Un grupo de 40 gandeiros e técnicos de Austria visitaron este fin de semana diversas granxas galegas de vacún de leite para coñecer o sector lácteo da comunidade, a oitava rexión produtora da Unión Europea.
A visita foi organizada pola Asociación de Criadores de Raza Fleckvieh de Pielachtal, na rexión de Baixa Austria, en colaboración con Genetic Austria e Ganados Barreira. Ademais de gandeiros e autoridades municipais, tamén asistiron a esta viaxe técnicos de ZuchtData , a empresa púlblica encargada do control e da mellora xenética da raza, e de RINDERZUCHT AUSTRIA, a interprofesional austríaca de gando vacún.
Durante a súa estancia visitaron a gandaría A Nave SC, no Corgo (Lugo), unha granxa en intensivo con 140 vacas en muxido, todas elas Holstein; Ganados Barreira SC, en Lugo, e Agrícola Junquera – Colmeiro, unha gandaría de Vila de Cruces con 70 vacas en muxidura das que 20 son de raza Fleckvieh.
Austria é o estado da Unión Europea con maior remuda xeracional nas gandarías, con explotacións familiares de pequeno tamaño -a media rolda as 30 vacas en muxido- pero moi ben organizadas a nivel sectorial en cooperativas, cunha clara aposta pola diversificación (ademais de leite, a venda de tenreiros cebados e de xovencas para recría constitúe unha importante fonte de ingresos), un apoio e asesoramento público claro e unha aposta por razas de vacún rústicas e de dobre propósito, como é a Fleckvieh, que representa o 80% da cabana austríaca de vacún leiteiro.
A continuación recollemos os testemuños de dous gandeiros austríacos que participaron na viaxe:
Michael Heindl: “Sorpréndeme de Galicia o sinxelos que son os establos”
Michael Heindl é un gandeiro con 27 vacas en muxido de raza Fleckvieh, que producen unha media de 10500 litros co 4,5% de graxa e o 3,5% de proteína. Venden o leite á coooperativa NOEM a un prezo medio de 0,49 euros o litro. As vacas están estabuladas e reciben ración unifeed en carro. A ración está composta por silo de herba, 0,5 kg de palla, 3 kg de heno, 2 kg de pastone de millo, 2 kg de fariña de cebada, outros 2 kg de fariña de millo e 1,5 kg dunha mestura de fariña de soia e de colza.
A venda de leite supón o 60% dos seus ingresos e o resto corresponde á venda de vacas primerizas para a exportación (unhas 20 ao ano) e a entre 20 e 25 tenreiros que saen da explotación cuns 100 días. ?Genotipamos todas as tenreiras e empregamos moito a transferencia embrionaria para seguir mellorando a xenética da nosa granxa?, destaca Michael.
Manexan unhas 30 hectáreas de base territorial, das que 25 son pradaría, nas que logran 5 cortes de herba ao ano, e 5 hectárea cultívanas con cereais. Ademais, contan con 9 hectáreas de bosque, que constitúe outra fonte de ingresos.
Na granxa traballa a súa muller a tempo completo, Michael a media xornada -traballa tamén unhas 20 horas semanais nun centro de inseminación- e un dos seus fillos que vai tomar o relevo na explotación traballa os venres.
En canto ás súas impresións da viaxe a Galicia no relativo ás granxas de vacún de leite, Michael asegura que “o que máis me sorprendeu é a sinxeleza dos establos, pois en Austria son máis custosos porque teñen que estar preparados para afrontar o frío do inverno, e tal como está a cambiar o clima, tamén os teremos que adaptar para facer fronte á calor durante o verán”.
Outro aspecto que lle chama a atención é que “en Austria as gandarías son máis familiares, o establo adoita estar pegado á casa e aos fillos desde pequenos inculcámoslles o agarimo cara o noso traballo e a importancia de continuar coa casa familiar”.
Karl Braunsteiner: “Logro 8000 litros por vaca ao ano cun máximo de 1000 kg de penso”
Outro dos gandeiros que participaron na viaxe a Galicia foi Karl Braunsteiner, que tamén é presidente da Asociación de Criadores de Raza Fleckvieh de Pielachtal. A súa granxa canta con 50 vacas en muxido, que rexistran unha produción media de 8000 litros por lactación, co 4,3% de graxa e o 3,3% de proteína. As vacas están en estabulación libre, con cama de palla e emparrillado.
Manexan 56 hectáreas de pradarías -a metade en propiedade- e a herba constitúe a base da alimentación do rabaño, complementada con algo de silo de millo que compran e penso, cun límite de 1000 kg por lactación.
Ademais da venda do leite, e a venda de tenreiros -comercialízanos ás 8 semanas de vida, a un prezo medio de 500 euros por animal- outra fonte de ingresos da granxa é o turismo gastronómico e un obradoiro de transformación e conservación de froitas, tanto das que producen na propia explotación como doutros produtores.
“A paisaxe de Galicia e o da rexión de Baixa Austria é parecido, o que nos diferencia é que alí as explotacións son de carácter máis familiar, é moi raro que se contraten traballadores externos”, conclúe Karl.