Axudas para biomasa e paneis fotovoltaicos en vivendas do rural

O Instituto Enerxético de Galicia convoca unha liña de axudas para calefactar vivendas no rural e outra para a instalación de paneis fotovoltaicos

Axudas para biomasa e paneis fotovoltaicos en vivendas do rural

A Axencia Instituto Enerxético de Galicia sacou dúas liñas de axudas novas para ámbitos non urbanos, é dicir, rurais. Unha delas é para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial e a outra e para proxectos de enerxía fotovoltaica, tamén no sector residencial. En ambas farase selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

No caso das axudas para renovables de uso térmico, o prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 29 de febreiro de 2024. Por outra banda, o prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de febreiro de 2024 ás 9.00 horas (Inicio do período subvencionable) e rematará o 21 de marzo de 2024. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

No caso das axudas a enerxías fotovoltaicas o prazo finalizará o 30 de setembro de 2024.

Axudas para proxectos de uso térmico
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras de biomasa, bombas de calor ou solar térmica en aplicacións residenciais.

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 2.000.000 € e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo. Serán subvencionables: o equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira de biomasa); resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento de sistema; o custo de montaxe e conexionado e no caso da enerxía xeotérmica e hidrotermia, o sistema de captación do recurso, sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubos etc

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Axudas para enerxía fotovoltaica
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso da enerxía solar fotovoltaica. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía solar fotovoltaica en aplicacións residenciais.

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 1.500.000 €.

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os investimentos subvencionables son: os paneis solares fotovoltaicos; o acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cableado, equipamentos de medidas, etc.), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.) e sistema de acumulación con baterías de litio; o resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema; o custo da montaxe e o conexionado e a dirección de obra e o IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información