A Consellería do Medio Rural pon en marcha hoxe martes, 2 de xaneiro, unha nova campaña de vacinación gratuíta á lingua azul destinada ao gando bovino e ovino de toda Galicia. A campaña arrancará nas explotacións das zonas restrinxidas desta enfermidade, declaradas no mes de novembro. Un mes despois iniciarase tamén a campaña do 2024 na zona restrinxida en febreiro de 2023, que xa foi vacinada neste ano.
Deste xeito, as primeiras áreas que recibirán a vacina corresponden á provincia da Coruña e ás comarcas veterinarias da Mariña Central, A Mariña Oriental, A Mariña Occidental, Terra Chá Guitiriz, Terra Chá Castro, Terra Chá Vilalba, Meira, Lugo, A Ulloa, Os Ancares e A Fonsagrada, na provincia de Lugo. A campaña comezará en Santa Comba e Mazaricos, na Coruña; e na Pastoriza, Portomarín e Barreiros, en Lugo.
Na segunda fase, revacinaranse os animais das provincias de Ourense e Pontevedra, e das comarcas Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, en Lugo. Neste caso, ademais de realizarse a revacinación dos animais, vacinaranse tamén por primeira vez aos animais que estean sen facelo, por ter nado con posterioridade ás visitas efectuados polo persoal de vacinación ou por ser incorporados dende a zona libre.
A Xunta recorda a importancia de realizar a vacinación, ben a través do servizo público, ben acudindo aos servizos de persoal veterinario libre ou das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), antes de que comece a época do vector. A finalidade é ter protexidos aos animais e evitar a difusión da enfermidade, por un lado, e que as explotacións non se vexan afectadas nos movementos dos seus animais, por outro.
Dende a Consellería indican que as persoas gandeiras que o desexen poden recorrer aos servizos de persoal veterinario libre ou ás ADSG, tanto para vacinar a explotación completa como para facelo posteriormente cos animais nados trala a vacinación en saba. Neste caso, cómpre sinalar que a Xunta autorizou para realizar dita vacinación a todo o persoal veterinario que o solicitou e que a Medio Rural entregará gratuitamente a vacina a ese persoal.