As gandarías de vacún terán que contar, por lei, cun plan de benestar animal

Sae a exposición pública o Real Decreto que modificará a normativa de benestar animal española. Consulta aquí as futuras esixencias do Ministerio de Agricultura para as gandarías de leite e carne de todo o Estado

As gandarías de vacún terán que contar, por lei, cun plan de benestar animal

O Ministerio de Agricultura vén de sacar a exposición pública o Real Decreto polo que se establecen disposicións para a aplicación en España da normativa da Unión Europea sobre controis oficiais en materia de benestar animal. As observacións ou opinións que se realicen deberán ser cumprimentadas e dirixidas á dirección de correo electrónico: bzn-bienestaranimal@mapa.es. O prazo para o envío das observacións e comentarios comeza o 30 de outubro e finaliza o 13 de novembro de 2021, ámbolos dous días inclusive.

Esta consulta pública ten o obxectivo de solicitar a opinión das partes interesadas, en particular organizacións do sector gandeiro, entidades que agrupan profesionais relacionados cos animais e as de protección dos animais, así como dos cidadáns en xeral.

As explotacións gandeiras deberán ter un plan de benestar animal, como o que teñen as de aves e porcino

Con esta nova lexislación, o Ministerio pretende afondar nos controis sobre saúde e benestar dos animais. Ademais, tamén establece múltiples disposicións sobre a actividade das autoridades competentes na materia. No proxecto plantéanse seis asuntos principais:

En primeiro lugar, o novo regulamento establece a obriga de garantir unha coordinación eficiente e eficaz entre todas as autoridades involucradas, así como a coherencia e a eficacia dos controis oficiais ou outras actividades oficiais en todo o territorio. Con ese pano de fondo, o Real Decreto incorpora dúas novas propostas:

  • O establecemento dunha Mesa de coordinación sobre protección dos animais mantidos con fins agrarios, incluíndo a acuicultura, do que formarán parte as autoridades competentes, e que asumirá a actividade que o grupo de traballo  vén realizando na materia dende hai anos. Deste xeito, explican, darase amparo legal específico ás tarefas e as decisións do devandito órgano.
  • O establecemento, por parte das Comunidades Autónomas, dun punto de contacto en cada unha delas, a efectos da comunicación dos resultados dos controis oficiais do benestar dos animais nos matadoiros.

En segundo lugar, establécese a obriga do titular da explotación de dispor dun plan de benestar animal, así como un contido mínimo. Desta forma, establecerase unha ferramenta concreta para que o titular da explotación mostre o que dispuxo a fin de cumprir coa obriga relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras. En concreto, refírense a “adoptar as medidas adecuadas para asegurar o benestar dos animais con vistas a garantir que estes non padezan dores, sufrimentos nin danos inútiles“. Un proxecto dese plan de benestar animal, presentarase á autoridade competente a efectos de obter a autorización oficial.

O terceiro asunto ten que ver coa adecuación doutros reais decretos anteriores á normativa sancionadora vixente na actualidade. No documento publicado este venres, dende o Ministerio explican que este axuste débese a que a lexislación sobre protección de tenreiros e o de protección dos animais nas explotacións gandeiras “son anteriores á aprobación da Lei 32/2007, de 7 de novembro, para o coidado dos animais na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio, polo que non se inclúe unha mención á mesma no seu réxime sancionador” e isto, consideran, debe corrixirse e incorporar unha mención específica.

O cuarto asunto abrangue todo o relativo ás normas mínimas para a protección dos porcos. Todas as medidas non lexislativas adoptadas ata agora para o pleno cumprimento do requisito relativo á prohibición rutinaria do corte de colas e colmillos “reveláronse insuficientes”, reza o documento. Polo tanto, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación considera necesario “proceder a unha modificación desta norma para establecer disposicións para asegurar o devandito cumprimento”. Estánse a estudar os elementos a incluír, entre os que cales atoparíase:

  • Axustar as densidades máximas de cría autorizadas.
  • Establecer o contido mínimo de fibra da dieta das porcas
  • Incluír límites concretos ás concentracións de gases permitidas nas naves.
  • Regular o número de prazas destinadas a zona hospitalaria, así como os requisitos mínimos que deben satisfacer.
  • Determinar a proporción de comederos e bebedoiros a disposición dos porcos.
  • Caracterizar os establecementos para os lechones destetados antes dos 28 días de idade.
  • Incluír un anexo sobre a comunicación dos resultados dos controis realizados nos matadoiros.
  • Matizar e desenvolver requisitos en canto a material manipulable, o manexo dos animais agresores ou agredidos, o control da temperatura nas naves, a achega de auga a todos os animais independentemente do sistema de alimentación utilizado ou a demostración de lesións (na propia granxa ou na granxa de destino) e da modificación de condicións ambientais e manexo antes de permitir que se corte o rabo.

En quinto lugar, no documento que acaba de saír a exposición pública, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comprométese a aclarar a redacción do artigo 3 Real Decreto 1047/1994, de 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de tenreiros que, debido ás sucesivas modificacións e á consolidación do texto da directiva de 1991, aínda vixente, expuxo cuestións sobre a súa correcta transposición.

No sexto posto, o Ministerio adianta que se nomeará, por orde ministerial, un Centro nacional de referencia de benestar animal, unha vez completado o procedemento establecido na Resolución de 13 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios, pola que se establece o procedemento de participación de entidades interesadas para a designación dun centro nacional de referencia de benestar animal. 

Nesta ligazón podes consultar o documento oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A normativa que será modificada

As directivas que se mencionan a continuación serán modificadas total ou parcialmente. Polo tanto, os reais decretos que as traspoñen quedan modificados:

  • Directiva 98/58/CE do Consello de 20 de xullo de 1998 relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras, transposta por medio do Real Decreto 348/2000, de 10 de marzo, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico a Directiva 98/58/CE, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras. (Modificación en art. 151 do regulamento).
  • Directiva 1999/74/CE do Consello de 19 de xullo de 1999 pola que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedeiras, transposta por medio do Real Decreto 3/2002, de 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedeiras. (Modificación en art. 152 do regulamento).
  • Directiva 2007/43/CE do Consello, de 28 de xuño de 2007, pola que se establecen as disposicións mínimas para a protección dos pitos destinados á produción de carne, transposta por medio do Real Decreto 692/2010, de 20 de maio, polo que se establecen as normas mínimas para a protección dos pitos destinados á produción de carne e modifícase o Real Decreto 1047/1994, de 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de tenreiros. (Modificación en art. 156 do regulamento).
  • Directiva 2008/119/CE do Consello, de 18 de decembro de 2008, relativa ás normas mínimas para a protección de tenreiros, transposta por medio do Real Decreto 1047/1994, de 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de tenreiros. (Modificación en art. 157 do regulamento).
  • Directiva 2008/120/CE do Consello, de 18 de decembro de 2008, relativa ás normas mínimas para a protección de porcos, transposta por medio do Real Decreto 1135/2002, de 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para a protección de porcos. (Modificación en art. 158 do regulamento).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información