A Consellería do Medio Rural, a través da AGACAL, e coa colaboración dos consellos reguladores das denominación de orixe Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra, organiza a XXXV Cata dos Viños de Galicia. A cata terá lugar entre o 5 e o 9 de xuño.
Poden participar os viños elaborados polas adegas inscritas nos rexistros das denominacións de orixe. Cataranse viños da colleita 2022, agás os que se presenten nas categorías “Colleitas anteriores”, “Elaboracións con Madeira”, “Espumosos” e “Viños Tostados”. As mostras corresponderán a marcas que se estean comercializando e etiquetadas segundo a normativa. Para compoñer a mostra elixiranse ao chou seis botellas da partida homoxénea concursante. Un representante da organización e un representante da adega ainarán na etiqueta de cada unha das botellas recollidas. Unha das botellas da mostra quedará na adega e as cinco restantes precintaranse para a cata.
Na D.O. Ribeira Sacra a recollida de mostras farase entre o 24 o 26 deste mes de maio. Técnicos da Denominación de Orixe acompañarán a técnicos da Acagal para a recollida das mostras participantes. Participarán 66 mostras de 25 adegas. Na categoría de brancos preséntanse 6 marcas e 19 na de tintos. Nas demais categorías preséntanse as seguintes marcas:
-Viños de colleiteiro e de pequenas adegas brancos, 1
-Vinos de colleiteiro e de pequenas adegas tintos, 5
-Viños de colleitas anteriores brancos, 5
-Viños de colleitas anteriores tintos, 9
-Viños de elaboración con madeira bancos, 4
-Viños de elaboración con madeira tintos, 17
As existencias mínimas en adega da partida concursante no momento da recollida serán de 5.000 litros, dos que 1.000 litros deberán de estar embotellados e coa etiquetaxe correspondente. Nas categorías “Viños de Colleiteiro e de Pequenas Adegas”, as existencias deben de ser dun mínimo de 2.500 litros dos que un mínimo de 500 litros estarán embotellados e etiquetados.
Nos últimos anos vén sendo elexido de maneira consecutiva como Mellor Viño Tinto de Galicia, un viño da D.O. Ribeira Sacra, neste caso de Bodegas Petrón S.L.