As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Galicia, a comunidade con maior porcentaxe de perceptores da PAC dados de alta na Seguridade Social Agraria

Segundo os datos do FEGA, a totalidade dos beneficiarios galegos da PAC 2023 son cotizantes da Seguridade Social Agraria, mentras en Castela-A Mancha, Andalucía ou Estremadura a porcentaxe baixa ao 25%

Ganaderia Xuiz sala de muxido relevo xeracionalO Fondo Español de Garantía Agrícola (FEGA) ofreceu recentemente datos que relacionan o número de persoas cotizantes á Seguridade Social Agraria, ben porque estean dadas de alta no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos (RETA) ou no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios (SETA), co número de solicitantes das axudas da PAC correspondente á campaña 2023.

Segundo o FEGA soamente o 41,57% dos solicitantes da PAC 2023 en España teñen a condición de cotizantes á Seguridade Social Agraria, sendo o caso máis extremo o de Castela-A Mancha, onde só o 25,12% dos perceptores cumpren esta condición, é dicir, que das 97.013 persoas solicitantes da PAC nesta comunidade só 24.374 están dadas de alta como cotizantes agrarias. En situación parecida encóntrase Andalucía, onde das 219.523 persoas solicitantes tan só 60.217 cotizan á agraria, isto é o 27,43%. Lixeiramente por enriba do 30% encóntranse a Comunidade Valenciana e Estremadura.

Galicia é a única comunidade na que hai máis persoas cotizantes da Seguridade Social Agraria que solicitantes da PAC

“Galicia é o único caso no que se dá que hai máis persoas cotizantes que solicitantes. Sendo o número de cotizantes de 24.511 e o de solicitantes 24.395, isto significa en termos porcentuais o 100,48%. Situación que ten a súa explicación porque a maioría das explotacións agropecuarias galegas son de carácter familiar, onde maioritariamente, se a explotación esta rexida por unha parella, o máis normal é que estean os dous dados de alta e a solicitude se faga a nome dun deles, mesmo se dan casos de tres cotizantes por explotación, o matrimonio con un fillo ou filla incorporada, situación que como se ve non se dá no resto do Estado español, mesmo entre as comunidades do arco cantábrico”, explica Manuel Da Cal, coordinador da Federación Rural Galega.

A condición de agricultor activo non foi ben resolta e debería revisarse

“Desde a FRUGA reclamamos que por parte das Administracións públicas se corrixa esta anomalía. Do Goberno galego demandamos que inicie as conversas necesarias diante do Goberno español para mudar as condicións para definir apropiadamente a figura de persoa beneficiara ao cobro dos pagamentos directos da PAC, recaendo exclusivamente sobre todas aquelas persoas que poidan demostrar a súa condición de agricultor ou agricultora a título principal, profesional ou activo agrario mediante a alta na Seguridade Social Agraria”, solicitan.

Desta maneira un total de 636.669 solicitantes da PAC en España que non acreditan estar dados de alta na Seguridade Social Agraria quedarían excluídos, “dándose a posibilidade de acrecentar os importes a cobrar por parte das persoas que si demostran a súa condición de profesionais do sector agropecuario”, razoa Da Cal.

Agricultor activo se o 25% dos ingresos procede da actividade

O Real Decreto 1048/2022 de 27 de decembro de 2022 establece a normativa básica das intervencións en forma de pagamentos directos, aplicable para o período 2023-2027, e no que se determinan os requisitos comúns para ter dereito ao cobro das axudas de pagamentos directos da PAC, e dentro deles quen ostenta a calidade de beneficiario, para o que é necesario ser agricultor ou agricultora activa.

É dicir, ser titular dunha explotación agraria situada no Estado español e ademais cumprir unha das seguintes condicións:
a) Que os ingresos agrarios superen o 25% dos ingresos totais
b) Que a persoa física ou os socios en atribución de rendas estean dados de alta na Seguridade Social Agraria (RETA ou SETA) con actividades relacionadas co sector agroalimentario.

Desde a Fruga sempre defendemos que as axudas da PAC terían que ser cobradas polas persoas que se dedican á actividade agraria profesionalmente

“No momento no que se estiveron a debate as condicións da PAC para o período 2023-2027 este foi un asunto de grande controversia, o de quen debería ter dereito a cobro das axudas da PAC, e non resolto adecuadamente ao noso entender, como agora os dados veñen a demostrar”, asegura Da Cal.

“Desde a Fruga sempre defendemos que as axudas da PAC terían que ser cobradas polas persoas que se dedican á actividade agraria profesionalmente, e loxicamente enténdese que toda persoa que figura de alta na Seguridade Social Agraria cumpre esta condición”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información