A Xunta de Galicia presentou o matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino. O servizo -asegura a Xunta- permitirá mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e a distancia dos matadoiros convencionais. O servizo contará cunha decena de traballadores e, para optimizar o seu funcionamento, habilitarase proximamente un número de teléfono específico e un acceso web, co fin de resolver dúbidas e facilitar a petición de citas.
En canto ao custo, os prezos van dende os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.
O conselleiro de Medio Rural, José González, presentou esta iniciativa nun acto que tivo lugar en Chantada, a base do matadoiro, e no que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, José Balseiros, polo alcalde desta localidade luguesa, Manuel Varela, e polos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén, respectivamente.
No acto sinalou que este matadoiro móbil busca optimizar a xestión das explotacións de ovellas, cabras e porcos, ao reducir os custos de transporte do gando e mellorar ao tempo a calidade da carne e o benestar animal. Tamén destacou que con esta iniciativa se busca “impulsar as pequenas explotacións, traballar no benestar animal e innovar para mellorar a situación do rural galego”. Engadiu que en Galicia, pola “dispersión das súas explotacións, este proxecto ten especial razón de ser” e definiu as instalacións como “moito máis que dignas” para arrancar con este servizo.
O conselleiro, que defendeu esta iniciativa como “pioneira en España”, explicou que para a súa posta en marcha estudáronse os antecedentes noutros países, caso de Suecia, así como as posibles explotacións interesadas. A partir de aí creouse un matadoiro que se basea en dous eixo principais. Por un lado, a propia unidade móbil de sacrificio de gando, montada sobre un semi-remolque frigorífico, dotado da súa correspondente cabeza tractora. Por outra banda, unha instalación base con sede en Chantada, que permitirá, entre outras cousas, o almacenamento das pezas en canal en cámaras frigoríficas, o mantemento e desinfección da unidade móbil e a xestión administrativa e de residuos.
No acto, o conselleiro avanzou que, no marco desta iniciativa, vaise desenvolver unha marca como certificación de calidade, que amparará os produtos resultantes dos animais sacrificados como de proximidade e cun alto grao de benestar animal, entre outras vantaxes recoñecibles.