Flexibilízanse os requisitos para a venda de produtos ecolóxicos

Os vendedores de produtos envasados non precisarán certificación. Tampouco será necesaria no caso de tendas que comercialicen produtos a granel sempre que as vendas non superen os 5.000 quilos ou os 20.000 euros ao ano

O Mercado dos Domingos de Ribadeo ten lugar no entorno da Praza de Abastos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen normas en relación coa comercialización dos produtos ecolóxicos no mercado retallista e, especificamente, fíxanse determinadas exencións en relación cos requisitos que, con carácter xeral, deben cumprir as persoas operadoras que realizan esta actividade.

Así, todos os operadores que comercialicen produtos ecolóxicos envasados directamente ás persoas consumidoras finais quedan exentos da obriga de notificación da súa actividade ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e de estar en posesión do certificado esixible aos operadores ecolóxicos, sempre que a súa actividade sexa de venda ao consumidor final e non realicen outras operacións co produto.

Canto aos operadores comercializadores que vendan directamente produtos ecolóxicos non envasados que non sexan pensos (os comunmente denominados graneis), quedan eximidos da obriga de estar en posesión do certificado sempre que a súa actividade sexa de comercialización. Ademais, deben cumprir requisitos como non superar os 5.000 kg ao ano de vendas ou non ter un volume de negocios anual de produtos ecolóxicos sen envasar superior aos 20.000 euros.

A orde publicada no DOG recolle que todos os comercializadores, agás os que se atopan nas situacións de exención mencionadas, deberán notificar a súa actividade ao Craega e estar en posesión do certificado esixible aos operadores ecolóxicos, ademais de someterse ao control e certificación do dito Consello Regulador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información