Labrecos: un modelo circular e sostible de horta en ecolóxico

Coñecemos o traballo desta cooperativa das Mariñas coruñesas, que aposta por técnicas de agricultura rexenerativa, pola loita biolóxica e por facer a súa propia fertilización para producir os alimentos, sen insumos externos. Despois venden a través de vías comercialización propias, baixo criterios de proximidade

Publicidade

Labrecos é unha cooperativa de traballo asociado que se atopa no municipio de Oza-Cesuras. Adícase á horta e á cría de carne en ecolóxico, e encara o seu futuro coa idea de potenciar sistemas agroforestais. Os tres membros que a compoñen contemplan estes tres elementos como un todo que permite obter unha produción de horta en ecolóxico dunha maneira moi rendible, con productos de calidade, e sen a necesidade de abonos orgánicos externos.

A comercialización dos seus productos fundamentase nos ciclos curtos. Unha das vías é a venta directa aos consumidores, tanto particulares como restaurantes, que se adaptan á temporalidade da producción.

Outra das vías importantes é a venda a comedores colectivos, principalmente colexios, a través de iniciativas como a de Ecocomedores, coa que non só se pretende achegar a rapaces e rapazas productos de horta en ecolóxico, senón que tamén se procura concienciar sobre a importancia de consumir alimentos sostibles e sen residuos.

Esta liña de concienciación trasládase tamén a outro proxecto de Labrecos, en conxunto coa Asociación Raíña e Os Biosbardos, que consiste en crear grupos de consumo nos colexios da bisbarra, facendo chegar unha dispoñibilidade conxunta das 3 hortas a familias, profesores ou incluso veciños das escolas. Iso permitiría que o modelo de comedor ecolóxico que seguen na escola sexa extensivo ás casas.

Cómo traballan en Labrecos?

En Labrecos traballan no marco da agricultura ecolóxica certificada, co selo do Craega, e ademais oriéntanse a primar o traballo manual, no lugar do mecánico, para favorecer o máximo posible a biodiversidade do solo.

“Unha das nosas premisas é deixar que a natureza funcione como ten que facelo, e para iso, optamos por técnicas de loita biolóxica contra as pragas ou por métodos de agricultura rexenerativa para manter un solo húmido, esponxoso e así reducir o seu desgaste”, explica unha das socias cooperativistas, Raquel García.

“A nosa premisa é deixar que a natureza funcione”

A cría dos animais para esta Cooperativa, ademais de complementar a súa actividade económica, representa unha das fontes principais de fertilizantes para os cultivos. “Controlamos a compostaxe do esterco, controlamos que non teña sementes, e botamos o que realmente lle fai falta á planta. Isto tamén nos permite un control das pragas porque se utilizamos a cantidade de materia orgánica axeitada, cunha trazabilidade desde o propio orixe na Cooperativa, reduce a aparición de problemas”, detalla o socio cooperativista Aitor Lata.

Desta maneira, o coidado dos solos é unha das claves da horta en ecolóxico de Labrecos, posto que “a base é ter unha terra sa, cunha riqueza en materia orgánica e en microbioloxía e a partir de aí, a planta é unha consecuencia”, agrega outro dos socios, Iván Lata.

Nestes momentos, a pesar de que a maior parte da produción está en invernadoiro, a Cooperativa tamén ten unha pequena parte de horta exterior na cal están implementando técnicas concretas de agricultura rexenerativa, como a coberteira con herba cortada, que evita a solarización do solo, para así manter o solo húmido e capaz de desenvolver a aparición de microorganismos.

“Tan só hai que mirar o que pasa no monte, o solo está cuberto por varias capas de follas, dando lugar a unha compostaxe en superficie que favorece a proliferación de biodiversidade”, compara Aitor Lata.

“A idea de que a horta en ecolóxico non é produtiva é un gran bulo. Só sucede iso se segues aplicando os esquemas da produción convencional”

En canto á planta certificada en ecolóxico, Labrecos fai a súa propia planta a través de sementeira, na medida do posible. Aínda así, “sempre hai algunha planta que che sae mal, e a relativa incipiencia do mercado en ecolóxico fai que algunhas veces sexa complicado conseguir planta en Galicia, sobre todo antes. Agora coñecemos a un compañeiro asentado en Cerceda co que colaboramos e nos vai moi ben”, sinala Iván Lata.

Con todo isto, os rendementos da produción de Labrecos vense afectados polo seu xeito de traballar? A resposta pola parte dos seus socios é un rotundo non. “Iso de que a agricultura en ecolóxico non é productiva é un gran bulo, é incorrecto, tan só é menos productiva se continúas aplicando o sistema de produción convencional. Se continúas coas mesmas prácticas de maltratar o solo, arar co tractor, etc. si que é menos productiva porque non tes o salvavidas do saco de abono. Tan só hai que ser máis coidadoso”, afirma.

A comercialización da producción
A producción en ecolóxico de Labrecos ten diferentes vías de chegar ao consumidor final. Unha delas é a través da venda directa a particulares, pola cal, unha vez á semana, e en función da súa produción, os socios de Labrecos achegan unha cesta a cada cliente. “Esta fórmula permítenos ter unha proximidade co consumidor, para obter un feedback sobre a nosa colleita”, amplía Raquel García.

Sobre a adaptación das cestas ós produtos de tempada, desde Labreco inciden na adaptación do consumidor. “O que observamos é que a nosa gama de clientes foise adaptando á temporalidade dos cultivos cada vez con menor inconveniencia, e se unha semana, por calquera fenómeno non podemos entregarlles a cesta, van entendelo”, concreta.

Outro dos puntos de venda para a producción da Cooperativa é a iniciativa Ecocomedores, isto é, o suministro ós comedores escolares, que “xa estaba na nosa mente antes de iniciar o proxecto”, avanza Iván Lata. “Esta iniciativa é moi importante porque non só estamos alimentando aos nenos e nenas dun xeito saludable, senón porque estamos dándolle de comer aos nosos clientes de futuro”, comenta.

“Aínda así, nun primeiro momento non nos vimos con forza para xerar os alimentos necesarios para abastecer un comedor escolar cun número de alumnos elevado, pero a raíz dun proxecto piloto do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que recadou a varios productores de proximidade, contactou de novo co grupo unha escola infantil de Novo Mesoiro, comezamos por aí, e fomos chegando a máis centros ata a situación actual”, explica Iván Lata.

Proxectos de futuro de Labrecos
Nestes momentos os socios da Cooperativa van continuar pola formación en sistemas agroforestais. “O ideal sería que no momento da plantación do apartado de horta tamén se poñan unha serie de liña de árbores, para que, co tempo, as árbores colonicen ese terreo e formen un monte. Unha vez suceda iso, levarase a horta a outra superficie para facer o mesmo”, detalla Iván Lata.

Esta orientación está motivada pola problemática da auga, posto que “desde Labrecos vemos que a seca do verán está en certo modo alimentada pola falta de árbores, é dicir, non hai materia orgánica nos solos e polo tanto non hai retención, da igual o que chova”, conclúe.

  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información