As indemnizacións do seguro agrario en 2021 para os produtores galegos superan os 25 millóns de euros

Aumentan case un 3% respecto ao ano 2020. As indemnizacións para os gandeiros de vacún superaron os 12,2 millóns de euros. A Xunta incrementa as axudas para a contratación de seguros

As indemnizacións do seguro agrario en 2021 para os  produtores galegos superan os 25 millóns de euros

Danos en viñedos de Chantada, debido a unha sarabiada a finais da primavera pasada.

As indemnizacións de Agroseguro aos agricultores e gandeiros asegurados en Galicia polos sinistros producidos durante o ano 2021 elévanse por encima dos 25 millóns de euros, case un 3% máis que o ano anterior.

En total, as indemnizacións abonadas aos agricultores e gandeiros de Lugo alcanzaron os 11 millóns de euros. A continuación, sitúase A Coruña (9,0 millóns), Pontevedra (3,1) e Ourense (1,9 millóns). Máis do 90% das indemnizacións xa foron abonadas aos asegurados galegos, ata sumar máis de 22,8 millóns. 

Por liña de seguro, destacan as indemnizacións abonadas aos gandeiros galegos asegurados nas diferentes liñas de vacún, que pecharon a pasada campaña con 12,2 millóns de euros. Ademais, a liña de seguro que cobre os gastos derivados da retirada e destrución de animais mortos alcanzou outros 12,1 millóns.

Destináronse 570.000 euros a compensar danos nos viñedos galegos, case un 40% máis que no 2020

No caso dos seguros agrícolas, os danos rexistrados superan os 700.000 euros, na súa meirande parte destinados a compensar os danos sufridos no viñedo galego (570.000 euros, case un 40% máis que o ano 2020), aínda que tamén se produciron sinistros en producións aseguradas de cultivos forraxeiros, hortalizas, herbáceos extensivos, oliveiral ou planta viva.

Os viticultores asegurados en Lugo recibiron 273.000 euros en indemnizacións, principalmente por danos por xeada. No caso de Ourense, os danos por xeada tamén foron os máis frecuentes, e elevaron as indemnizacións por encima dos 215.000 euros. O resto repártese entre produtores asegurados de uva de viño na Coruña e Pontevedra.

“Os datos reflicten os graves efectos do cambio climático sobre o campo e constatan a necesidade de contar cun seguro agrario para protexer o futuro e viabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras”, valoran desde Agroseguro. O aumento dos fenómenos meteorolóxicos graves foi constante ao longo da última década. A sinistralidade rexistrada en catro dos cinco últimos exercicios (2017, 2018, 2020 e 2021), provocou que, xunto a 2012, sexan os anos de maiores indemnizacións nos 42 anos de historia do sistema español de Seguros Agrarios Combinados.

722 millóns de euros en indemnizacións

A nivel estatal, Agroseguro pecha 20211 como o segundo ano con maiores indemnizacións da súa historia, ao alcanzar os 722 millóns de euros, un 23% máis que o ano anterior. Este ano, os danos debéronse principalmente a xeadas e nevadas durante o inverno que foron seguidas por borrascas cargadas de vento e choiva, tormentas de pedrisco, inundacións e vagas de calor.

En total, Agroseguro recibiu máis de 122.000 sinistros agrícolas (+34% respecto a 2020). No caso dos seguros pecuarios, recibiron 93.800 partes de sinistro (+1,2%), así como máis 1,4 millóns de avisos para a recollida e destrución de animais mortos (-0,4%). Os sinistros rexistrados aumentaron un 1,7%, ata rozar os 1,63 millóns.

Por producións, destacan as indemnizacións récord abonadas aos fruticultores, que en 2021 alcanzaron os 144 millóns. Tamén rexistraron cuantiosos danos nas diferentes producións de hortalizas, que percibiron 93,3 millóns de euros. O viñedo rexistra unha cifra histórica de indemnizacións (83,9 millóns de euros) debido ao impacto das xeadas de abril e das tormentas de saraiba da primavera e o verán. As producións de herbáceos extensivos acapararon 65,2 millóns de euros, polos danos derivados das fortes tormentas de saraiba.

O resto de indemnizacións repártese entre outras producións entre as que destacan o caqui (24,8 millóns), os froitos secos (19,1 millóns, principalmente améndoa), o oliveiral (16,6 millóns), o plátano de Canarias (10,6 millóns) e a cereixa (9,6 millóns).

Por último, no caso dos seguros pecuarios, as indemnizacións situáronse en 144,6 millóns de euros. En concreto, os gandeiros asegurados nas diferentes liñas de gando vacún situáronse por encima dos 54 millóns de euros.

Incremento das axudas para contratar seguros agrarios

Por outra banda, a Xunta de Galicia acaba de anunciar un incremento de case o 17% na dotación das axudas para o fomento da contratación de seguros agarios, pasando dos 6 millóns de euros destinados en 2021 aos 7 millóns desta convocatoria. O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves a orde da Consellería do Medio Rural na que se establecen as bases reguladoras das axudas.

A Xunta concederá estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2022 e de liñas gandeiras dos plans 2021 e 2022, formalizadas este ano. Nesta liña de axudas tamén se inclúen os seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións.

En canto ao prazo de presentación de solicitudes, nos diferentes anexos da orde establécense as datas de inicio de suscrición de pólizas de seguros correspondentes ás distintas liñas que compoñen o Plan de seguros agrarios. Abarcan desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro, segundo a liña de seguro da que se trate, así como do tipo de produción asegurable.

– Consulta aquí tódolos detalles da convocatoria das axudas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información