Poderá a caza social galega controlar os danos do xabaril no agro galego no medio prazo?. Opinamos que a resposta é un claro non, e iso pola falta inmediata de cazadores que se aveciña. En apenas 15 anos é previsible que haxa só a cuarta parte dos 35.000 cazadores actuais, o que fará colapsar o actual sistema de caza social en Galicia tal e como o coñecemos hoxe en día.
Entremos na análise. Para iso usaremos os datos oficiais de licenzas A1 e A2 de caza con armas, expedidas en Galicia entre 1997 e 2021, e analizaremos igualmente o marco de xestión do xabaril.
Que o xabaril é unha especie en expansión, parece indiscutible, como o testemuñan datos indirectos crecentes, como que en 2020 houbo xa 3.300 accidentes de tráfico nas estradas galegas causados por atropelos de xabaril, uns 12 millóns de euros de perdas en cultivos, maiormente millo, praderías e castaña, e uns 17.000 xabaríns abatidos en accións de caza.
Cada día, o xabarín provoca de media case 10 accidentes de tráfico nas estradas galegas e máis de 30.000 euros de danos en cultivos
Dada a actual capacidade reprodutiva da especie, controlar as poboacións esixe un alto nivel de presión cinexética. Para iso organízanse unhas 21.000 batidas ao ano en Galicia, nas que se dá caza aos citados aproximadamente 17.000 exemplares. Todo a cargo de 35.000 cazadores, aínda que non todos cazan o xabaril. Probablemente o censo de cazadores de caza maior estea na contorna dun terzo dos cazadores con licenza en vigor.
E aquí é onde comeza o problema: Entre o ano 2000 e o ano 2020 o censo de cazadores en Galicia, segundo datos oficiais da Xunta de licenzas de caza A1 e A2, descendeu nun 50%. (desde 71.178 a 35.100 licenzas). Pero é que ademais, o censo de cazadores no 2021 presenta un 48% de licenzas en mans de persoas maiores de 65 anos, cando ao principio da serie, en 1998, ese tramo de idade representaba apena o 15%.
É razoable estimar que nuns dez anos, o número de cazadores en Galicia vai reducirse á metade
A caza hoxe vai sendo unha práctica de vellos, cando onte érao de mozos. Sendo así os datos, é razoable estimar que nuns 10 anos o número de cazadores vai reducirse en Galicia á metade. E noutros 5 anos, outra vez outra metade, tamén por razóns puramente de idade dos titulares das licenzas e a falta de incorporacións á afección cinexética.
Ou o que é o mesmo: de seguir a tendencia actual en Galicia, os cazadores reduciranse a unha cuarta parte nos próximos 15 anos. Cun censo xa por baixo de 9.000 cazadores, non é realista pretender manter a mesma presión cinexética que na actualidade, onde xa a caza social está desbordada pola puxanza reprodutora do xabaril, e un marco legal e un ambiente social absolutamente contrarios á substitución xeracional e a incorporación de mozas á afección da caza.
Este razoamento heurístico coincide cunha análise estatística de proxección dos datos de licenzas anuais de caza, como se mostra no gráfico seguinte, onde as medias estimadas a partir do ano 2022, calculadas por un algoritmo preditivo a partir da tendencia histórica previa, danse cunha confianza estatística do 95%:
A situación vai ser moi delicada, pois o control poboacional do xabaril non será posible sen medidas que, dalgunha forma, complementen a actividade dunha caza social en franco descenso.
Que nos di a experiencia sobre como se regulan as poboacións de animais salvaxes, de alta taxa de reprodución como o xabaril, cando a caza deixa de ser o elemento principal de control das mesmas?
O control poboacional do xabaril non será só posible coa caza social
A resposta é simple, o factor de regulación pasa a ser a enfermidade, sexa en forma de parasitos, enfermidades infecciosas, zoonoses (que son aquelas enfermidades dos animais que poden pasar ao ser humano), e xa máis concretamente no caso do xabaril, a peste porcina africana, que tería ademais un terrible impacto fóra do monte, no sector porcino.
Estamos pois ante un serio dilema, de como evitar un desastre de sanidade animal en ausencia dunha intensidade de caza suficiente, aínda que temos un certo tempo para ir planificando o futuro.
Melloras no uso de gaiolas de captura
En canto ao control directo dos danos do xabaril sobre a agricultura, e a intrusión do xabaril nas contornas urbanas, e xa falando de complementos da caza, o uso de gaiolas de captura ten que empezar a cobrar o protagonismo que xa ten noutras zonas de España, onde é un elemento imprescindible na captura de grupos familiares de xabaríns que incursionan en plantacións froiteiras e diversos cultivos.
Para iso, a Administración ten que dar pasos decisivos para ir incorporando esta técnica dunha forma clara e eficaz, aínda que o seu custo, está claro, non pode correr á conta do agricultor ou gandeiro que sofre os danos, como ocorre co marco actual en Galicia, onde o custo do manexo da gaiola, da eutanasia dos animais e o tratamento dos cadáveres preténdese imputar ao gandeiro, e non á Administración.
Responsabilidade dos danos
Doutra banda unha reforma legal, no sentido de non imputar a responsabilidade obxectiva dos danos do xabaril aos que cada vez van pasar a ser menos e menos cazadores, parece igualmente imperativa, e máis pronto que tarde haberá que abordala. E non descartemos que haxa que profesionalizar no futuro o control da fauna, algo que agora sae gratis á sociedade coa caza social.
Non descartemos que haxa que profesionalizar no futuro o control da fauna, algo que agora lle sae gratis á sociedade
Do devandito ata este punto, queda claro que independentemente da sensibilidade ou afinidade persoal que se teña cara á caza, é un instrumento de xestión absolutamente necesario para o control de poboacións de animais que, como o xabaril, son enormemente prolíficos, e que carecen de depredadores naturais, excepto o lobo, o cal a día de hoxe probablemente non teña no xabaril en Galicia nin un 15% da súa dieta, pois prefire presas que lle esixan menor gasto calórico e perigo.
Os cazadores fan un papel fundamental na conservación do equilibrio ecolóxico e a sanidade animal, e utilizan o mesmo instrumento que a natureza: a caza. Pois non esquezamos que o depredador que controla unha poboación no medio natural, sexa un lobo, un aguia, ou un tigre de Bengala, fai uso da caza.
Pero, como se vén analizando, todo indica que entraremos pronto nunha nova fase na que a caza, tal como se vén practicando en Galicia, non vai ter a capacidade de controlar as poboacións do xabaril, nin tampouco os seus danos sobre os cultivos.
E por iso, para poder complementar á caza social onde ela xa non poida chegar no futuro, hai que usar a imaxinación, poñerse a traballar e tomar medidas que nos anticipen solucións, antes de que vaiamos xa correndo detrás do problema.