“Queremos solucións, non nos vale que a Xunta e o Ministerio se sigan pasando a pelota”

Os ‘chalecos verdes’ da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema seguen facendo garda diante da Xunta en Lugo

Os ‘chalecos verdes’ da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema seguen facendo garda diante da Xunta en Lugo

Os produtores de carne encadean a terceira semana de protestas en Lugo mentres preparan unha nova tractorada para a vindeira semana se as Administracións non adoptan compromisos firmes e medidas concretas para resolver o problema que vive o sector, con prezos de venda dos xatos por debaixo dos custos de produción das explotacións.

“Tivemos unha reunión formal coa Xunta a semana pasada e na que tivemos na Subdelegación do Goberno a semana anterior quedaron en darlle traslado tamén das nosas peticións ao Ministerio. Neste momento estamos agardando unha resposta oficial por parte das dúas Administracións”, explica Santiago Rego, presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, organizadora da tractorada do pasado 18 de abril.

“Non queremos que se sigan tirando a pelota dun tellado a outro. Dámoslles esta semana de prazo para que respondan poñendo solucións sobre a mesa. Se iso non ocorre, a semana que vén endureceremos as protestas e volveremos sacar os tractores ou o que faga falta”, avanza.

Desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema denuncian que se seguen a aprobar decisións “claramente discriminatorias” para os produtores de carne en extensivo, como son as últimas rebaixas no IRPF do 2022 aprobadas polo Goberno e destinadas a agricultores, o que se vén sumar ao reparto da nova PAC, que ven negativo, e ás axudas extraordinarias para paliar os custos dos fertilizantes, que non incluíron as praderías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información