Gandería Xoco SC, animais con espazo e confort para un manexo máis cómodo

Nesta gandería familiar de vacún de leite, en Lalín, traballan repartindo ó máximo os animais por lotes, para facilitar a xestión do gando no día a día. Coñecemos con Eva e José Manuel como traballan nesta granxa de frisoas

Gandería Xoco SC, animais con espazo e confort para un manexo máis cómodo

José Manuel e Eva nas instalacións da súa granxa de vacas en produción situada en Maceira (Lalín).

Gandería Xoco SC é unha granxa familiar de vacún de leite situada en Lalín (Pontevedra). O matrimonio de Eva Fuentes e José Manuel Ferradás no 2013 foi o punto de arranque deste proxecto, co que fusionaron as ganderías das súas familias: gandería Pidre e gandería Xoco. “Coa fusión das dúas ganderías buscábamos abaratar custos de produción, ter un maior volume de negocio e reducir traballo”, recorda Eva.

Ambas familias comezaran coa produción de leite polos anos 80 e afrontaran a construción de novas naves no 2004. “Cando meus pais asumiron a construción da nova granxa vin que este tamén podía ser o meu xeito de vida, gústanme os animais e é un traballo que sabía e podía facer”, recorda Eva. Na actualidade, xunto co matrimonio tamén traballa na granxa a nai dela, Sofía Senra. Entre as dúas mulleres encárganse do muxido e os coidados dos becerros e tamén colaboran con tarefas como a renovación das camas. Mentres, José Manuel asume a alimentación do gando e o traballo das terras.

No momento da fusión das ganderías das súas familias, Eva e José Manuel atopáronse con que as dúas contaban con naves novas, co que decidiron aproveitar as instalacións e repartir o gando, xa que están moi próximas. Deste xeito, as vacas en produción e as tenreiras máis novas téñenas na granxa de Maceira (granxa da familia de José Manuel) e a recría atópase a pouca distancia, na granxa que construíu a familia de Eva na aldea de Pardesoa, a tan só 1,5 quilómetros e que tamén pertence á parroquia lalinense de Maceira.

“Temos espazo, polo que temos os animais repartidos en lotes, o que nos permite que eles estean cómodos e que tamén sexa un manexo máis doado para nós”

Ter o rabaño repartido nas dúas naves obrígaos a facer traslado de animais segundo van medrando e en canto se atopan en distintas fases do ciclo produtivo, pero permítelles ter o gando máis cómodo e separado por lotes, o que lles facilita o seu manexo e o día a día. “Temos espazo, polo que temos os animais repartidos en lotes, o que nos permite que eles estean cómodos e que tamén sexa un manexo máis doado para nós”, detalla Eva.

Ganderia Xoco_muxido

Sofía Senra durante as tarefas de muxido na gandería.

As instalacións de Maceira

Contan cun rabaño de 80 vacas frisoas en produción e arredor dunhas 8 vacas secas. “Só temos frisoas, son uns animais que nos gustan moito e só traballamos con esta raza, aínda que puntualmente tamén inseminamos con razas de carne para a venda de animais para o cebo”, apunta Eva. Levan un plan de acoplamentos dos animais que realizan con Africor. “Buscamos animais que teñan unha boa capacidade leiteira, pero fixámonos en todo o conxunto de calidades”, detalla a gandeira.

“Só temos frisoas, son uns animais que nos gustan moito e só traballamos con esta raza”

Adoitan ter unha produción media duns 81.000 litros por mes, é dicir a súa media por animal acostuma situarse nos 37 litros por vaca. Nestes meses de inverno, teñen uns valores de 3,93% de graxa e 3,5% de proteína. Realizan dous muxidos ó día nunha sala de 16 puntos que se lles adapta ben ás necesidades actuais da granxa. “Por agora non valoramos outras inversións no muxido, nin a opción do robot, xa que a nosa sala está aínda a medio uso e instalar o robot suporía unha gran obra, posto que habería que adaptala granxa”, explica.

As vacas en produción permanecen estabuladas e dispoñen de camas con colchoneta e carbonato cálcico. “Este tipo de cama resúltannos máis fáciles de limpar e permiten que o animal estea máis seco e cómodo”, apuntan. A ración das vacas en produción repártellela tres veces ó día José Manuel. Nas vacas en produción a alimentación é de 30 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba, 1,5 de palla e 11 de penso. “Ó dispoñer do carro propio podemos darlle a comida máis fresca e iso no verán nótase”, apuntan.

Recria e vacas de producion

A tenreiras máis novas acostúmanse xunto coas vacas en producción tanto á ración coma ó sistema de limpieza antes de ser trasladadas á nave de recría.

Nesta nave de Maceira teñen tamén os becerros dende que nacen ata que son vendidos ou no caso da recría ata que acadan os 5 meses e pasan para as instalacións de Pardesoa. Tanto nas primeiras horas de vida coma nos días seguintes, os becerros aliméntanos co calostro da nai. “Sempre o fixemos e seguimos apostando por iso, nunca empregamos leite en po”, indica. Os becerros permanecen en cubículos independentes, pero nos que permanecen en contacto.

“Buscamos que os animais estean o máis cómodos posibles antes e durante o parto por iso as temos en cama de palla e cunha pradeira á que poden saír”

Ademais, aquí teñen as vacas dende os 7 meses de xestación, cando comezan o proceso de secado. Estes animais están en cama quente con palla e dispoñen dunha pradeira á que poden saír libremente. A ración destas vacas é de 7 quilos de palla, 4 quilos de herba e outros tantos de penso. “Buscamos que os animais estean o máis cómodos posibles antes e durante o parto”.

Becerro recen nacido_frisoa

A recría

Na gandería Xoco SC fan unha aposta decidida pola recría. “Temos que mimala, son o futuro da gandería. Nós non mercamos animais”. De feito, recentemente participaron a través da ADS Xundeva á que pertencen, nun estudo realizado pola casa comercial MSD para avaliar o manexo da recría que se fai na granxa. “A experiencia foi moi positiva, porque aínda que nos felicitaron polo traballo que faciamos serviunos para ver algúns detalles nos que podiamos mellorar e cambiamos algunha rutina”, concreta a gandeira.

Na nave de Pardesoa, dedicada á recría, teñen 80 tenreiras repartidas en 5 lotes dependendo da idade e da constitución corporal. Nestas instalacións o gando permanece en camas de serradura de madeira mesturadas con carbonato cálcico.

nave recria vacas secas_Ganderia Xoco

Instalacións da nave de recría, onde teñen os animais repartidos en lotes.

Dos primeiros en sementar e colleitar

Nesta gandería manexan unhas 70 hectáreas de terreo en propiedade que destinan en boa parte ó cultivo de millo, con preto de 40 hectáreas dedicadas a este forraxe. O millo seméntano nas mellores leiras e fano cedo, xa que deste xeito conseguen mellores colleitas. “Arredor do 15 de abril xa estamos comezando a sementar o millo, iso permítenos despois ser tamén dos primeiros en colleitalo e ter boas producións mesmo en anos secos como o pasado”, apunta José Manuel. Para tarefas coma o ensilado da herba e o millo botan man dos servizos da Cooperativa O Rodo, situada en Rodeiro, a poucos quilómetros da granxa, e da que son socios.

Ademais do millo, para a produción do silo de herba apostan por mesturas de raigrás italiano (70%) con inglés (30%) e leguminosas coma o trevo. “Buscamos producir o máximo posible de forraxes para reducir os custos de mercar para alimentar o gando”, comenta o gandeiro.

granxa polos_ganderia Xoco

Granxa de polos

Xunto coa gandería de vacún teñen unha granxa de polos que comezou a funcionar no 2012, sendo das primeiras desta zona. “Cando comezamos non había máis e agora en poucos anos foron facéndose bastantes ó arredor”, indican. Compaxinar as dúas actividades permítelles tamén dispoñer de abono para os cultivos que precisan para as forraxes do gando.

Teñen unha nave con capacidade para 30.000 polos e nos primeiros anos de actividade adoitaban facer unha media de 6 camadas por ano, aínda que nos últimos tempos reduciuse. Recoñecen que os últimos anos están a ser complicados para esta actividade polo incremento dos custos de produción e a baixada da demanda desta carne. “O sector do polo resintíuse moito nos últimos anos. É unha actividade na que estás moi condicionado ós prezos dos pensos, da enerxía e estes anos subiu todo, mesmo a cama! E os prezos ó que o pagan non foi na mesma proporción”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información