Leche Celta e Central Lechera Asturiana lanzarán en 2018 o leite de pastoreo

As dúas industrias lácteas seguen a tendencia doutros países europeos e lanzarán para toda España a partir de xaneiro o leite de pastos e con certificación de benestar animal. Estes meses estiveron a contactar con ganderías galegas que serán as provedoras

Leche Celta e Central Lechera Asturiana lanzarán en 2018 o leite de pastoreo

Leite de Pastagem e de Vacas Felizes Terra Nostra, presente en Portugal dende 2015

A tendencia do leite de pastoreo tamén chega a España. Presionadas polo descenso do consumo de leite líquido, son varias as industrias que nos países europeos están a sacar ao mercado leite diferenciado de vacas alimentadas en base a pastoreo e cunha certificación de benestar animal.

Neste sentido, Leche Celta e Central Lechera Asturiana, a través de Larsa, teñen previsto sacar ao mercado a partir de xaneiro de 2018 un leite de pastoreo, para ocupar un nicho de mercado que noutros países non para de medrar.

Satisfán así tres preocupacións crecentes no consumidor: o respecto ao medio ambiente, a preocupación pola saúde (diversos estudos avalan que o leite de pastoreo ten un perfil de ácidos graxos máis beneficioso para a saúde) e a inquedanza polo benestar animal. E a un prezo para o cliente intermedio entre o leite ecolóxico e o leite convencional.

A gran distribución tamén está interesada na venda de produtos lácteos diferenciados, de maior valor engadido, e de vida curta -o leite pasteurizado ten unha caducidade duns dez días- para que o cliente acuda con maior frecuencia ao supermercado. Así o puxo de manifesto Jorge Morales Lozano, xerente de compras de Lidl en España, nunha xornada organizada hai uns meses en Lalín por Unións Agrarias.

Leche Celta: Leite pasteurizado de pastoreo procedente de ganderías galegas para toda España

“Dende hai tempo estamos traballando cun grupo de gandeiros galegos para sacar ao mercado en toda España un leite pasteurizado, certificado en pastoreo e en benestar animal”, recoñecen dende Leche Celta, pertencente á cooperativa portuguesa Lactogal.

As zonas onde esa industria ten previsto implantar rutas de recollida propia para este leite serían a comarca do Deza, o sur da provincia de Lugo e o Norte da provincia da Coruña.

“Esixen un mínimo de 150 días en pastoreo e certificado Aenor de benestar animal”

As condicións que esixe Leche Celta aos gandeiros son dúas. Por unha parte óptimas condicións de benestar das vacas, de forma que a gandería deberá estar certificada por Aenor a través do seu modelo de benestar animal desarrollado xunto ao Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentaria (IRTA) de Cataluña.

E en canto á alimentación, esixirá aos gandeiros que as vacas fagan un mínimo de 150 días ao ano e 5 horas diarias de pastoreo. Unha esixencia que, en principio, só poderían cumprir ganderías de Galicia e da Cornixa Cantábrica debido ás condicións climáticas.

“Evidentemente que o protagonismo para o sector lácteo vaino seguir tendo o leite convencional, pero queremos cubrir este nicho de mercado que está medrando noutros países e ao que tamén lle vemos posibilidades en España”, aseguran dende Leche Celta.

En Central Lechera Asturiana tamén confirman que van sacar ao mercado o próximo ano un leite de pasto, aínda que de momento prefiren non dar máis detalles. Fontes do sector informan de que sería a través da marca Larsa e tamén para todo o territorio nacional.

Prezos: Entre 1 e 2 céntimos máis por litro para o gandeiro

¿E como repercutirá este produto nos gandeiros? Dende Leche Celta aseguran que “pagaremos entre 1,5 e 2 céntimos máis por litro por riba do prezo que teña o gandeiro”. É dicir, entre 15 e 20 euros máis por tonelada.

En canto á Central Lechera Asturiana, gandeiros que foron contactados por esta industria aseguran que ofrecen entre 1 e 1,5 céntimos máis por litro.

O leite diferenciado de pastoreo, unha tendencia a nivel europeo e mundial

Nun estudo do Foro Económico de Galicia do ano 2014 o economista Albino Prada realizaba, dentro dunha serie de propostas para equilibrar a deficitaria balanza comercial de España en produtos lácteos, a recomendación de “unha marca de leite de alta calidade con pastos e emprego rural español, que podería comercializarse nos puntos de venda a 1 euro para garantir ao agricultor uns ingresos mínimos de referencia de 0,40 euros por litro”.

A crise de prezos do leite de 2015 acelerou tamén o interese dalgunhas industrias por sacar ao mercado leites diferenciados en base ao pastoreo, adaptándose á dispoñibilidade de pasto en cada país.

Velaquí unha escolma do que se está a facer nalgúns países europeos:

Portugal: “Leite de Pastagem de vacas felizes”

No país veciño a multinacional francesa Bel puxo en marcha a través da súa filial Terra Nostra o seu “Programa Leite de Vacas Felizes-Puro Leite de Pastagem”. A materia prima é adquirida a uns 500 gandeiros das illas Açores, onde hai dispoñibilidade de pasto case os 365 días do ano.

Para esta iniciativa, Bel investiu 7 millóns de euros na súa planta industrial dos Açores, marcándose un obxectivo de comercializar 26 millóns de litros ao ano. No supermercado o diferencial de prezo tamén se traslada ao consumidor: así na cadea Continente o leite estándar Nova Açores está a 0,69 euros mentres que o Terra Nostra, de pastoreo, ten un prezo de 0,77 euros.

En canto ao prezo para o gandeiro, Jorge Rita, presidente da Federaçao Agrícola dos Açores aseguraba no xornal portugués Público que “a Bel paga un 10% máis por ese leite aos seus fornecedores”, é dicir, arredor de 3 céntimos máis por litro. “A industria durante moito tempo estivo acomodada e adormecida, sen crear moito valor engadido. Acomodou-se ao prezo que paga ao produtor, pero xa todos percibimos que é preciso facer algo diferente”, conclúe.

Holanda: O leite de pastoreo segue medrando

En Holanda o leite de pastoreo tamén é unha tendencia en alza, nun país que atopou niso a diferenciación dos seus queixos. Deste xeito, a día de hoxe arredor do 78% das explotacións de vacún de leite cumpren cun mínimo de 120 días de pastoreo por ano, a razón de 6 horas por día. E 15 industrias lácteas tamén están comprometidas co leite certificado como de pasto.

A cooperativa Friesland-Campina dá unha prima neta de 6,5 euros por cada tonelada para o leite de pastoreo.

Alemaña: Arla Foods comprométese a que todo o leite que recolla será producido sen cereais transxénicos

En Alemaña cada día colle máis pulo o leite producido sen alimentos modificados xenéticamente. En Baviera xa representa o 22% do leite recollido polas industrias, que lle pagan aos gandeiros unha prima do 8% con respecto ao leite convencional.

Arla Foods, unha cooperativa que agrupa a milleiros de gandeiros de 7 países do norte de Europa, tamén se comprometeu a que todo o leite que recolla será producido sen OXM dende finais deste ano, cunha prima para os gandeiros de 10 euros por tonelada.

Francia: Cara a marca “150 días de pastoreo”

En Francia os gandeiros tamén están preocupados por segmentar a produción, con leites de pastoreo diferenciados que teñan máis valor engadido. Preocúpalles a entrada de leite ecolóxico e de pastoreo procedente de Alemaña, principalmente.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información