O servizo de matadoiro móbil da Xunta estará plenamente operativo a partir do vindeiro venres, día 19 de xaneiro, tras completar a etapa de formación do persoal e de axustes técnicos e levar a cabo as primeiras probas en explotacións
Xa a partir do 15 de xaneiro de 2024 os gandeiros interesados en facer uso do matadoiro móbil da Xunta poderán solicitalo a través do teléfono 982 251 201. Este servizo está orientado ao sacrificio de gando ovino, cabrún e porcino naquelas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais.
Unha vez se vaian recollendo as demandas dos gandeiros, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso, que ten como principal obxectivo mellorar a xestión e a rendibilidade das devanditas explotacións, ao reducir os custos de transporte do gando e mellorar, ao tempo, a calidade da carne e o benestar animal.
De acordo co cronograma de traballo, o matadoiro estará plenamente operativo a partir do vindeiro venres, día 19 de xaneiro, tras completar a etapa de formación do persoal e de axustes técnicos e despois de levar a cabo as primeiras probas en explotacións -que se están a desenvolver estes días-, todo isto necesario para a súa posta en marcha.
Os prezos para optar a este servizo oscilan entre os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.