O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto que establece as bases de desenvolvemento da normativa da Unión Europea (UE) de sanidade animal, no relativo ás obrigacións de vixilancia dos titulares das explotacións gandeiras e ao plan sanitario integral destas.
O novo real decreto desenvolve a figura do veterinario de explotación, recolle o contido mínimo do plan sanitario integral das explotacións gandeiras e establece a frecuencia mínima das visitas zoosanitarias.
Esta norma aplicarase en todas as explotacións gandeiras, fóra das granxas de autoconsumo, así como determinadas explotacións en función do seu tamaño consideradas de baixo risco.
Segundo establece o real decreto, o veterinario de explotación levará a cabo unha supervisión sanitaria e de benestar animal da explotación gandeira de maneira presencial e de forma regular. Ademais, a frecuencia das visitas zoosanitarias estará baseada no risco que presente a explotación e incluirán a supervisión dos aspectos recolleitos no Plan sanitario integral.
Nas devanditas visitas, o veterinario realizará as recomendacións pertinentes para emendar as deficiencias que observe, incluídas aquelas destinadas a conseguir un uso sostible de antibióticos. De igual forma, o veterinario asesorará ao gandeiro en materia de bioseguridade, rastrexabilidade, alimentación, detección temperá e resposta rápida ás enfermidades e sobre a importancia das resistencias antimicrobianas.
Dado que a saúde e o benestar dos animais están intimamente relacionados, e que a valoración do benestar dun animal só pode levar a cabo co adecuado coñecemento da súa situación sanitaria, o veterinario de explotación tamén será o encargado de deseñar o Plan de benestar animal e supervisar o seu cumprimento. O contido deste plan atópase na súa normativa específica.
Pode consultarse aquí o novo decreto que desenvolve a figura do veterinario de explotación.