A Limia recolle este ano unhas 110.000 toneladas de pataca

A Limia recolle este ano unhas 110.000 toneladas de pataca

Os agricultores da comarca da Limia finalizaron a compaña de recollida da pataca cunha colleita que roldou as 110.000 toneladas de pataca, unha colleita que se achega á media dun ano normal, aínda que os prezos do tubérculo empezaron sensiblemente máis baixos que os do pasado ano.

“Nas ao redor de 3.500 hectáreas que se plantaron este ano logrouse unha colleita dunhas 110.000 toneladas de pataca, o que se achega á media dun ano normal, dunhas 120.000 toneladas, e supera as 80.000 toneladas cultivadas o pasado ano”, explica Servando Álvarez Pousa, director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia. As choivas de novembro non axudaron na recollida, pero ao finalmente soamente unhas 90 hectáreas quedaron sen recoller debido a que as máquinas non poden entrar ás leiras.

En todo caso, a colleita, sendo boa tanto en cantidade como en calidade, non cumpriu todas as expectativas. “É certo que nas variedades de ciclo curto ou que se plantaron cedo, como a Kennebec, alcanzouse unha colleita excelente, cunha media de 35 toneladas por hectárea, no límite máximo que marca o Consello Regulador do IXP Pataca de Galicia, pero nas variedades máis serodias, como a Agria, os rendementos medios este ano foron de entre 40 e 45 toneladas por hectárea, cando o normal sería chegar ás 50 toneladas”, explica Servando.

En canto á calidade do tubérculo é excelente, grazas a que durante o desenvolvemento do cultivo afectou pouco o mildiu, e ademais “toda a pataca practicamente é vendible”, cun calibre medio e uniforme.

Prezos moi inferiores aos do pasado ano

O que si non acompañan son os prezos, pois se o pasado ano, cunha colleita inferior en toda Europa, na Limia a campaña arrincou cunha media de entre 20 e 25 céntimos o quilo, este ano baixou case á metade: entre 13 e 14 céntimos. “Sen embargo, a colleita en Francia, o noso principal competidor, parece que está a ser inferior ao esperado, co que confío en que en xaneiro e febreiro haxa un repunte dos prezos”, prognostica o director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia

Por último, Servando Álvarez lamenta que se estea perdendo o cultivo da pataca en secaño en concellos da Limia como Os Blancos, Baltar ou Calvos de Randín, onde aínda que é certo que os rendementos son menores que en regadío a calidade do tubérculo é notablemente superior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información