A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza un curso sobre o manexo da oficina virtual de gandaría, da administración electrónica e das aplicacións móbiles da PAC. A formación terá unha duración de 15 horas e impartirase ao longo de seis días en horario de tarde, desde as 16.00 horas ata as 18.30 horas, a partir do vindeiro martes 27 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.
O obxectivo do curso é proporcionar os coñecementos necesario para facilitar as xestións coa Administración mediante DNI electrónico, Chave 365 ou certificado dixital, explicando o acceso á Sede Electrónica e á páxina de Notifica. Así mesmo, búscase que poidan acadar o manexo de forma autónoma da Oficina Virtual de Gandaría, ademais de introducir aos alumnos na xestión da PAC a través das aplicacións móbiles.
Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
Nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 960 207, ou enviarse un correo a oac.seca.betanzos@xunta.es.