Baixada dos becerros de recría e carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria rexistra unha baixada dos prezos dos tenreiros de recría e de cebo. Subas no vacún maior. Estabilidade nas mesas do porcino e seguen á baixa os ovos

Baixada dos becerros de recría e carniceiros en Silleda

Becerros de cebo nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Imaxe de arquivo.

Central Agropecuaria de Galicia rexistra este martes unha baixada xeral dos prezos dos becerros, tanto da recría como nos de cebo. Con todo, houbo excepcións e prezos medios á alza nalgunhas categorías. No vacún maior houbo subas, agás nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, onde o prezo de referencia foi máis baixo que a semana pasada.

O mercado porcino mantívose esta semana sen cambios, mentres que no ovo continúan as baixadas en boa parte das categorías.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións da recría para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. 

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 114 euros, é dicir 32 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 172 euros, co que queda 5 euros máis que a feira pasada. Nos machos de máis de 50 días o prezo medio foi de 188 euros, cunha baixada de 63 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais a tendencia foi semellante. Os becerros máis novos cotizáronse a 373 euros, é dicir 28 euros máis que a semana pasada, sendo unha das excepcións. Nas femias houbo xa unha baixada de 9 euros, ata os 287 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 388 euros, é dicir 21 menos. As femias descontaron 15 euros o seu valor, xa que tiveron un prezo medio de 325 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 567 euros, o que supón unha baixada de 34 euros. As femias foron outra das excepcións, cun incremento de 22 euros, de xeito que acadan os 505 euros.

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 945 euros, é dicir 75 euros menos que a semana pasada. Nas femias houbo unha suba de 94 euros e acadan un prezo medio de 543 euros. Os machos de cruces industriais tamén incrementaron o seu valor, cunha suba de 16 euros ata os 1.158 euros. Mentres, as femias descontaron 128 euros e quedan cun prezo de referencia de 900 euros. Nos animais de Rubia Galega a tendencia foi á baixa. Os machos descontaron 92 euros ata quedar nos 1.254 euros e nas femias houbo unha baixada de 49 euros e teñen un valor de referencia de 1.126 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha suba no prezo de referencia. En concreto, incrementaron o seu valor en 159 euros e acadaron os 1.265 euros.

No vacún maior a tendencia foi á alza en case tódalas seccións. Os animais da extra tiveron un valor medio de 2.164 euros, é dicir, 103 euros máis. As vacas de primeira cotizáronse a 1.177 euros, o que amosa unha suba de 10 euros. As vacas de segunda mantivéronse sen cambios, cun prezo de referencia de 767 euros. Nos animais de desfeito o valor de referencia foi de 478 euros, polo que sumaron 1 euro con respecto da última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia foron a excepción, cunha baixada de 688 euros, que deixa un valor medio de 1.905 euros.

270623_central Agropecuaria

Continúan á baixa os ovos

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado e no leitón. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana con baixadas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,94 euros a ducia. Mentres, os da L tiveron unha baixada de 0,02 euros e quedaron en 2,62 euros a ducia. Nos ovos da M e da S a baixada foi de 0,03 euros e páganse a 2,23 e 1,98 euros respectivamente. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen variacións e cotízanse entre os 0,32 e os 0,40 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

270623Central agropecuaria porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información