Os seis centros de formación e experimentación agraria (CFEA) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria -adscrita á Consellería do Medio Rural- ofertarán no curso académico 2023-2024 un total de 328 novas prazas que supoñen un incremento de preto do 9 % con respecto ao curso anterior e de máis do 17 % en relación co curso 2021-2022.
Trátase dos centros Pedro Murias de Ribadeo, Guísamo, Lourizán, Monforte de Lemos, Sergude e Becerreá. Así, no CFEA Pedro Murias haberá 30 prazas novas; en Guísamo, 115; Lourizán contará con 42 novas prazas, cifra idéntica á de Becerreá, e Sergude incorporará 99 prazas máis.
3 novos ciclos formativos
Ademais, en relación co curso pasado, incorpórase como novidade a posta en marcha de tres novos ciclos formativos na modalidade dual, que incide na alternancia entre o centro educativo e a empresa e que favorece a inserción laboral dos alumnos. Son o ciclo medio en xardinaría e floraría, no CFEA de Guísamo, o ciclo medio de produción agroecolóxica, no Pedro Murias de Ribadeo, e o ciclo superior de gandaría e asistencia en sanidade animal, no de Sergude.
Oferta formativa por centros
No CFEA Pedro Murias de Ribadeo a oferta elévase ata 30 prazas na modalidade dual con 15 para o grao medio de aproveitamento e conservación do medio natural e 15 de nova creación para a produción agroecolóxica.
O CFEA de Guísamo terá 115 prazas máis na súa oferta, ao incorporarse como novidade o ciclo medio de xardinería e floraría na modalidade dual e manter o ciclo no réxime modular de persoas adultas na modalidade semipresencial con 50 prazas, ademais doutras 50 prazas no grao medio de xardinaría e floraría (réxime modular de adultos na modalidade semipresencial).
No CFA Lourizán ofértanse un total de 42 prazas: 20 no grao medio en aproveitamento e de conservación do medio natural e outras 22 no grao superior en xestión forestal e do medio natural, ambas en réxime ordinario na modalidade presencial.
Canto ao CFA de Becerreá, ofértanse 42 prazas das que 20 corresponden ao grao medio en aproveitamento e de conservación do medio natural e 22 no grao superior en xestión forestal e do medio natural, ambas tamén en réxime ordinario e presencial.
Finalmente, no CFA de Sergude ofértanse un total de 99 prazas das que 22 son no grao superior de gandaría e asistencia en sanidade animal -o máis demandado e exclusivo deste centro-, polo que se engaden outras 22 adicionais pero por formación dual. Outras 20 prazas ofértanse no grao medio en aproveitamento e conservación do medio natural, ambas en réxime ordinario presencial. Haberá 20 prazas máis no grao medio de produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e 15 máis no grao medio en produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial).
Títulos habilitantes
En canto á formación non regrada para a obtención de títulos habilitantes, son cinco os cursos ofrecidos na modalidade de formación en liña por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no marco dunha plataforma que se potencia con novos contidos, a actualización dos xa existentes e a mellora da súa presentación, facéndoos moito máis atractivos.
Trátase dos de benestar animal nas explotacións, benestar animal no transporte de animais vivos, formación para o persoal que traballe con gando porcino, formación para o persoal que traballe con gando avícola e formación para o persoal que traballe con gando bovino. Estes dous últimos son novos este ano.
Esta formación proporcionaralles aos profesionais do sector o certificado exixible pola normativa que regula as súas actividades, co fin de poder exercelas e de poder contar coa pertinente acreditación de formación específica. Os novos formatos ofertados pretenden conseguir a maior interactividade posible entre o alumno e os contidos dispostos na plataforma, mediante o emprego de vídeos explicativos, xogos, imaxes, infografías, esquemas e outras ferramentas.
Dentro desta oferta en liña destacan tamén os cursos de aptitude empresarial agraria impartidos en formato semipresencial (b-learning) a través do CFEA de Monforte de Lemos. Estes cursos constitúen a formación necesaria para que aquelas persoas que non teñan a formación agraria suficiente a acaden e poidan acceder ás axudas á primeira instalación de agricultores mozos (18 aos 40 anos), que se incorporan como titulares ou cotitulares a unha explotación agraria, segundo as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotación agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria.