O Ministerio de Agricultura acaba de publicar os datos de situación da cabana de vacún de leiteiro en España a xaneiro de 2024, no que destaca a importante baixada do número de xovencas leiteiras, un 7,6% menos en relación a xaneiro do ano pasado.
A información elabórase cos datos do Sistema Integral de Trazabilidade Animal, ou SITRAN, a partir dos rexistros das comunidades autónomas.
En canto ao censo de xovencas, en xaneiro de 2024 alcanza os 256.650 animais, o que supón un descenso do 7,6% respecto ao mesmo mes do ano pasado e un descenso do 2,1% respecto ao mes inmediatamente anterior. A caída é menos acusada en Galicia, que concentra o 43% desta cabana e o 41% das vacas leiteiras adultas. O censo destas últimas é de 780.962 vacas , o que supón un descenso do 0,8% con respecto ao mesmo mes no ano anterior. Con respecto ao mes inmediatamente anterior obsérvase un aumento do 0,3%.
En canto á distribución do censo por comunidades autónomas, a que alberga maior censo de vacas leiteiras maiores de 24 meses é Galicia que, como pode observarse na seguinte gráfica, conta neste mes con 320.658 animais que representa o 41% do total de censo de vacas leiteiras, seguida de Castela e León con 90.333 animais (12%) e Cataluña en terceiro lugar con 74.822 animais (10%).
Causas da importante caída no número de xovencas
En canto ás causas da importante caída do número de xovencas, fontes do sector sinalan as seguintes:
-Menor necesidade de reposición por maior lonxevidade das vacas grazas ás mellores no benestar animal. “O gandeiro deuse conta de que o benestar dos animais ten unha relación directa coa durabilidade e produtividade dos mesmos, o que leva a animais de máis tempo nas granxas e con necesidades menores de reposición”, explica Manuel Morales, veterinario de OCEVA S.Coop.
-Uso cada vez maior de seme sexado, co que as gandarías conseguen planificar mellor a recría que necesitan e obtela. A tendencia é utilizar seme sexado en xovencas e razas cárnicas en vacas adultas e mesmo está a empezar a implantarse o uso de seme sexado de razas cárnicas, para obter un maior valor na venda de tenreiros machos de cruzamento.
-Maior profesionalización do sector que leva a unha xestión empresarial. A recría supón o segundo capítulo de gasto nunha granxa, por detrás da alimentación, polo que ter máis recría da que se necesita supón unha perda de diñeiro para a explotación, excepto nunhas poucas granxas que lograron notoriedade na venda de recría.
-“Moita gandarías prefiren importar as xovencas polos elevados custos e necesidades de crialas na explotación ou en centro de recría. Evítanse así ter un diñeiro inmobilizado, os riscos de que enferme e cómprana cando realmente a necesitan”, engade Antonio Barreira, de Ganados Barreira SL.
-Por último, Manuel Morales, veterinario de OCEVA S.Coop apunta que “a incerteza na que nos movemos, desde o punto de vista normativo e a nova ordenación sectorial que vai restrinxir o crecemento desmesurado das granxas fai que as explotacións xa non pensen tanto no crecemento”.