son necesarios máis tratamentos, pero agora a Axenda 2030 pídenos que temos que rebaixar á metade o uso de fitosanitarios. Hai que dicirlle a Bruxelas que iso é imposible neste momento”, insiste Pablo, que mantén esperanzas en que se poida lograr máis a longo prazo a través da investigación en variedades resistentes.

“Desde fai 2 ou 3 anos estanse facendo ensaios en España sobre variedades resistentes a enfermidades como o fungo do mildeu ou á cinsa, pero por moi prometedores que sexan os resultados hai que agardar polo menos 5 anos máis para que esas variedades estean dispoñibles para plantar e outros 10 para que acaden a súa produción máxima”, explica. 

Pablo quéixase do conformismo do sector, máis aínda na zona noroeste, máis dependente do uso de fitosanitarios. “Na Mancha con dúas mans de azufre téñeno resolto e iso é barato e pódese botar sen problemas, pero en Ribeira Sacra estamos con 7 ou 8 tratamentos tranquilamente e se te vas ao Ribeiro xa son 10 ou 12 e nas Rías Baixas 17 ou 18 tratamentos”, indica.

Na Mancha con dúas mans de azufre teñen o ano resolto, pero na Ribeira Sacra estamos con 7 ou 8 tratamentos, no Ribeiro con 10 ou 12 e en Rías Baixas con 17 ou 18

“Temos as medidas máis restritivas da historia en fitosanitarios, pero mentres os viticultores franceses estaban cortando as autovías e eran parte activa nas protestas dos agricultores do país, nós estabamos na casa”, compara.

“Estanse sacando as materias activas que funcionan. As que se retiran por alertas de saúde paréceme normal e lóxico, pero as que se sacan por capricho ou porque non son rendibles ás farmacéuticas xa non me parece ben”, protesta.

O reto das enfermidades da madeira

Uva mencía da adega nunha das últimas vendimas

Uva mencía da adega nunha das últimas vendimas

A finais do século XIX a filoxera afectou de cheo á zona de Quiroga. “Non quedou nada”, relata Pablo. A raíz do seu paso, pouco a pouco fóronse cambiando as variedades autóctonas prefiloxéricas por outras. “Despois da filoxera, as primeiras cepas que viñeron para aquí tróuxoas o avó do meu pai, non se sabe de que variedades pero é moi probable que foran alicante ou palomino”, conta.

Despois da filoxera, as primeiras cepas que viñeron para esta zona tróuxoas o meu bisavó

A filoxera, di, continúa presente. “Vese aínda na terra, segue sendo un problema que non está solucionado pero é secundario porque temos outros máis graves”, afirma. “As enfermidades da madeira son a gran filoxera do século XXI”, asegura.

Actualmente, as enfermidades da madeira en viñedo que presentan unha maior incidencia en planta nova son a enfermidade de Petri, o pé negro da vide e o esmorecemento por Botryosphaeria. Esta última enfermidade tamén pode afectar a vides adultas, xunto coa esca e a eutipiose.

As enfermidades da madeira son a gran filoxera do século XXI

Pablo alerta da dificultade para atopar planta nos viveiros libre dos fungos que provocan estas enfermidades así como o reto que para o sector supón a falta de tratamentos efectivos para combatelas. “Non temos ningunha ferramenta eficaz para loitar contra elas e provocan danos moi importantes”, di, convencido de que van condicionar a rendibilidade das explotacións vitivinícolas nos vindeiros anos.  

“Estase falando de crear variedades resistentes ao mildeu, á cinsa (oídio) e ao black rot, pero para iso temos tratamentos. Ao mellor hai que apostar por medidas culturais e deixar algún ano con menos tratamento, asumindo certas perdas na colleita, para que as plantas vaian perdendo resistencia e os tratamentos sexan máis efectivos. Pero para a esca ou para a virose non temos nada e esas enfermidades estanse a contaxiar nos viveiros polo que nos chegan as plantas xa enfermas. A nós certifícannos que a variedade é mencía e o patrón 110, pero non que ese patrón veña libre de enfermidades. Hai 8 ou 10 enfermidades víricas da madeira que fan que plantes as cepas hoxe e sequen aos 4, aos 6 ou aos 10 anos”, alerta.

É necesario investigar máis nas enfermidades víricas, porque para o mildeu e o oídio temos tratamentos; para onde non os temos é para a esca ou para a virose

“Estamos buscando unha cousa sen ter solucionada a outra. Eu penso que o primeiro que hai que solucionar é o de abaixo, o pé franco que vas poñer, o portainxertos, porque para as enfermidades de arriba temos tratamentos; para onde non o temos é para as da terra”.

Pensando no futuro

Don Cosme é un viño que pretende facer unha homenaxe á tradición

Don Cosme é un viño que pretende facer unha homenaxe á tradición

EDV é un proxecto familiar que está a dar os pasos necesarios para garantir a súa viabilidade futura e o relevo xeracional, un reto ao que se terán que enfrontar nos vindeiros anos moitas das 96 adegas que hai na Ribeira Sacra.

Ademais de Pablo e a súa muller Sandra, xa está incorporado tamén o seu fillo, Geovanni, que estudou Viticultura e Enoloxía, o mesmo que ten pensado facer Sandriña, a súa filla, que estuda nestes momentos Servizos, pensado tamén para complementar co turismo a parte produtiva.

No sector primario hai que traballar sempre a 10 anos vista

“Unha das intencións que temos coas obras que estamos a facer na adega é meternos de cheo no enoturismo; queremos profesionalizarnos tamén nese eido”, avanza Pablo. “Na aldea das Covas, pertencente á parroquia de Augasmestas, temos outra hectárea de godello que dá ao río Sil e hai unha ruta de sendeirismo que une esas dúas vertentes coa bodega”, explica.

EDV é un proxecto que mira ao futuro pero que bebe da tradición. Por iso, acaban de cambiar a imaxe dunha das súas marcas principais, Don Cosme. O deseño foi feito mediante intelixencia artificial pero quere representar o pasado da produción de viño na zona. “É un home de costas. Ese home é o meu pai, o meu avó ou calquera persoa maior do sector primario de espalda ancha e trabada por traballar a terra”, di Pablo. Unha homenaxe en definitiva a toda unha historia, a dos homes e mulleres que mantiveron o rural vivo e a tradición do viño no val de Quiroga e en toda a Ribeira Sacra.

É posible reconverter a Ribeira Sacra cara o godello?

EDV leva moitos anos apostando polo godello como caste principal na adega xunto coa mencía

EDV leva moitos anos apostando polo godello como caste principal na adega xunto coa mencía

Neste momento no que semella que os viños tintos están a pasar unha crise, cando menos a nivel español, Pablo, que apostou polas variedades brancas desde os seus inicios, reflexiona sobre a posibilidade real de reconvertir unha zona de produción tradicionalmente vinculada ao mencía, como é a Ribeira Sacra, cara aos viños brancos.

“Non considero que a solución para a DO Ribeira Sacra sexa que todos arrinquemos o mencía para plantar godello”, afirma. “Tratar de cambiar agora o sector ao branco pode supoñer meter aos produtores nun camiño sen saída, máis aínda tendo en conta que a idade media dos 1.200 viticultores da Ribeira Sacra é de 70 anos”, lembra. 

Non considero que a solución para a DO Ribeira Sacra sexa que todos arrinquemos o mencía para plantar godello

No territorio que abarca a Denominación de Orixe hai neste momento unhas 1.200 hectáreas amparadas polo selo de calidade, nas que se producen uns 5 millóns de quilos de uva tinta e un millón de branca, “dos que medio millón proveñen dos últimos 5 anos, porque os ratios fai unha década eran de 4 millóns de quilos de uva tinta e 200.000 de uva branca”, matiza Pablo.

“Non podemos organizar unha charla e dicir que o camiño é o branco, temos que reflexionar por que os nosos antepasados fixeron esa distribución xa que, ou ben eran parvos e se lles esqueceu poñer godello ou, pola contra, eran listos, probaron e viron que non era efectivo poñe esa variedade nesta zona”, razoa.

Pasarse ao godello, onde as condicións de solo e orientación o permitiran, requeriría dunha profesionalización total dos produtores

Por iso, di, hai que ser cautos á hora de substituír unhas castes por outras en función da demanda puntual do mercado, aínda que estea subvencionada a inxerta e os dous anos de perda de produción, porque “pode ser tirarse a un pozo sen fondo”.

“Queremos caer de novo no erro no que se caeu no ano 2000 da industrialización, no erro de arrincar variedades por que si para plantar outras por que si e que despois non sexan viables?”, pregunta.

“Daquela arrincáronse variedades moi boas que se perderon e que hoxe se están empezando a recuperar, como a garnacha, que estaba implantada aquí sen problema, pero levamos 20 anos para desfacer aquel erro de plantar tempranillo, que hoxe se está a sacar porque non dá”, asegura, polo que insiste, “imos agora aconsellarlle á xente pasarse ao godello polo feito de que teñamos un problema puntual co mencía?”.

O que temos é que resolver o problema dos tintos e mellorar por ese lado, porque temos cepas cunhas idades brutais das que podemos sacar unha calidade única

As consecuencias diso, di, sería “deixar a Galicia sen tintos”, tendo en conta que a Ribeira Sacra é a única Denominación de Orixe de Galicia centrada principalmente nos viños tintos, polo que Pablo propón “aproveitar esta diferenciación no canto de pasarse á moda dos viños brancos”.

“O que temos é que resolver o problema dos tintos e mellorar por ese lado, porque temos cepas cunhas idades brutais das que podemos sacar unha calidade única”, defende.“Hai que seleccionar máis porque o mercado fíxose máis exquisito e os mínimos de calidade que puxemos na Denominación de Orixe fai 30 anos hoxe xa non valen. O problema da Ribeira Sacra foi a masificación da produción sen saber dar o salto ao mercado, centrándose só nos viños xoves”, argumenta.

Ademais, asegura, neste momento existe maior competencia porque se rebaixaron prezos noutras denominacións de orixe con viños tintos, como pode ser Rioja ou Ribera del Duero, onde se aumentou moito a produción, ao igual que en zonas de Francia ou Italia onde tamén teñen sobreprodución.

Borgoña arrincou 8.000 hectáreas de viñedo para plantar oliveiras e na Rioja vai pasar o mesmo

“Borgoña arrincou 8.000 hectáreas non fai moito tempo, tiveron unha subvención para iso e plantaron oliveiras”, explica. “E en España fálase de que na Rioja posiblemente tamén teñan que arrincar outras 8.000 hectáreas, pero de momento é un globo sonda e estaremos 2 ou 3 anos falando diso e cunha sobreprodución de viño nas bodegas que vai baixar os prezos e afectarnos tamén a nós, porque Rioja está copando o mercado con excedentes e tirando os prezos”, denuncia.

“Os novos hábitos trala pandemia favorecen aos brancos”

Na Ribeira Sacra, recoñece, tamén se están a notar eses problemas de acumulación de stocks nas adegas, aínda que considera que se trata dunha situación puntual. “Déronse dous anos dunha moi boa produción e vimos da pandemia, na que as adegas asumimos as uvas todas para non deixar ao viticultor tirado e cando comezamos a vender vimos que a cousa arrincou máis ralentizada, porque coincidiu co verán e as terrazas son máis de viños brancos, porque cando vai calor pídense cousas frías”, asegura.

Ralentizouse o consumo de viños tintos ou é que non fixemos os deberes para volver poñelos no mercado?

A incorporación da muller como consumidora de viños tamén está a axudar ao despegue dos brancos en detrimento dos tintos e Pablo é crítico coa estratexia seguida polo sector. “É moi doado botar os balóns fóra e buscar o culpable noutro lado pero tamén temos que ser obxectivos e mirar o que nós fixemos”, di.  

“Ralentizáronse os tintos ou é que non fixemos os deberes para volver poñelos no mercado?. Porque durante a covid colléronse uns hábitos que non había antes, como o de maior consumo na casa e o do gusto por probar cousas novas e ante esas novas tendencias a estratexia das bodegas, as Administracións e as Denominacións de Orixe foi cero”, opina.

A Denominación de Orixe está neste momento nunha encrucillada importante e quizais teña sobre a mesa o maior problema nos seus 30 anos de historia

Ante a “lentitude” na saída de viños tintos as adegas teñen os depósitos ocupados, polo que Pablo considera necesario “buscar fórmulas para dar saída a ese stock de produto porque en poucos meses estamos vendimando de novo”, advirte. 

“Eu penso que da Denominación de Orixe está neste momento nunha encrucillada importante e quizais teña sobre a mesa o maior problema nos seus 30 anos de historia, pero tamén toda a comarca da Ribeira Sacra, porque corremos o risco de perder adegas pero, sobre todo, a unha parte importante dos viticultores e, con eles, a imaxe para o turismo; o momento é crucial”, asegura Pablo.

O cambio climático pon no mapa a Galicia

Con todo, é optimista sobre o futuro do sector do viño en Galicia, entre outras cuestións polos efectos do cambio climático sobre moitas zonas produtoras a nivel mundial. “É certo que pola seca estamos nun lugar privilexiado, nunha das zonas óptimas para a produción de viños hoxe e nas próximas décadas”, di. “Por que as grandes firmas de viños en España se están á vir á zona noroeste, do Bierzo para aquí?”, reflexiona.

As grandes adegas de Rioja ou Ribera del Duero están comprando aquí porque co viño branco galego queren vender o seu tinto

Esa aterraxe en Galicia de importantes adegas procedentes da Rioja ou Ribera del Duero está a provocar tamén unha certa febre do viño branco galego. “Teñen no seu portfolio uns tintos moi bos dos outros lados e queren meter tamén un dos mellores brancos do mundo, porque iso é o que lles vai axudar a vender os seus tintos en mercados como os EEUU, porque ti tes 2 millóns de botellas de viño tinto e 300.000 de branco pero con esas 300.000 vas entrar para vender os outros 2 millóns de tinto”, razoa. “Esa mesma estratexia tamén se pode facer aquí na Ribeira Sacra co godello e o mencía”, asegura.

Pablo chama ademais a atención sobre os riscos que leva aparellados a chegada ao sector do viño galego de grandes adegas foráneas. “Debemos coidar e manter o tecido produtivo, porque non é o mesmo que unha adega compre 100.000 quilos de uva a 10 pequenos viticultores ca que produza ela eses 100.000 quilos de uva porque non fixa poboación nin crea riqueza na zona de igual xeito. Ese foi o modelo que implantaron en Rueda ou en Ribera del Duero e alí todo vén de fóra, porque as grandes adegas teñen centrais de compras e non compran á tenda local. En Galicia iso de momento é diferente e non se debería perder”, defende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información