Gavieiro e Hijos SL: un establo de vangarda para unha gandería cun leite diferenciado

Unha nave completamente de ferro, máis comodidade para o gando, producir leite con alto contido en proteína e materia graxa ou o seguimento de protocolos no manexo do gando son a aposta desta explotación de Palas de Rei.

Gavieiro e Hijos SL: un establo de vangarda para unha gandería cun leite diferenciado

José Manuel Gavieiro na súa explotación

Cando en 2014 José Manuel Gavieiro vía que se aproximaba a fin do sistema de cotas, intuía tamén os profundos cambios que para a súa explotación de vacún de leite ía provocar a fin dun sistema regulado que asegurara ata entón unha certa estabilidade de prezos en base ao control da produción. A súa pequena explotación familiar de 60 vacas en muxido na parroquia de Mosteiro, en Palas de Rei (Lugo), afrontábase ao dilema de renovarse ou morrer para competir nun mercado desregulado.

“As instalacións tiñan máis de 35 anos e quedábanse pequenas, a sala de muxido estaba anticuada..e tiña que realizar un gran investimento para renovala completamente, que non podía acometer porque non dispuña dos cartos, ou ir realizando obras pouco a pouco e endebedarme continuamente”, explica José Manuel.

A solución pola que optou foi buscar un socio capitalista para construír unha nova gandería de vangarda que crease marca propia tanto polo tipo de instalacións, como polo benestar animal e pola calidade do leite. Así naceu en 2014 Gavieiro e Hijos SL, un sociedade formada por dous socios na que José Manuel Gavieiro achega o traballo como gandeiro e o seu socio o capital.

Un establo completamente de ferro que busca o benestar animal e a eficiencia enerxética

Para poñer en marcha o novo proxecto constituíuse un equipo técnico formado por varios asesores que elaboraron un plan de viabilidade. Para a construción do novo establo estudaron distintas opcións: dende o clásico formigón, á madeira, pasando polo sistema de invernadoiro ou o de ferro. A dirección técnica da granxa e o deseño do proxecto correspondeu a Marcial Gende.

Finalmente foi a estrutura de ferro galvanizado a que se impuxo por varias razóns: “é máis barata que o formigón, é fácilmente desmontable, está deseñado para realizar unha ampliación e ademais ofrece máis facilidade de limpeza e moita máis luminosidade”, resume José Manuel Gavieiro.

Un factor decisivo que tamén decantou a balanza a favor do establo de ferro foi a rapidez da súa montaxe. “A comezos de setembro de 2014 tiñamos a cimentación e os peares da nave instalados e a finais de outubro a nave xa estaba completamente montada”, subliña.

En total 3.660 metros cadrados de superficie cuberta, con 46 metros de ancho e 80 de longo, dos que 7,5 son para o espazo de oficinas. O custo total de toda a nova instalación ascendeu a un millón de euros, cunha achega de 250.000 euros de axudas públicas a través de AGADER.

Eficiencia enerxética e comodidade para o gando

Precisamente a eficiencia enerxética e o respecto ao medio ambiente foi un dos criterios fixados por AGADER para conceder esta axuda. Neste sentido, José Manuel Gavieiro destaca que outra das vantaxes que aporta a estrutura de ferro “é que ao ter menos grosor e peso que o formigón permite máis altura do teito, polo tanto máis ventilación e luminosidade, algo que supón un aforro de electricidade e unha redución do estrés por calor no verán”. De feito non precisan de ventiladores nin de aspersores de auga.

 “Co establo de ferro gañamos moito en ventilación e luminosidade”

O único hándicap: “no inverno entra bastante o norte, o que non é un problema tanto para as vacas como para nós”, recoñece José Manuel. Algo que esperan solucionar co tempo grazas a unha plantación de tullas na cara norte do establo.

Polo demais, nas instalacións buscaron tamén a máxima comodidade para as vacas, con pasillos de 5 metros de ancho, e nos cubículos optaron por un chan de formigón cunha pequena elevación, unha almofada formada por un tubo de plástico e camas de area.

Sistema de arrobadeira que non acumula area

Para evitar a acumulación e o atasco da arrobadeira coa area das camas, un problema frecuente con este tipo de material, nesta nave optaron por tres innovacións que se relevaron efectivas: partindo dun metro de profundidade, unha inclinación do 7% na canle da arrobadeira ata o desaugue; 40 centímetros de ancho da canle e un solo da mesma formado pola metade dunha tubaxe de PVC que impide a adherencia do xurro.

“As melloras no sistema de arrobadeira foron sinxelas e moi efectivas”

Outra pequena innovación que introduciron é que a parte superior da arrobadeira estréitase ata un ancho de 20 centímetros, formando un teito que evita a subida de vermes ao establo dende a canle. Polo demais, a explotación está dotada de cámaras de videovixilancia e de infravermellos que permiten un seguimento e control da mesma dende o teléfono móbil.

Polo demais, contan cun tanque de 16.000 litros, pensado para unha produción diaria de 8.000 litros, e unha sala de muxido de 2×10 puntos que permite o muxido por parte dunha soa persoa.

Apostan por unha xenética que prime a calidade do leite ou a eficiencia alimentaria

Rematas estas instalacións de vangarda faltaba a súa razón de ser: as vacas. O 15 de xaneiro entraron as primeiras procedentes da antiga explotación de José Manuel Gavieiro, pero o groso do gando foi chegando nos vindeiros meses: 120 xovencas Holstein primeirizas importadas de Holanda e 20 de Dinamarca. “A razón pola que optamos por eses países é que buscabamos xenética Holstein en base a calidade do leite, tanto en proteína como en materia graxa”, explica José Manuel.

O mesmo criterio seguen á hora da reprodución, utilizando touros xenómicos que destaquen por segundos rasgos como eficiencia alimentaria, lonxevidade ou fertilidade tanto do touro como das fillas, sen descoidar a calidade e a cantidade de leite. “Este ano utilizamos un touro, Donatello, que agora está de número tres en Estados Unidos, e Payton, e agardamos ter bos resultados”, explica.

Importancia dos protocolos e da alimentación

Sala de muxido de 2x10

Sala de muxido de 2×10

Unha instalacións de primeira e unha boa xenética precisan tamén dunha alimentación axeitada e dun bo manexo para que as vacas expresen todo o seu potencial xenético.

Neste sentido, a ración diaria para as vacas en muxido está composta por 30 kilos de silo de millo, 7 kilos de silo de herba, 2 kg de veza e 11 kg de concentrado. Este tipo de alimentación, xunto cos dous muxidos, permítelles ter unhas calidades do leite de 3,60 de proteína e 4,20 de graxa, uns niveis bastante máis altos que a media galega. A produción media está en 32 litros por vaca, un dato provisional xa que a maioría das vacas son primeirizas. O leite véndeno a Lactalis, a través da Cooperativa Agris, da que son socios.

A base territorial da gandeiría de Gavieiro e Hijos SL son 52 hectáreas, das que en 47 cultivan millo e herba en rotación e 5 hectáreas están destinadas só a herba. A terra escasea nesta comarca con numerosas explotacións lácteas, o que obrigou a José Manuel Gavieiro a mercar este ano en León 1.000 toneladas de millo picado e 8 camións de veza. “Xestionando ben as compras non se alonxa moito do que nos custaría producir esa forraxe aquí”,

“É fundamental seguir uns protocolos e unhas rutinas de traballo”

Outro aspecto que coidan moito nesta explotación son o seguimento duns protocolos e dunhas rutinas establecidas en colaboración cos técnicos que os asesoran. Os beneficios deste sistema máis profesional son evidentes para José Manuel Gavieiro: “o traballo é máis fácil e eficaz e melloramos o rendemento da explotación se seguimos unha rutina”.

Plans de futuro: poñer en valor a calidade do seu leite a través da transformación

¿E por onde pasa o futuro desta explotación para facer rendible un investimento de tal magnitude? José Manuel Gavieiro teno claro: “o consumo de leite líquida está en caída e sobe o de derivados lácteos, polo que temos que producir leite de calidade para transformar en queixos, iogures…etc”.

Neste sentido, en Gavieiro e Hijos SLA plantean a medio prazo ampliar a cabana gandeira ata 260 vacas en muxido, aumentar as calidades do leite ata 3,6 de proteína e 4,5 de graxa e apostar pola transformación para darlle valor ao seu leite. Para iso plantéanse tres opcións: montar a súa propia queixería, mercar unha ou buscar unha industria transformadora que valore e demande as calidades do seu leite.

Pero todo este proxecto non sería posible sen o capital humano que hai detrás: sen a vocación gandeira de José Manuel Gavieiro, da súa dona e dunha empregada que traballa na explotación. “Temos que dignificar o traballo do gandeiro, e iso empeza por nós mesmos, por ser gandeiros con vocación que estamos onde queremos estar, que nos gusta o noso traballo e que apostamos polo futuro das nosas explotacións”, conclúe.

Fachada da explotación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información