“Grazas ás miñocas logramos un adubo adaptado aos solos de Galicia”

“Grazas ás miñocas logramos un adubo adaptado aos solos de Galicia”

Entrevistamos a Sergio Quiroga, fundador de Ecocelta, na súa planta en Pías, no concello de Ponteareas. A súa é a historia de superación e de loita dun fillo de emigrantes galegos en Arxentina que retornou a Galicia e conseguiu crear unha empresa que hoxe é referente a nivel galego e mesmo estatal na fabricación de adubos ecolóxicos, creando postos de traballo e riqueza a partir dun recurso moi abundante en Galicia, a materia orgánica de orixe animal e vexetal.

Cómo naceu Ecocelta?    
Ecocelta naceu de forma privada a partir dun hobby meu como era o de obter compost a partir dos restos orgánicos do zoolóxico que había no Castelo de Vilasobroso. No ano 2002 tiven a oportunidade de facer un curso para emigrantes retornados. Eu levaba a idea de producir adubos ecolóxicos a partir da xestión da materia orgánica. Fixen un proxecto de fin de curso consistente na xestión sustentable da materia orgánica que se xeraba no Castelo de Vilasobroso, en Ponteareas, e de aí naceu o nome de Ecocelta, un proxecto dunha planta de xestión de residuos orgánicos a nivel comarcal, nun radio de 50 quilómetros.

Ese material, mediante a vermicompostaxe, convertiríase en humus de miñoca. Sen embargo, daquela a Xunta non tiña regulado a vermicompostaxe, polo que o nacemento de Ecocelta atrasouse até finais de 2003 e empezamos cunha planta pequena para o tratamento de 500 toneladas anuais. Iso fixo que estiveramos desbordados e que tiveramos que comprar un novo terreo para unha planta máis grande. O inicio de actividade oficial foi a comezos de 2004 e a nosa presentación ao público foi a finais de 2005 na Feira de Silleda, onde recibimos un premio.

Como xurdiu o interese pola vermicompostaxe?  
Estudei Enxeñería Agrónoma en Arxentina e alí a vermicompostaxe é común en calquera explotación gandeira ou de horta para xestionar os residuos. No noso caso tiñamos unha serie de residuos con necesidade de ser xestionados mediante esta técnica, que é máis lenta pero que é moi eficiente porque non gasta enerxía, a diferencia da incineración ou do vertedoiro.

Economicamente non sabíamos que a xestión de residuos era un negocio. O noso modelo inicial era a venda de abono ecolóxico e de forma certificada.

Co tempo, unha vez que fomos xestores autorizados, xurdiu un negocio paralelo que é a xestión de residuos. É un terreo complicado onde non todos os residuos son susceptibles de facer un abono de calidade, o que nos obrigou a seleccionar soamente os residuos que nos interesan.

As experiencias en vermicompostaxe en Galicia non foron ben, foron hai 30 anos a través de xente de Italia que protagonizaron un engano masivo vendendo miñocas, que é o que lles interesaba. Pero non había ese concepto ecolóxico nos anos 80 e non había demanda de abono ecolóxico. Por iso, cando iniciamos a nosa actividade, había moita desconfianza e non había actividade neste sector en Galicia.

Que volume e facturación movedes ao ano?
Ecocelta evolucionou segundo as necesidades do mercado, e agora xa non só temos adubo de miñoca, senón tamén compost, abono pelletizado, un adubo líquido…etc. A día de hoxe Ecocelta factura uns 400.000 euros e en volumes xestionamos unhas 4.000 toneladas de material orgánico, o 90% esterco das granxas cercanas, e máis de 10.000 metros cúbicos de materiais.

“Non damos producido para atender a demanda que temos de compost de calidade”

Cales son as vosas perspectivas para o futuro?
Temos unha estratexia para cando obteñamos a licenza de ampliación que é ter un teito de compostaxe para poder traballar tamén durante os días de choiva. A compostaxe é previa á vermicompostaxe e non se pode facer cando chove, o que nos fai diminuír a nosa capacidade produtiva a 3-4 meses ao ano. Poderíamas aumentar a capacidade produtiva nun mínimo dun 50% e tamén nos daría a oportunidade de xestionar máis cantidade de materia prima.

O noso non é un problema de demanda, senón de proceso, de oferta. E non hai nada peor que ter demanda e clientes pero non poder facer o produto.

Tedes unha demanda maior?      
Esgotamos o stock todos os anos. Este ano xa dende marzo. Mesmo tivemos a oportunidade de abrir negocio en Madrid: ía ben pero logo esgotamos o stok para seguir abastecéndoos. Este é un problema para nos: ter demanda e materias primas e non poder procesalas por falta de espazo na planta.

O teito xa está instalado e isto permitiranos aumentar substancialmente a produción, despois de superar numerosos atrancos por parte do goberno municipal de Ponteareas.

“O adubo de alga é moi idóneo para os solos ácidos de Galicia”

En que novos proxectos estades traballando?     
Nós creamos abonos orgánicos de valor agronómico e de calidade. Neste momento estamos traballando tamén coas algas de Cesantes, en Redondela. Probamos procesando unhas 500 toneladas e os resultados foron moi bos nos solos de Galicia, que son ácidos e o adubo de alga aporta calcio, magnesio e tamén potasio, precisamente os nutrientes que lles faltan ao noso solo.

En Ecocelta o que facemos é escorrer primeiro a auga de mar na propia praia. Unha vez feito ese proceso a alga ten 4 veces menos cantidade de sal que o esterco de coello ou de ave.

Démonos conta de que estar cerca da costa é unha vantaxe moi grande para Ecocelta para poder facer un adubo diferenciado. En Galicia estamos empezando e noso referente é Escocia, onde a elaboración de adubo de alga está moi avanzada.

A nosa estratexia é apostar polo adubo de alga, porque é o que máis nos vai diferenciar, e vai moi ben para os solos ácidos, os predominantes en Galicia.

Por outra parte, propuxéronnos para un Proxecto Life, como exemplo de centro comarcal de xestión de materia orgánica e agora estamos preparando outro proxecto coas algas das Rías Baixas.

“A normativa ecolóxica debería penalizar aos produtos que veñen de lonxe”

As grandes multinacionais cada vez apostan máis polos abonos ecolóxicos. Tedes temor á chegada destas grandes empresas ao mercado?    
A elaboración de abonos orgánicos ten o estigma dos custos de transporte da materia prima, bastante elevados, que fai que só sexa sustentable traballando con materia orgánica a nivel comarcal.

A xente con conciencia ecolóxica tamén mira a pegada enerxética do transporte..os produtos locais son os verdadeiramente ecolóxicos. A norma ecolóxica tería que penalizar os produtos que superan certos quilómetros, porque senón estariamos contaminando.

Coa vosa experiencia, como valorades a situación dos solos agrícolas de Galicia?                                                                                                                                   Sorpréndeme que grandes adegas con premios a nivel mundial non coñecen o estado dos seus solos, non fan analíticas. Neste sentido, hai un campo de traballo importante para a analítica de solos.

O solo galego, polo granito, é ácido. Está comprobada a necesidade de encalar, cada dous ou tres anos. Neste sentido, a cuncha de mexillón é moi bo adubo, pero haino que facer cun criterio técnico para evitar problemas, como o que pasou nalgunhas fincas de Cambados nas que se botaron camións de cuncha e agora pasaron a ser solos básicos, cos problemas que iso conleva, e o mesmo sucede en solos de invernadoiros. Tamén pasou o mesmo cos lodos de depuradoras ou cos puríns…

“Sorpréndeme que se abone sen facer análises dos solos”

De aí a importancia de facer análises dos solos antes de cada abonado. O solos en Galicia en xeral ou moi ácidos, con moita presenza de aluminio que impide o correcto desenvolvemento da planta, polo que os abonos de Ecocelta son alcalinos de natureza, polo tipo de estercos cos que traballamos, que conteñen calcio e magnesio.

Porén, estamos traballando nunha liña de adubos para solos alcalinos, polos problemas puntuais que empezan a aparecer en determinadas parcelas. Isto permitiríanos abrir mercado tamén no resto do Estado, xa que a maior parte dos solos de España son alcalinos.

Como valoras o modelo de SOGAMA?    
Os modelos non poden durar toda a vida, sobre todo cando non son sustentables. En países máis desenvolvidos onde xa houbo incineración, agora hai plantas de compostaxe que reducen moito a contaminación.

Se non se favorece o modelo de compostaxe vai ter que seguir existindo o modelo de incineración. Creo que o que se debería facer é un modelo de compostaxe comarcal, eficiente, porque non hai transportes, para tratar a materia orgánica. Non é viable nin económica nin ambientalmente que os concellos gasten millóns de euros para pagarlle a SOGAMA a incineración da materia orgánica.

Por iso, penso que a xestión da materia orgánica a nivel comarcal é o futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información