Gandaría Casa Ferreiro Tosal: Mellora da rendibilidade e da calidade de vida grazas á raza Fleckvieh

Esta gandería familiar de Sarria pasou hai dous anos de vacas de carne a de leite. Buscaban animais que deran poucos problemas, con boas lactacións vitalícias e que produciran un leite con máis calidades e por tanto, mellor pagado. Apostaron pola raza Fleckvieh e este está a ser o seu resultado

Gandería Casa Ferreiro Tosal, situada na aldea de Santo Estevo de Lousadela, en Sarria (Lugo), é unha granxa de vacún de leite bastante atípica para Galicia: pasaron de vacún de carne a vacún de leite hai dous anos, as vacas non proban o silo de millo, o seu propietario dá compatibilizado o traballo na granxa con outro emprego e as vacas son de raza Fleckvieh, aínda raras en España pero moi comúns en países como Austria e outros de Europa.

As causas destes cambios explícanolas Ginés Manuel García Díaz, que tamén traballa polas mañás no centro de recría da cooperativa AIRA en Sarria: “Tiña unha gandería de vacas de carne, 20 animais de raza Blonda, que estaban en pastoreo nunhas 22 hectáreas de terreo, repartidos en varias parcelas arredor da nave. Pero últimamente tiña problemas cos becerros, a pesar de ter invertido moito en mellora xenética, e tal e como estaban os prezos da carne non lle vía moita rendibilidade, polo que empecei a mirar outras alternativas, porque a verdade doíame desfacerme de todo isto”.

Comezou informándose por internet sobre razas de vacas de leite máis resistentes e adaptadas ao pastoreo. Tiña claro que non quería meter Holstein, pois “polo meu traballo coñézoas ben, e son vacas bastante delicadas. Ademáis, non me gusta o sistema de estabulación intensiva nin lle vexo rendibilidade para o meu caso”.

Foi así como chegou a poñerse en contacto con Ganados Barreira, importador de diferentes razas de gando vacún dende distintos países de Europa: “Quería unha raza que non fora a Holstein, que fora unha vaca dura, que non me ocupara moito tempo e que me evitara gastos veterinarios e das fábricas de penso; é dicir, quería buscar a rendibilidade producindo leite de calidade a baixo coste”, recoñece.

Finalmente en decembro do 2018, con 47 anos de idade, decidiu adquirir 15 xovencas preñadas de raza Fleckvieh procedentes de Austria. “Foi a raza que máis me convenceu, miramos as cartas e o gando que ten Ganados Barreira na súa finca en Lugo, e vin que grazas ao traballo de Genetic Austria, son onde máis están a mellorar a raza, e onde non houbo cruces coa Holstein”.

“Son vacas que transforman moi ben a forraxe en leite”

Pasado máis dun ano, Ginés valora o resultado como “moi satisfactorio”. “Son vacas que transforman moi ben a forraxe en leite, precisando menos penso que a Holstein para producir a mesma cantidade de leite; a nivel de saúde son animais moi duros, con cero problemas de patas e de partos, e moi boa fertilidade. Ademáis, conservan moi ben o estado de carnes, de forma que a súa condición corporal non varía moito e mantén unha producción leiteira bastante constante dende o comezo ata o final da lactación”, resume. A nivel de carácter, este gandeiro destaca a súa docilidade: “Son mansas de máis, cando as trouxemos pensamos que ía ser un lío levalas ao pasto e mesmo botamos man da axuda dos veciños, pero non houbo ningún problema, e mesmo collín a algunha pola corda ese día no prado; son moito máis tranquilas que a frisona”, recoñece.

Alimentación do gando e organización do traballo

A produción das 16 vacas en muxido que ten esta gandería neste momento é dunha media de 30 litros diarios cunhas calidades medias do 4,2% de graxa e do 3,7% de proteína e un reconto de células somáticas que ronda as 100.000 unidades. O leite véndenllo a Lactalis, cunha prima por realizar pastoreo, e que sumadas ás calidades oscila entre os 0,35 euros litro -Ive incluído- na primavera e os 0,38 euros no inverno ao variar a porcentaxe de sólidos segundo a estación.

Para compatibilizar a granxa co seu outro traballo Ginés simplificou ao máximo o manexo da súa gandería, que atende principalmente el, con axudas puntuais do seu pai e da súa dona.

Así, a xornada comeza ás 6 da mañá co muxido, pero antes dálles unha ración de 2 kilos de penso por vaca e outros 2 de polpa de remolacha, punteando segundo a producción de cada animal. Despois do muxido dálles silo de herba e sobre as nove da mañá saen ao pasto, onde permanecen ata as 6 da tarde, aproximadamente. A esa hora recólleas para muxilas, pero antes dálles 2 kilos de fariña de millo, e despois do muxido silo de herba. No verán, cando hai menos pasto, compénsao aumentando en 1 kilo o penso e a polpa por animal. Ginés destaca que con esta ración ten menos custos de producción e menos necesidade de horas de traballo.

Onde si está a mellorar é na calidade dos pastos: “O pasto é a fonte de alimentación máis barata e é aí onde teño moita marxe de mellora. Estou traballando sementando unha mestura de raigrás híbridos ingleses con raigrás italiano e algo de trevo”.

Un plus na venda de becerros

A Fleckvieh é recoñecida por ser unha raza de dobre propósito, con produccións leiteiras que chegan aos 12.000 litros por lactación en estabulación intensiva, pero tamén cárnica, con becerros con boa aptitude e vacas de desvelle valoradas polo marmorado ou infiltración de graxa na súa carne.

No caso de Gandaría Casa Ferreiro Tosal están vendendo os becerros con 30 días a un prezo medio de entre 200 e 250 euros. “Nesta raza teñen un prezo intermedio entre o dos becerros pintos e o dos de cruce industrial”, asegura Ginés.

En canto á xenética, o seme que están a empregar é de Genetic Austria, que lle ofrece tamén asesoramento para os acoplamentos. “Estou apostando polo mellor seme importado, pero como crítica, gustaríame que a carta de touros fora máis ampla”, recoñece.

Adaptacións no establo

Esta gandería aproveitou o establo do que dispuñan para vacas de carne pero tivo que realizar un investimento para adaptar as instalacións. “Entre a compra das vacas e as obras que tivemos que facer o gasto roldou uns 80.000 euros, que tivemos que poñer do noso peto, porque ao pasar dos 40 anos non puden optar a axudas”, asegura.

Os principais cambios foron a construción de cubículos con camas de area, a traída de corrente eléctrica e a construción dunha sala de muxido, un equipo de 6 puntos con posibilidade de amplialo a 8.

Plans de futuro

Os plans de Ginés pasan por seguir aumentando o rabaño ata chegar a unhas 40 vacas en muxido, e cubrir así a capacidade que ten o establo e da base territorial da que dispón. “Agora mesmo teño en recría 15 xovencas nunhas pradeiras da miña muller no Incio, estou apostando por unha boa xenética e os números con este sistema e con esta raza están a resultarme positivos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información