A tese de doutoramento da veterinaria Sonia Verdes Gil demostra que a rendibilidade das explotacións de vacún na provincia de Lugo pode verse reducida por carencias no benestar animal. Entre os elementos detectados estarían as reducidas dimensións da estabulación animal ou chans incómodos. A afectación directa sería sobre a saúde e produción.
A tese da doutora Sonia Verdes, ‘Benestar animal nas granxas de vacún de leite da provincia de Lugo e as súas implicacións na produción’, sinala os defectos apuntados como causantes de impactos negativos na produtividade e nos ciclos de reprodución, por tanto, na rendibilidade das explotacións. Para este traballo, recolléronse datos relativos a instalacións, manexo, saúde dos animais e capacidade reprodutiva e productiva en case 200 explotacións.
Sobre a avaliación cuantitativa do nivel de confort derivado das instalacións e manexo, a investigación constata unha diferenza de 33 puntos entre as granxas con mellores características e as peores. As granxas con mellores puntuacións destacan pola calidade do material das camas e o seu óptimo mantemento e limpeza, o que redunda en animais máis limpos e mellores taxas produtivas e de reprodución. Pola contra, nas explotacións peor cualificadas advírtense reses cunha hixiene deficiente nas patas e no ubre, unha menor taxa de detección de celo e unha produción de leite inferior.
Detéctase case un 20% de vacas con coxeira, unha lesión ligada a reducidas dimensións de cubículos e a alta densidade de animais
Asemade, a investigación asocia a limpeza das áreas de descanso e corredores cunha menor incidencia de enfermidades dos cascos e de mamites nas vacas, ao tempo que correlaciona unha alta incidencia de coxeiras coas reducidas dimensións dos cubículos e dos corredores, así como coa elevada densidade de poboación. A coxeira é unha tipoloxía de lesión que presenta case o 20% das vacas das explotacións obxecto da investigación.
O tribunal que avaliou a tese doutoral de Sonia Verdes estivo composto pola profesora do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Zaragoza Mª Lidia Gil Huerta, que presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Sonia Verdes Gil. O xestor de vendas en ABS España – Genus PLC, Juan Manuel Caínzos Cagiao, e o profesor na Facultade de Veterinaria da USC Rodrigo Muíño Otero completaron un comité que outorgou á investigación de doutoramento a máxima cualificación de sobresaliente cum laude.