Laboratorio de ideas contra o desperdicio alimentario

Un proxecto da Universidade de Vigo e da portuguesa de Minho impulsa unha rede de subprodutos e refugallos alimentarios da Eurorexión Galicia – Norte de Portugal. O obxectivo, reducir os residuos e reaproveitar os xerados

Publicidade
Laboratorio de ideas contra o desperdicio alimentario

A rede busca implicar a toda a cadea agroalimentaria.

En Europa, cada ano desaprovéitanse uns 90 millóns de toneladas de alimentos aptos para o consumo. Do agricultor ó consumidor final, en toda a cadea prodúcense perdas de alimentos ou subprodutos que van parar ó lixo e que poderían ter outra saída. Un proxecto impusado polas universidades de Vigo e do Minho (Portugal) trata de implicar a institucións e a empresas do sector na busca e implementación de solucións ó desperdicio alimentario en Galicia e no Norte de Portugal.

A iniciativa busca a participación de toda a cadea alimentaria, comezando polo sector primario (agricultura e pesca) e seguindo polo industrial, pola distribución e polo consumidor final. “A rede ten o obxectivo principal de crear unha comunidade de traballo que analice os problemas de toda a cadea, desde as perdas poscolleita do agricultor ata o produto que caduca no supermercado, e que defina posibles medidas a adoptar”, explica un dos impulsores do proxecto, o investigador e catedrático Lorenzo Pastrana, do departamento de Química e Analítica Alimentaria da Universidade de Vigo.

“Trátase de reducir o desperdicio desde as perdas poscolleita ata o produto que caduca no supermercado” (Lorenzo Pastrana)

“O que un considera refugallo poder ser reutilizable por outro ou pode ser unha materia prima para outro proceso” –continúa o investigador-. “Temos unha situación xeralizada de despilfarro de alimentos e non é unha cuestión de que non haxa ideas nin tecnoloxía para reducilo”, asegura. En Galicia e Norte de Portugal, arredor dunha trintena de empresas xa confirmaron o seu interese na iniciativa, un número que os investigadores consideran suficiente para comezar a traballar na seguinte fase do proxecto, a busca de financiamento público.

O exemplo británico
A creación da rede galego portuguesa segue o exemplo doutras iniciativas que se están a desenvolver en toda Europa cos mesmos obxectivos, como a Food Waste Network do Reino Unido, que xa está implementando proxectos para reducir o desperdicio de alimentos e para impulsar a reciclaxe ou reaproveitamento de subprodutos e refugallos.

Unha rede británica similar traballa con bancos de alimentos e en proxectos de compostaxe e biogás, entroutros

A rede británica ten posto en marcha por exemplo o Plan Zheroes, que fai chegar a bancos de alimentos e organizacións similares produtos perecedoiros que ían ser desbotados. Tamén traballa no ámbito da compostaxe de residuos orgánicos e do impulso a iniciativas de biogás para valorizar os residuos da industria agroalimentaria. A idea da rede galega, unha vez constituida, pasa por sumarse a unha rede de redes a nivel europeo que permita intercambiar experiencias, coñecer os proxectos que se están a desenvolver noutras rexións e extrapolar a Galicia aqueles que poidan ser de interese.

As empresas interesadas en participar na rede poden poñerse en contacto cos impulsores da iniciativa nos correos electrónicos pastrana (arroba) uvigo.es ou knowledge.division (arroba) portugalfoods.org.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información