A expansión do xabarín en Galicia levou nos últimos anos a un problema que xa presenta difícil solución. A falta de estudos concretos do seu censo, as cifras de danos confirman a dimensión do problema. O porco bravo xenera na comunidade arredor de 4.000 avisos de danos no agro ó ano, comunicados ó telefono 012, e uns 10 sinistros diarios nas estradas. A iso hai que unirlle a alarma social que crean as incursións da especie nas cidades e vilas, con esporádicos ataques a persoas.
Para enfrontar a situación, a Consellería de Medio Ambiente vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a terceira declaración de emerxencia cinexética do xabarín, que abrangue 37 comarcas e 248 concellos. É a declaración de emerxencia máis ambiciosa a nivel territorial e abre a porta á caza sen límite da especie durante todos os días da semana ata o 25 de febreiro, con inclusión de métodos non convencionais, como o uso de visores nocturnos, detectores de movemento ou comedeiros de atracción.
Con todo, a declaración de emerxencia cinexética xera escepticismo tanto entre organizacións agrarias como entre os propios cazadores. Desde o agro considérase a declaración de emerxencia cinexética un parche, pois existe a convicción de que a caza social, a tradicional ferramenta de xestión da fauna salvaxe, xa é insuficiente para enfrontar o problema.
Entre tanto, os cazadores lembran que as declaracións de emerxencia cinexética pasadas a penas sí lograron resultados adicionais nalgunhas zonas concretas, pois os Tecores carecen en xeral de capacidade e tempo para aumentar o esforzo tradicional de caza con días e batidas a maiores.
Que cuestións cómpre ter en conta para abordar o problema do xabarín?. Por parte das organizacións agrarias, pedimos a opinión de Jacobo Feijoo, e por parte dos cazadores, de Antonio Mota, da Unión de Tecores de Galicia.
Jacobo Feijoo. Responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias
“Non se lle pode pedir á caza social que arranxe o problema, a Xunta ten que ser a directora de orquesta”
“Levamos tres declaracións de emerxencia cinexética do xabarín e probablemente haberá unha cuarta, unha quinta e unha sexta, porque isto non é unha solución”, opina o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.
“É certo que temos que reinvindicar o papel da caza social como unha ferramenta de xestión da fauna e do propio equilibrio ecolóxico, pero o que non podemos é pedirlle ós cazadores que arranxen un problema de tal dimensión. Necesitamos que a Xunta actúe de directora de orquesta e planifique os controis de poboación da especie”, defende Feijoo.
Planificación de obxectivos
Desde a perspectiva de Unións Agrarias, é preciso que a Administración coordine cos Tecores uns obxectivos e prazos de animais a abatir, en función dun plan técnico. “En xeral, estamos tendo boa coordinación cos Tecores cando lles comunicamos a existencia de danos e a necesidade de controis, pero nos casos en que esa colaboración non exista, se a Administración detecta que un Tecor non cumpre cuns obxectivos que se marquen, quizais sexa preciso levar alí cazadores doutras zonas”, valora Jacobo Feijoo.
Sobre os 4.000 avisos de danos que o agro comunicou o ano pasado á Xunta, Feijoo opina que son a “punta do iceberg”. “Hai moita xente que non chama porque os danos comunicados xa exceden a contía da axuda que lle poden pagar, ou ben porque se cansan da situación ou, dada a reiteración de danos, só chaman puntualmente”.
Xaulas capturadoras de grupos familiares
Entre as medidas a adoptar, a organización agraria considera tamén imprescindible o uso de xaulas capturadoras de maior dimensión ás que se están empregando na actualidade, de cara á captura de grupos familiares completos, sobre todo en zonas nas que a caza non é viable, como poden ser as áreas de viñedo do Ribeiro.
Antonio Mota. Unitega
“Tres días de caza á semana son suficientes, a solución non é aumentar os días de caza, hai que falar e consensuar acordos”
A declaración de emerxencia cinexética, que abre a porta a cazar en batida calquera día da semana, previa comunicación, é unha medida que os cazadores consideran “de cara á galería”. “En plena tempada de caza, tres días de caza á semana (xoves, sábados e domingos) e os festivos son suficientes. Abrir o melón a batidas os luns, martes, mércores ou venres parécenos desproporcionado, é unha cortina de fume”, valora Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega).
Como elemento positivo, Mota sinala que algunhas posibilidades que introduce a declaración de emerxencia cinexética, como o uso de visores nocturnos, poden ser parte da solución. “En Portugal vemos que están funcionando, polo que de cara ó futuro, os visores poden ser interesantes, sempre e cando se faga un uso seguro”.
Dispoñibilidade dos cazadores e seguridade no rural
A ampliación de días de caza é unha decisión á que Mota lle ve pouco percorrido, non só polas dificultades de dispoñibilidade das cuadrillas para buscar días adicionais de caza. Mota incide en especial na cuestión da seguridade. “No monte e no campo hai máis xente, a parte dos cazadores. É bo que os días de batidas de caza sexan os habituais, os coñecidos polos veciños, para evitar situacións de risco” -valora-. “Outra cousa son as esperas, que xa se podían facer todos os días”, lembra.
Evitar un segundo conflicto na caza
En relación ás demandas que chegan das organizacións agrarias, Mota sinala que en xeral hai entendemento con elas cando se sentan a falar, pero advirte de posibles conflictos adicionais. “Se falan de levar cazadores dunha zona a outra, estariamos probablemente creando tensións e conflictos onde non os hai. Temos xa un problema, que é o do xabarín, non creemos outro novo”, cuestiona.
“Hai que dicir tamén que levamos dúas tempadas en que non percibimos un aumento das peticións de batidas excepcionais. Quizais o problema do xabarín se estabilizara e non vaia a máis, que é algo que xa está pasando noutras autonomías, como Aragón. Carecemos de estudos detallados da poboación da especie, pero quizais a súa curva de crecemento se estea parando, se non dobrando”, sopesa Antonio Mota.
“Levamos dous anos sen percibir un aumento de danos. Quizais esteamos dobrando a curva”
Afrontar situacións concretas: o caso do Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei
Mota é partidario de afrontar os casos de zonas concretas con problemas. Recoñece que o xabarín, e tamén o corzo, son un problema en zonas de viñedo como o Ribeiro ou a Ribeira Sacra, “e probablemente o vaian ser tamén en Monterrei”, apunta. “Son zonas nas que medrou a superficie de viñedos e onde, ao ser unha superficie agrícola intensiva, non se caza. Por tanto, aí a caza non é unha solución, haberá que valorar outras medidas”, subliña.
Comarcas vitícolas como o Ribeiro presentan a singularidade de numerosos núcleos de poboación rodeados de viñas, nos que polas características do entorno, habitado e con plantacións e persoas traballando, a caza non é posible.
Sobre a opción de que se empreguen xaulas para a captura dos exemplares nas comarcas vitícolas, Mota sinala que é unha posibilidade que Medio Ambiente descarta. “Quizais sexa unha medida efectiva, pero nas reunións Medio Ambiente considera inviable esa medida polos altos custos de xestión que lle ve. Non é só colocar as xaulas, é logo xestionar como residuo os exemplares que se capturen”, sinala Mota.
Como vía para definir solucións, Mota é partidario de sentarse a falar para chegar a acordos. “O lugar podería ser unha comisión parlamentaria, con intervención de tódolos colectivos implicados”, apunta.
Claves da declaración de emerxencia cinexética
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe catro resolucións de Medio Ambiente, unha por provincia, coas correspondentes declaracións de zonas de emerxencia cinexética. Estas son as claves da medida:
– Permítese abater ou capturar xabaríns sen límite de exemplares, prioritariamente femias adultas e subadultas. Tamén se permite abater crías e femias seguidas de crías.
– Nos Tecores, as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no plan anual deberán ser comunicadas previamente á xefatura territorial competente en caza.
– Nas zonas libres de caza, as cazarías estarán suxeitas a autorización e deberán pedirse con 10 días de antelación. Ata o 6 de xaneiro, poderanse autorizar cazarías os luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos. Do 7 de xaneiro ó 25 de febreiro exclúense os sábados.
– Na modalidade de espera, poden agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, debendo indicarse expresamente as coordenadas dos postos fixos que se vaian ocupar.
– Nos Tecores, poderase autorizar ós propietarios dos terreos afectados a realizar persoalmente, ou mediante terceiros, esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético.
– Permítese o uso de visores ópticos durante as esperas nocturnas, así como fontes luminosas. Tamén o uso de dispositivos electrónicos, como detectores de movemento ou controladores de horas de paso, para a posterior realización de esperas nocturnas.
– Nos cultivos onde haxa danos, poderanse dispor cebadoiros con gran ou froitos, co obxectivo de aumentar a eficacia dos controis. Do mesmo xeito, permítese a captura en vivo dos xabaríns, con posterior sacrificio dos exemplares, de acordo co procedemento establecido pola Consellería de Medio Ambiente.