Ameixeiras SC, unha gandería galega na elite da raza blonde de Aquitania

Daniel Otero decantouse no 2012 por esta raza cárnica de orixe francés e hoxe vende para vida todos os animais grazas ao alto nivel xenético acadado pola súa explotación

Daniel, cunha das súas vacas na parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz

Daniel, cunha das súas vacas na parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz

No lugar de As Ameixeiras, na parroquia guitiricense de Labrada, atópase unha das mellores ganderías de raza blonde de Aquitania do mundo. Tanto é así que as explotacións francesas, de onde é orixinaria esta raza cárnica, buscan en Galicia animais cos que elevar o nivel xenético da súa cabana. 

Daniel Otero traballaba nas Pontes nunha empresa de torneados de madeira, pero a crise da construción levouno ao paro.  Na casa os seus pais tiñan vacas de carne e a raíz de prexubilarse a súa nai decidiu coller a explotación. “Había algo de todo, rubia galega, asturiana e cruzadas”, conta.

No 2012, logo dun baleiro sanitario por tuberculose, decidiu pasarse á raza blonde. “Nós xa estabamos cruzando con touros blonde as nosas vacas e había 60 ou 70 quilos de diferenza no peso á hora de mandar os xatos ao matadoiro”, lembra. 

Os primeiros animais foi buscalos directamente a Francia. “En España daquela só había xatas de 7 ou 8 meses e nós queriamos vacas para non ter a explotación parada dous anos sen producir, así que arrincamos para Francia e mercamos alí o primeiro lote de 15 vacas preñadas”, explica. 

Acabamos de vender un touro para Francia e temos dous becerros tamén reservados. Temos animais que están reservados mesmo antes de nacer

Era a primeira vez que Daniel estaba en Francia, un país ao que hoxe vai continuamente, por ter clientes alí e pola relación de amizade que foi labrando con gandeiros galos de raza blonde. 

“Por casualidades da vida batín cun señor que tiña unha das mellores liñas xenéticas da blonde en toda Francia, de feito, cando vendeu a gandería 18 vacas deixáronlle 300.000€. Tiña unha xenética moi recoñecida e era o presidente da cooperativa Guyenne Blond, que está en Moustier, a 80 km de Burdeos, e está formada por 71 explotacións da zona. Alí está a cuna da blonde de Aquitania pero hoxe conseguimos que nos veñan mercar aquí. No mes de marzo vendemos un touro que marchou para a zona de Lyon, fixo 1.500 km e 23 horas de viaxe, e temos dous becerros tamén reservados”, conta Daniel. 

Mercado para vida

AMEIXEIRAS SC (Guiritiz) Blonde de Aquitania recriaAmeixeiras SC ten hoxe 50 nais reprodutoras e 20 xatas e xovencas de recría, que é o seu principal mercado. “Vendemos todo para vida, tanto machos como femias”, explica. Ademáis de Francia, venden para distintas zonas de España onde hay raza blonde. “Andalucía estanos demandando tamén moitos animais. Alí parten dunha raza autóctona, a retinta, e cruzan con touros blonde para ter máis quilos en cebadeiro”, di. 

Acostuman reservar 5 ou 6 xovencas de reposición para eles e o resto dos animais véndenos a outros criadores, tanto galegos como doutros puntos de España e Francia

Entre as vantaxes da raza blonde de Aquitana está a facilidade de parto, asegura Daniel. “Eu traballo en ocasións con touros máis extremos, para facer animais máis grandes, pero tes outros touros con moitísima facilidade de parto, igual ou mellor que noutras razas, como a limusin. Levo vendidos moitos animais e aínda non houbo un cliente que se me queixara diso, pero o que hai é que adaptar o touro á gandería”, afirma.  

Os touros que usamos témolos só un ano, despois vendémolos. Así evitamos a consanguinidade e deste xeito os nosos clientes pódennos mercar todos os anos 

“Nós traballamos con carta xenealóxica e temos distintas liñas xenéticas, algunha máis maternal, de máis leite, e outras máis cárnicas, con animais máis grandes e de máis quilos. Facemos pesadas para saber como van medrando e temos datos da evolución dos animais desa familia para que os clientes poidan tomar a decisión e decantarse por unha liña ou outra á hora de mercar en función do tipo de gando que estean a buscar”, explica. 

Mellora xenética e embrións

Daniel trata de manter a pureza nas distintas liñas xenéticas coas que traballa, cruzando cos mellores touros e facendo embrións das vacas máis premiadas e recoñecidas da súa gandería. Unha das súas vacas emblema neste momento é Lavanda, que foi vaca gran campiona de España no 2019 e antes Miss Future, un galardón a nivel europeo. É neta de Audi, vaca gran campiona de Francia. 

Teño vendido animais que despois nos concursos lle gañan aos meus

Neste momento teñen tres embrións implantados de Lavanda e agardan obter deles animais de elite como Terranova, unha xata nada no 2022 neta de Lavanda e tamén de Igenie, unha vaca que se subastou en Francia en 42.500€.

Partir de boas vacas e bos touros é unha garantía, pero “a xenética non é matemática”, recoñece Daniel. “Procuro vender o bo e quedarme co mellor, pero ás veces os animais que vendo despois gáñanlle nos concursos aos que teño eu na casa”, di. No libro xenealóxico cada ano correspóndese cunha letra do abecedario. Ao 2023 correspóndelle a letra U, polo que todos os animais nacidos este ano levarán un nome que comece por U. 

Problemas coa mosca no verán

AMEIXEIRAS SC (Guiritiz) Blonde de Aquitania vacas2Daniel ten as vacas sempre fóra e a maior parte do ano as crías están tamén fóra con elas no prado, tan só de decembro a marzo mete os xatos dentro e trae as vacas para darlles de mamar. “Esta é unha zona moi cha na que chove moito no inverno”, explica. Vende as crías logo de destetalas, normalmente entre os 6 e os 7 meses. O sistema de manexo en extensivo revirte en benestar animal e lonxevidade. “Temos vacas de 16 anos; este ano mandamos unha desa idade que pesou 615 quilos e deixou 3.700€”, conta. 

Un dos maiores problemas aos que se enfrontan, e que os obriga a mandar de vez en cando vacas ao matadoiro, é o da mamite da mosca nas vacas secas. “Pensamos que pode ter en parte unha compoñente xenética e influír tamén a zona na que estamos, con moitos regatos e zonas sombrías polo arboledo”, explica. 

A mamite é o nosa causa principal para ter que mandar vacas ao matadoiro. Probei coa vacina pero non me funcionou

Logo de probar distintas solucións, decidiron adaptar o manexo para minimizar os riscos. “Os partos das xovencas programámolos para a primavera, para que os meses de verán as colla xa paridas e nas fincas máis problemáticas botamos só vacas paridas, non levamos as secas, porque probamos coa vacina pero non nos funcionou”, di. 

Tivemos algún ataque de lobo pero resolvérono os cans

Outra ameaza é o lobo. “Tivemos algún ataque pero resolvérono os cans”, explica. Contan con 3 mastíns para defender o gando e grazas a eles non tiveron que lamentar baixas polo de agora. Alimentar os cans supón un custo importante pero son a día de hoxe un elemento imprescindible para Daniel. “Gasto 80€ ao mes en penso pero sáeme máis barato manter os cans que manter os lobos. Se me mata unha becerra a perda é moito máis alta”, razoa.

Custos de produción

AMEIXEIRAS SC (Guiritiz) Blonde de Aquitania feira SalamancaDaniel coida con mimo exquisito cada unha das súas vacas, xovencas e becerras e non quere aumentar máis ao número de cabezas. “O barullo leva ao abandono”, asegura. Dispoñen dunhas 50 hectáreas de superficie, que adican a pasto e sega. 

En Guitiriz abunda o minifundio e aínda que non son fincas moi grandes están unhas perto das outras, o que facilita o manexo do gando. A explotación conta cunha segunda ubicación en Cambás, no municipio de Aranga, cun establo e unha finca na que teñen as xovencas no inverno.

A blonde é a raza que máis quilos pon e come igual cas outras

A base da alimentación do gando é o pastoreo e as forraxes producidas na propia explotación. Suplementan con silo de herba e herba seca cando escasea o pasto e labran tamén 3 hectáreas de millo para ensilar. “O silo de millo dámosllo ás vacas paridas e ás xovencas en inverno”, explica. “Aquí o único que se merca é un camión de palla ao ano para encamar os becerros no inverno e o penso que se lle dá aos becerros, as vacas non comen penso”, indica. 

A suba dos custos de produción é unha oportunidade para a raza blonde, di. “É o momento desta raza, porque o penso está moi caro e hai que intentar facer os máximos quilos de carne posibles co mesmo gasto e un becerro blonde vai comer o mesmo que un dos outros, pero vai coller moitos máis quilos”, razoa. 

Prezos dignos para garantizar relevo nas explotacións

AMEIXEIRAS SC (Guiritiz) Blonde de Aquitania recria2Aínda que o seu mercado principal é o do gando de vida, Daniel está inscrito en Ternera Gallega Suprema e considera que non ten lóxica que razas como a limusín ou a blonde non se legalicen dentro da IXP. “É unha incongruencia que che deixen marcar unha vaca blonde como Vaca e Boi de Galicia e sen embargo un xato blonde que é fillo seu non cho marquen para Ternera Gallega”, opina. 

Se non hai prezo non hai rendibilidade. Hoxe hai tristeza no sector da carne, igual que ves que no do leite hai máis alegría

Demanda mellores prezos e máis axudas para os produtores de carne de calidade para garantir deste xeito o relevo xeracional no sector. “Se non hai prezo non hai rendibilidade. Por moitas axudas que digan que che dan, empezar hoxe de cero, cos prezos que hai, é case imposible”, asegura. 

Daniel considera que “a de gandeiro é aínda unha profesión pouco respectada a día de hoxe”. “Igual que no leite os gandeiros xa son moito máis profesionais, boto en falta que na carne non se sexa. Din que as vacas de carne non dan traballo, pero tes que velas todos os días e non vale velas desde a entrada”, asegura. E lamenta que a nova PAC “castigue” aos produtores de vacún de carne en relación aos do leite. “Eu cobro 2.000€ menos pola media dos dereitos”, exemplifica. 

A de gandeiro é unha profesión aínda pouco respectada a día de hoxe

Aposta por profesionalizar o sector e por diversificar noutras actividades. “Eu quería montar unha granxa de porcos como complemento. En Francia teñen moitas, pero para 2.000 porcos pedíanme 170 hectáreas de superficie e non o vin viable. Ademais, as fincas non reunían as condicións para montar a granxa, polas distancias, se non era polas casas era polos regatos ou por Patrimonio”, explica. 

“Eu o que quero é que haxa mozos que se incorporen; cantos máis gandeiros sexamos mellor, porque máis servizos teremos”

Daniel e a súa familia con Lavanda, a vaca emblema da gandería, na feira Salamaq

Daniel e a súa familia con Lavanda, a vaca emblema da gandería, na feira Salamaq

Nos últimos anos a raza blonde está a gañar presenza en Galicia. Son animais que desenvolven todo o seu potencial produtivo sobre todo nas zonas de chaira e que se adaptan á perfección en boa parte do territorio galego, pero Daniel recoñece que “non ten sentido meter blonde no alto do Fiouco ou na montaña de Ourense, onde hai que irse a un gando máis rústico e a un tipo de vaca máis pequena”. 

Con todo, conta, “na actualidade un terzo dos animais de raza blonde está nos Pirineos, a máis de 1.000 metros de altitude, pero é unha liña máis pequena porque hay que adaptar a vaca ao terreo no que vai estar. Se fas iso, todas as razas valen”, asegura. 

A asociación galega de raza blonde conta con máis de 20 ganderías

Daniel é vicepresidente da asociación galega de raza blonde (ABAGA), á que pertencen máis de 20 ganderías que teñen os seus animais no libro xenealóxico, unhas 500 cabezas. A nivel de toda España son uns 8.000 animais os inscritos. “Fóra do libro hai tres veces máis animais”, explica Daniel. “Hai moita xente reticente a cubrir datos, porque hai granxas que proceden do leite e meteron carne precisamente para despreocuparse e non cubrir tantos papeis e por iso prefiren non ter o gando inscrito”, razoa. 

Presenza en feiras e concursos

Ameixeiras SC é unha das ganderías habituais en Salamaq, a feira que se celebra en Salamanca no mes de setembro e onde ten lugar o concurso nacional de raza blonde. Esta granxa de Guitiriz logrou o título de mellor gandería de España no ano 2019 e repetiu galardón o ano pasado, cando acudiu con 18 vacas e 6 becerras e acadou 13 premios. 

Pero Daniel reclama que a Semana Verde de Silleda dea tamén cabida á raza blonde, cada vez máis estendida en Galicia. “Aí é onde tiñamos que estar os gandeiros galegos amosando o noso gando, pero sáenos moi caro ir, porque as razas autóctonas subvenciónanas para que vaian pero a nós non; nós se queremos ir temos que pagar e unha asociación como a nosa non o da asumido. Ao gandeiro xa lle custa cartos preparar os animais e levalos, para canto máis ter que facer fronte ao custo das instalacións”, quéixase. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información