O presidente da Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias SEIASA, Francisco Rodríguez Mulero, asinou este mércores na Coruña un convenio con varias comunidades de regadores da Limia (Ourense) para activar un investimento de 15.900.000 euros (IVE non incluído), en obras de modernización de regadíos no marco da Fase II do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).
O “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas A Limia 2022” -estes pozos foron financiados pola Xunta de Galicia cun investimento duns 6 millóns de euros- comprende as comunidades de regantes de Lamas-Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Salvador de Sabucedo e beneficia a 1.855 regadores que cultivan 2.576 hectáreas nos municipios de Xinzo de Limia, Trasmiras, Sarreaus e Porqueira, na provincia de Ourense.
Modernización dos regadíos
O obxectivo da actuación é substituír os actuais sistemas de rega con motobombas diésel e tubaxes de aluminio superficiais, por modernas redes de rega presurizadas alimentadas por captacións de augas subterráneas e con telecontrol.
As novas infraestruturas estarán dotadas con estacións de bombeo e filtrado, hidrantes, instalacións solares fotovoltaicas e elementos de regulación e almacenamento, de tal forma que o agricultor dispoña dunha toma de auga a presión próxima á súa parcela e integrada nun sistema de automatización e telecontrol.
A instalación de tubaxes enterradas permitirá mellorar a eficiencia no transporte da auga bombeada desde as captacións até as parcelas, o que se traducirá nun aforro de até o 20 % dos recursos. A implantación de enerxías renovables evitará a actual dependencia das enerxías fósiles como o diésel e reducir así o custo e as emisións de gases de efecto invernadoiro. O sistema de automatización e telecontrol fará posible dixitalizar a xestión da rega de forma integral.
Todas as actuacións incluídas do “Plan de Mellora da Eficiencia e Sustentabilidade de Regadíos” do PRTR están cofinanciadas por fondos Next Generation da Unión Europea. A achega pública será dun máximo do 80 % do custo dos gastos elixibles, mentres que cada comunidade de regantes deberá achegar o resto. As obras deberán estar finalizadas en 2026.
No acto de firma participaron o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Alfonso e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz. Ao acto acudiu tamén o conseller de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, entre outras autoridades.