O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo coordina un proxecto de cooperación xunto co GDR Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes e GDR Terras de Pontevedra Norte para a ordenación territorial do solo agrario mediante o sistema de permutas.
Hoxe celebrouse no concello de Friol a presentación do novo proxecto de cooperación e a súa localización foi nunha das zonas implicadas no proxecto inicial de permutas. Ao mesmo acto estiveron presentes o conselleiro de Medio Rural, José González, así como varios representantes da Consellería, o presidente do GDR Comarca de Lugo e alcalde de Friol, José A. Santos, o alcalde de Outerio de Rei, José Pardo, a alcaldesa de Guntín, Maria José Gómez, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, o presidente do GDR Asdecomor e alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, o presidente do GDR Pontevedra Norte e alcalde de Lalín, José Crespo así como diferentes colaboradores técnicos do proxecto.
Porase en marcha en tres áreas piloto de Galicia
O obxectivo principal da actuación é poñer en práctica en tres áreas piloto con características diferentes o procedemento de ordenación da terra agraria mediante o sistema de permutas, que permita avaliar a súa aptitude para aplicalo en zonas onde non existan problemas ou identificación da titularidade da parcela, nin a necesidade de máis infraestruturas viarias, especialmente naquelas zonas con actividade consolidada e para mellorar a produtividade das explotacións existentes e/ou o nacemento de novas iniciativas.
Nas comarcas dos tres GDRS que participan no proxecto, o rural é un piar básico da súa economía produtiva, polo tanto, é o primeiro proxecto onde cooperan territorios moi similares que poden traballar en novos proxectos no ámbito da transformación e comercialización de produtos agrarios.
Esta cooperación é necesaria para mellorar a estrutura da propiedade agraria, reducindo o minifundismo para facer as explotacións máis eficientes mediante un sistema máis sinxelo e con menor custo que a concentración/reestruturación parcelaria.
Segundo o presidente do GDR 4 Comarca de Lugo e alcalde de Friol, outro dos principais obxectivos é “fomentar o aproveitamento dos terreos non utilizados, xa que ao estar concentrados se pode posibilitar a posta en marcha de novos proxectos agrarios e mellorar a produtividade dos existentes así como a favorecer a xestión da propiedade rústica xa que todas as parcelas resultantes do proceso de permuta terán, como mínimo, título público notarial”.
En definitiva, este proxecto de cooperación pretende plasmar sobre o terreo as múltiples posibilidades que ten esta figura de intercambios á hora de poñer en valor as terras agrarias e favorecer a redimensión das explotacións. Ademais, aspira a servir como elemento demostrativo e valorativo dos custos (a priori inferiores) dun procedemento que pode ter unha forte implantación en zonas con actividade agraria consolidada.