“Hai moito que mellorar no manexo das vacas secas en Galicia”

Entrevista a Águeda Capón, gandeira e estudante de Veterinaria. Ven de presentar no Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina celebrado en Santiago un estudo sobre “Áreas de mellora das vacas en torno ao parto”

“Hai moito que mellorar no manexo das vacas secas en Galicia”

Águeda Capón

“Hai a percepción errónea de que as vacas secas non son produtivas, polo que se descoida moito o seu manexo e alimentación, o que repercute nun importante incremento das enfermidades durante o postparto”. Esta é a principal conclusión do estudo sobre “Áreas de mellora das vacas en torno ao parto” presentado no último congreso de Anembe pola gandeira e estudante de veterinaria -a piques de licenciarse-, Águeda Capón.

O estudo, o primeiro que se fai en Galicia sobre esta temática, foi realizado a partir da análise de 22 ganderías galegas en Control Leiteiro e cunha media de 85 vacas por explotación.

Cal é a importancia deste período de transición das vacas secas?
O período do secado vai ser no que se determinen todas as enfermidades que van aparecer no posparto. É dicir, é o período previo no que as vacas están máis inmunodeprimidas e no que as vacas están máis febles e están máis predispostas a contraer enfermidades. Así, no estudo vimos que o 75% das patoloxías do gando vacún danse no primeiro mes postparto, o que quere dicir que durante o secado algo se está facendo mal.

Ademais, no estudo detectamos que entre o 30 e o 50% dos animais sofren algún tipo de trastorno metabólico infeccioso durante o período do secado.

Cales son os principais aspectos que se descoidan no coidado das vacas durante o secado?
Visitamos 22 explotacións de vacún de leite de Galicia e o que vimos é que no postparto as cousas estanse facendo bastante ben, pero non así no preparto, no relativo a instalacións, manexo da alimentación e manexo dos animais.

No lote de vacas secas o manexo está sendo moi deficitario. Así, atopámonos que no 50% das granxas as instalacións para este lote eran precarias, con falta de comodidade para as vacas. Como exemplo, das 22 ganderías analizas, só 15 tiñan parideira.

Ademais, a alimentación das vacas secas normalmente consiste nun pouco de herba seca, de pasto, os restos do que comen as vacas en produción…etc. É dicir, vimos que non hai unha ración específica para o lote de vacas secas, co que non sabemos que nutrientes están comendo e se cubren as súas necesidades nutricionais. Estas deficiencias no manexo das vacas secas redunda nun incremento das enfermidades en postparto.

Ante esta situación, ¿Que cambios suxires para mellorar o manexo das vacas secas?
No sistema en intensivo, que representa case todas as ganderías que visitamos, penso que os mellores cubículos son os de area, porque os animais sofren menos infeccións, están máis enxoitos e máis limpos. En canto ás dimensións dos cubículos, o aconsellable é que sexan de 115 centímetros de ancho por 175 centímetros de longo e que a parte dianteira do cubículo estea libre, polo menos en 75 centímetros. Todo isto para que o animal se deite perfectamente recto no cubículo.

Advirtes no teu estudo de que unha porcentaxe elevada das vacas chegan gordas ao parto….
No estudo atopámonos no lote de vacas secas con que máis do 25% das vacas tiñan unha condición corporal de 4 -a condición corporal mídese nunha escala de 1 a 5-. Isto pode ser debido a que non hai unha ración específica para o lote de secas, senón que estes animais van comendo todos os sobrantes do resto do rabaño.

Esta gordura vaise traducir en moitos problemas no postpato, como cetose, retención de placenta, partos distóficos….etc. E isto vai conducir a moitas máis enfermidades.

“É imprescindible que as vacas secas teñan unha ración para elas”

A condición corporal óptima en período de vaca seca debería estar nun 2,5. Sorprendeume unha porcentaxe tal alta de vacas secas gordas, que na súa gran maioría van desenvolver enfermidades por este motivo durante o período de produción.

Falas de que non hai unha ración específica para as vacas secas ¿Como pensas que se debería deseñar esta ración?
As vacas secas vense erradamente como os animais que non están dando beneficio económico. Penso que é imprescindible que as vacas secas teñan unha ración propia para elas, xa que nos vai permitir controlar a súa condición corporal, e polo tanto reduciremos as enfermidades postparto; imos saber que está inxerindo todos os nutrientes necesarios e imos reducir os casos de hipocalcemia no parto, ao regular o calcio na ración.

¿Os baixos prezos do leite non deberían ser excusa para un bo coidado das vacas secas?
Desde logo, porque as vacas secas de hoxe van ser as que o día de mañá nos estean dando cartos. Polo tanto, se fallamos nesa preparación previa imos ter numerosas patoloxías que nos van diminuír a produción. Por iso, temos que ser conscientes da importancia de coidar as vacas secas porque son o futuro da explotación.

¿Algo máis que queiras engadir?
Creo que é importante avaliar o confort das vacas, que o manexo é fundamental e que é necesario saber en que falla cada granxa para poder corrixir os problemas. Coa ferramenta que utilicei no estudo, a aplicación Drisk de Elanco, recóllense moitos datos e poden sacarse moitas conclusións e detectar que puntos se poden mellorar na gandería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información