A cooperativa CLUN e o IES de Melide impulsan o primeiro Ciclo Superior de FP Dual de asistencia gandeira do ensino público galego

Comezará o vindeiro curso 2023/2024 e CLUN acollerá a doce alumnos, que se formarán nas súas ganderías socias e co seu equipo veterinario . Este ciclo contribuirá a paliar a urxente necesidade de man de obra que demandas as explotacións galegas

A cooperativa CLUN e o IES de Melide impulsan o primeiro Ciclo Superior de FP Dual de asistencia gandeira do ensino público galego

Da colaboración entre o IES de Melide e CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace a modalidade dual do Ciclo Superior de FP de “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”, o primeiro destas características no ensino público da comunidade. Esta mañá presentouse no centro educativo, coa asistencia da secretaria xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.

A matrícula para este novo ciclo está dispoñible desde hoxe e ata o 5 de xullo. A Cooperativa CLUN asume o compromiso de acoller ata a doce alumnos nas etapas de formación en prácticas en ganderías socias e tamén aportando coñecemento a través do seu equipo veterinario.

A directora do IES de Melide, Ana Villar, manifestou que “conseguir que este FP Dual poidese ter cabida nun centro público como o IES de Melide é resultado de dous anos de traballo e reunións e a colaboración da cooperativa CLUN, completamente imprescindible para impartir este ciclo”. Indicou que “o que máis nos determinou a apostar por esta formación foi unha reunión que tivemos con gandeiros, que se amosaron dispostos a acoller alumnado e cun enorme interese en que este ciclo saíse adiante”.  

Necesidade de man de obra para mellorar a conciliación e lograr explotacións viables e máis competitivas

Tal como puxo de relevo Pablo Costoya, secretario do Consello Reitor de CLUN, atopar man de obra estable e cualificada é xa a maior dificultade coa que se encontran as ganderías familiares de camiño á profesionalización. CLUN detecta que esta é a principal preocupación, xunto á necesidade de investimento en modernización e ampliación das instalacións. Para dar resposta a esta necesidade, a cooperativa busca a través da formación camiñar cara a unha gandería galega cun maior tecido humano profesionalizado dispoñible”.

O 13% das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio, con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie; e outro 7% de explotacións grandes de máis de 160 vacas en muxido e 68 hectáreas de superficie agraria útil. “Este tipo de ganderías son as que demandan máis persoal, co obxectivo de garantir a conciliación e dispor dalgún tempo propio que permita mellorar a calidade de vida e, noutros casos, para manter a estrutura laboral que precisan estas explotacións e conseguir así que sexan viables e máis competitivas” -destacou Costoya-.

O éxito da Formación Dual

A modalidade dual non chegara aínda a este Ciclo Superior, así que supón unha novidade para o curso 2023/2024. Incorporarase en só dous centros en Galicia: o IES de Melide e o CEFA de Sergude.

A Formación Profesional aumentou un 24,4% desde o curso 2016/17 en España. Con todo, a media europea é dun 41% de titulados en FP, mentres que no conxunto de España se sitúa nun 36%. En particular, a formación dual está a ter moi boa acollida, alcanzando en 2021 o 3,8% de todos os graduados en Formación Profesional, ao tempo que segue a medrar tanto a oferta de ciclos como o número de alumnos matriculados nesta modalidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información