Proxecto para impulsar as permutas agrarias dos GDRs de Lugo, Ordes e Pontevedra Norte

Os Grupos de Desenvolvemento Rural das tres comarcas consideran que se trata dunha ferramenta importante para impulsar a reordenación de terras agrarias

Proxecto para impulsar as permutas agrarias dos GDRs de Lugo, Ordes e Pontevedra Norte

Imaxe do conselleiro do Medio Rural, José González, no acto de clausura do proxecto. // Fonte: Xunta de Galicia

O proxecto de cooperación ‘Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas’ é unha iniciativa colaborativa protagonizada polos Grupos de Desenvolvemento Rural de  Lugo, Ordes e Pontevedra Norte.

En si, as permutas forman parte xunto ás aldeas modelo, aos polígonos agroforestais ou ás agrupacións de xestión conxunta da “caixa de ferramentas” da Lei de Recuperación de Terra Agraria, e “ están predispostas para a súa implantación en áreas onde a presión sobre a terra é alta debido a existencia de múltiple actividade agraria, sobre todo, gandeira”, manifestou o conselleiro de Medio Rural, José González, quen estivo presente no acto de presentación da iniciativa, que tivo lugar na Cidade da Cultura este luns.

De acordo mutuo entre propietarios e aplicable noutras zonas

Estas permutas, declaradas de especial interese agrario “facilitaron a mobilización de arredor de 400 hectáreas no concello lucense de Friol e son froito do libre acordo entre os propietarios dos predios e do seu intercambio”, e así mesmo, “faise mediante un proceso consensuado bilateral e recíproco”, destacou na súa intervención José González.

“A posta en marcha desta iniciativa en Friol non só tivo como consecuencia unha mellora da estrutura das propiedades agrarias, senón que tamén serviu de punto de referencia para estudar a idoneidade de implantar este sistema noutras zonas de Galicia. Así, entre os concellos nos que se prevé actuar atópanse, ademais do de Friol, os de Outeiro de Rei, Guntín, A Estrada e Ordes”, avanzou.

“Deste xeito, as permutas son ideais para mobilizar terras en zonas con características singulares, nas que non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestruturas viarias”, engadiu o conselleiro.

Sobre outras figuras de reordenación da terra, González destacou que “entre 2020 e o que vai de 2023 rematáronse un total de 29 parcelarias na nosa comunidade, que abarcaron unha superficie de máis de 19.500 hectáreas, beneficiando a máis de 14.000 persoas, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade”, salientou. Da mesma maneira, sobre as figuras da Lei de Recuperación de Terra Agraria, como aldeas modelo, avanzou que “no 2024 aprobaranse os pilotos dos plans de dinamización de catro destas aldeas e que se porán en marcha os primeiros espazos agrarios de experimentación, nos que os mozos emprendedores poderán facer uso”, adiantou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información