O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o coordinador da Federación Rural Galega (FRUGA), Manuel Dacal Vázquez, e a deputada responsable da área de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, asinaron na sede da institución provincial o convenio para o financiamento do proxecto “Estudo, Análise de Viabiliade Económico-Social e Medio-Ambiental nas franxas da biomasa forestal nos Montes Veciñais en Man Común das comarcas do Barbanza e da Costa da Morte na Provincia da Coruña”.
O orzamento total deste proxecto ascende a 60.042 euros, dos que a Deputación achega 48.000 euros, o que supón o 80 % da actuación.
“O obxectivo deste estudo é o de establecer medidas de apoio ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común para acadar un maior coñecemento das posibles viabilidades económicas, sociais e medioambientais da xestión da biomasa forestal, naquelas superficies dos seus montes nas que é necesario establecer faixas de protección de carácter social, como é a prevención e a loita contra os incendios forestais”, explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.
A Federación Rural Galega ten como finalidade principal a defensa dos intereses das asociacións vinculadas ao medio rural galego e asociadas ás mesmas así como tamén a información, a formación, a investigación e a transferencia de coñecementos en actividades relacionadas co rural galego, en calquera das súas formas.
Ademais, o servizo desenvolvido pola entidade está a levar a cabo diversas actuacións no eido do medio ambiente, que teñen relación cos Montes Veciñais en Man Común, en aplicación da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais, e a repercusión económica de custos de xestión da biomasa forestal nas superficies afectadas polas faixas de protección de redes secundarias e terciarias, e a formulación de alternativa para a sustentabilidade económica e social por medio dos aproveitamentos.